Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

terça-feira, maio 02, 2006

Herria

Se vostede pasou por aquí estes días e non atopou nada e aínda así volveu agora, merece, como mínimo, unha explicación da miña ausencia. Cóntolle: quen lle escribe colleu, a verdade é que nun primeiro momento sen moitas gañas -por cuestións xa citadas ou que non veñen ao caso-, e montou nun coche de alugueiro con tres individuos máis -o resto ían noutro coche- rumbo ao que en Madrí coñecen como "España verde" ou "provinciasvascongadas" ou "dondehayterroristas" e que eu prefiro chamar Euskadi ou Euskal Herria.

Por cuestións que tampouco veñen ao caso, basicamente económicas, o noso aloxamento situouse en Castro Urdiales, unha vila de xente de cartos a vinte minutos de Bilbo. Despois das tropecentas horas de viaxe grazas á non-nata Transcantábrica, chegamos a un sitio que reserváramos por teléfono, léase pensión ou máis ben GALPÓN, chamado "Habitaciones económicas"(non vaia, señora, non se lle ocurra), do que fuximos ao día seguinte porque nos daba noxo, así, sen contemplación ningunha, noxo puro e duro.

En fin, o tema éra contarlle como foi a cousa: pois a verdade é que, en liñas xerais, bastante ben. Como non vou facer a estas horas da noite un relato exhaustivísimo, chantareille aquí as imaxes que se me veñen á cabeza despois destes catro días.
-Concellos coa Ikurriña e nada máis.
-Camareiro enorme que bota broncas por pedir cortos, porque quere "hombres con los pantalones enteros". Señor majísimo.
-Quiosqueiro que me vende Gara en euskera.
-A zona vella de Donosti e cear na taberna Herria, para os composteláns e demais familia, vén sendo un Avante pero no que tamén podes cear, tremendo.
-Moito, moito mar.
-Rir ata chorar e dobrar da dor de estómago: escoitando a Juan Pardo e a Xil Ríos coas ventanillas abertas, imitando a persoeiras diversas, ou facendo de chorvonenos no coche.
-Pasear por vilas que me dan envexa, por saber alí a maioría da xente o país en que viven.
-Entrar nun tendecho no que un home de cincuentaetantos da asociación Euskalduna nos pregunta detalles sobre o nacionalismo galego.
-Pensar que se nota que estou noutro país, e que se nota cando andas por un país rico.

En fin, houbo moitas máis experiencias e cincuenta e unha cousas máis importantes que contar, pero coido que se pode resumir en que visitei e tentei coñecer un pouco dun país que me gustou moito, que dei con xente ben simpática e que me gustaría que, nalgunhas cousas, nós nos parecesemos un pouco a eles.

Nota mental 1: quero autoestradas como as vascas.
Nota mental 2: a cara que poñen os españolitos -léase cántabros- ao escoitar falar galego.