Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quinta-feira, abril 27, 2006

Por una juventud sin mácula, señora


Pásanme por correo un videoclip que, sen dúbida, cambiará a miña vida. Recén chegado da Asociación Nuevo Renacer, que ten coma berro de guerra "por una juventud sin mácula", este exitazo do grupo Los Happines: "Amo a Laura, pero la respetaré hasta el matrimonio". Merece especial mención a voz de pito do loiro no retrouso da canción. Moito máis en nomirestv.com. Reflicte isto a liña dura acebes-zaplanista de los jóvenes españoles-de-toda-la-vida?

terça-feira, abril 25, 2006

Teño que...

Miña nai querida... o simple feito de estar escribindo estas liñas xa é, en senso estrito, un acto de irresponsabilidade. Emáis sabendo todo o que teño que facer. Teño que... teño que... levo todo o día tendo que. E van dar case as nove, e resulta que aínda non creei a parte dunha tele infantil que me corresponde, nin analicei o programa que tiña que facer... ves? así todo o día
Entre unhas cousas e as outras, non me queda tempo para pensar nin tampouco para escribir por aquí, e iso non pode ser... cando un se está propoñendo obrar e mesmo facer unha casa nova, non pode desatender a que aínda ten.

Nota mental: todo isto nun día no que houbo quen decidiu presentarse coma alternativa, por fuciños e cacheiras. A ver como lle vai... co meu voto conta eh!

O povo é quen mais ordena

Ando estresado, entre bastante e moito. Aínda así, sería case pecado non lembrar o 25 de abril, o que conseguiron os veciños-irmáns e tamén o espírito do que se fixo. Por iso, 25 de abril sempre.

sábado, abril 22, 2006

O canso que anda un...

A verdade é que estes días tiven isto un tanto desatendido. Entre a reconfortante experiencia interblogueira (que tratarei como se merece nun vindeiro post) e ser bolseiro chico-para-todo á vez que practicaba o meu portugués macarrónico, non tiven demasiado tempo. No entanto, unha reflexión: é posíbel que un servidor se mude de casa a unha máis noviña aproveitando a intención de comezar a obrar nestas dependencias. Seguirei informando.

segunda-feira, abril 17, 2006

Imaxes para non esquecer


Levaba tempo con gañas de incorporar o video á miña casiña virtual. Mergullándome un pouco no Blogomillo descubro, na de Imeneo, que xa está por aí pendurado o vídeo da traída dos restos de Castelao. Coido que é un bo xeito de comezar, polo importante do documento e polas múltiples reflexións ás que pode dar lugar. Contexto televisivo: imaxes en directo de Televisión Española en Galiza (TVE-G) e narración da xornalista Tareixa Navaza, nunha retransmisión que foi posíbel grazas a Alexandre Cribeiro, quen sufriu represalias por este labor xornalístico.

domingo, abril 16, 2006

O que colle nunha noite

Nunha noite collen moitas cousas. Tantas como as seguintes:
-Unha botella de licor-café.
-Frases de Bono (José), concretamente a repetición saciante de: "Todoj loj que compartij conmigo el amor por Ejpaña, repetid, Vivajpaña!".
-Sentenzas do señor alcalde de Lugo, tamén repetidas con saña: "O amor a Lugo non é patrimonio exclusivo de ninguén".
-Varias Estrellas (Galicia)
-Cancións de Fuxan os Ventos.
-Unha minigaiteirada.
-Bailes diversos.
-Viño barateiro e carne asada (sen café nin chupito)
-Reencontros
-Descubrimentos de mutacións, como aquelas que fan que unha persoa decente perda o acento á altura da Cibeles e traia de alá tempos compostos na lingua e razonamentos en contra dalgunhas cousas que para min son evidentes, feito que provoca, certamente, moita decepción.
-Atopar un novo garitodemalamuerte.
-Deturpar etilicamente ao Jarbanzo Negro cantando "En Lacuruña de rompí, te cuento mi vida".
-Bailar o agarrao en enorme compaña.
-Roubar cubiños de xeo.
Nunha noite collen estas e moitas máis, de seguro. Tamén reflexións profundas, dor de pernas e tres ou sete tentativas de dicir aquilo de "bueno, eu marcho prá casa".

Preciso unha semana, non terás por aí?

Hai un anaco decateime de que, co almanaque na man, preciso que este mes teña, polo menos, unha semana máis. Entre compromisos remunerados, vindeiros encontros transcendentais e visitas de lecer, quen lles fala acaba de adquirir un solemne agobio... e un pasaporte cara ao cataclismo familiar tamén. Aborrezo este tipo de situacións, e crea vostede que me atopo realmente contrariado, porque creo que se a corda ten que crebar por algún lado, creo que xa sei que treito da mesma é candidato á ruptura. Tentarei facer as pertinentes xestións para esa extensión dunha semana, pero coido que non está doada a cousa.

Nota mental: Como resultado de devanar os miolos entre datas e almanaques sinto un punto de estrés nada recomendábel, adoita rematar nun punto de tristura e espesamento mental.

sábado, abril 15, 2006

Viaxiña terapéutica de evasión

Ando senil. Levo dous días para escribir unha postaxe sobre a miña mini-evasión vacacional e non fun quen, por desmemoria ou por "fago isto e agora escribo". O tema é que collín o asfalto radial pequeno-imperial que pasa por casualidade polas latitudes dende as que escribo a tal hora para me dirixir ás terras do Noroeste. A verdade é que, ademais de ter que mencionar a gracieta típica de que The City está coma núa sen Paco, merecen ser mencionadas máis cousas englobadas nunha deliciosa tarde de sol, cun vento que me curou a dor de ouvidos e con horas desexadas que souberon a gloria compartida e nas que descubrin partes moi bonitas daqueles lares. Teño unha preciosa foto no móbil, a ver se a colgo por aquí. Dixen.

Nota mental: Kinki que pita e berra en cochazo con su ja al lao, neno, por parar no cedaelpaso dunha rotonda -léase redonda- para que pase un coche que ten preferencia. Tu es que estás liló, chorvo.
Nota mental 2: na rosa dos ventos da Torre de Hércules, que representa as nacións celtas, pon "Galiza".

sexta-feira, abril 14, 2006

75 anos de algo que apuntaba mellor que o de agora

Hai hoxe 75 anos que iniciaba a súa andaina a II República Española. Non é o meu ideal, nin sequera o desexo coma panacea política. Mais coido que outra República, federal, estaría moito mellor para partirmos cara ao que, para min, si é algo máis ideal. De calquera xeito, e xa dun xeito máis ou menos obxectivo, o certo é que foi un período democrático, para min mellor ca unha monarquía, que rematou pola pouca amplitude de miras e grande ansia de poder irracional e nacional-católico. Pertenciamos a aquilo, puxéronnos cambadelas mil no camiño, pero quen sabe onde poderiamos andar se só lembrasemos o 36 porque ía despois do 35 e antes do 37, e porque era o ano no que botou a andar o primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza.

terça-feira, abril 11, 2006

E despois era España a invertebrada... (risas)

Leo en El Progreso de hoxe a noticia que corresponde ao recorte que podes ver aquí enriba. Resulta que a autoestrada Santiago-Lugo, igual que outras infraestruturas, verba tan prostituída, deixan de ter prazo para 2010 para pasar á bonita data cuandodiosquiera. Éche o que hai. Un, que non é nada amigo de adoptar como propios discursos grandilocuentes sobre o tema do cemento e o alcatrán, a verdade é que si ten cousiñas que dicir sobre o tema. Non é de recibo, xa sexa por cousa do Plan Galicia aquel mítico e mitolóxico, polo Plano Estratéxico de Infraestruturas ou porque o sol sae pola mañá, que unha autoestrada que tiña que estar integramente rematada no 2010, comece a construírse, con sorte, en 2008.
Todo o xa relatado é especialmente grave se temos en conta que esta autoestrada é un dos piares sobre os que se debe asentar a vertebración do país non tendo coma eixo gravitatorio Madrid, senón a propia Galiza e, por extensión, a súa capital, Compostela. A gravidade aumenta, ademais, ao ter en conta que a autoestrada vai dende Santiago ata Lugo, centro urbano fundamental -e case que único- do nor-leste galego e que ten unha única vía de comunicación (de trens xa falaremos noustro momentiño que teñamos) de gran capacidade, a A6, autoestrada Madrid-A Coruña e que pasa por Lugo porque cadra así.
Así as cousas, e aproveitando as datas, oremus, porque fai boa falta. Mentres e non, sempre se poderá seguir apostando pola Empresa Freire, S.L, se o que se quere é tranquilidade, ou ben coller o cochiño, quen poida, e orar tamén para non coller diante ningún camión nos treitos de non-autoestrada. Así andamos.

Nota mental: pódese queixar un do atraso das infraestruturas sen dicir "Zapatero" unha soa vez :).

segunda-feira, abril 10, 2006

A Rede un pouco máis normal (-izada)

Uns anos porque non puiden, outros porque se me pasou... o certo é que nunca puiden asistir á rebautizada Xúventude Galiza Net (XGN). Sempre me falaran ben da "party" ou encontro informático en cuestión, mais eu sempre tiña algunha que outra reticencia (aparte do precario ou non do meu disco duro ou das dúbidas sobre a miña capacidade de resistencia sen durmir tres días e tres noites diante dun maquinillo tecnolóxico), baseada, fundamentalmente, en que o organizaba a Xunta e que todo o que soase a galego era purita casualidade.
Pero bueno, "pasou o que pasou" e este ano á XGN caeulle o -cia e naceulle un -z, que trouxo consigo software libre e en galego e outro aire..., acompañado por, entre outras cousas, mensaxes coma o do debuxiño que antecede estas liñas. Hoxe á tarde paseei por alí... moi bo ambiente e moita xente... nin eran maioría de galego-falantes nin saíron tod@s convencidísimos do importante de galeguizar a súa vida e o seu ordenador. Mais sementouse, e seguro que algunhas desas sementes tirarán cara a arriba. Non só de grandes e farragosos discursos vive o país. Tamén de ordenadores e de xente moza e un pouco friki, coma un servidor.

Nota mental: excelente especial de Vieiros para o evento, e tremenda a Vieiros TV.
Segunda nota mental: que lle parecería á outra banda do goberno que o invento saíse entre ben e moi ben?

quinta-feira, abril 06, 2006

A Carballeira

Onte, como dende hai dez e pico de anos, celebrouse a Festa da Carballeira no Campus de Lugo. Xa se viña anunciando, coma sempre, dende hai días. Vaia por diante que quen lles fala faino dende cen quilómetros e pico, xa que por motivos que non veñen ao caso, non puido asistir, así que apliquen ao que direi, todos os sesgos que consideren oportunos.
Unha das cousas que se fan fundamentalmente na Carballeira é beber, viño, calimocho e outras cousas, ata aí, todos dacordo, non? Durante máis dun ano, e de dous e de tres, esta festa era organizada polos CAF, mesmo en máis dunha ocasión coa colaboración da Deputación de Lugo, a de Cacharro.
Que pasa? Que agora estamos en tempos de "macrobotellones"... seguindo a dinámica de Albacete, Murcia ou Sevilla, todo o que cheire a festa, mozos e aire libre -e alcol, tamén alcol-, é un macrobotellón, polo que o Concello de Lugo -o de Orozco- non concede autorización para celebrar festa ningunha na Carballeira. Se non hai autorización, a festa non existe, e non hai organización, nin colaboración, nin farrapos de gaita.
Porén, pregúntome: quen converte a Festa da Carballeira nun macrobotellón deses? evítase o consumo de alcol, tal e como se proclama en moitos discursos que cheiran máis a criminalización e fariseísmo que a outra cousa? Que pasaría se A Carballeira, no canto de estar no campus -isto é, na Acea de Olga, un dos barrios "bien" de Lugo-, estivese nun barrio marxinal?

Nota mental: tamén hai animaliños de dúas patas que mexan nos portais ao saíren de pubs de 5€ a copa. E son igual de animaliños, nin máis nin tampouco menos.

segunda-feira, abril 03, 2006

Ibarra, ese talibán!

Un, afeccionado ao humor, está suscrito ao boletín diario de PeriodistaDigital.com, máis que nada para andar informado de cando racha España e tal. Pois ben, cal non sería a miña sorpresa ao recibir esta noticia, Ibarra é talibán perdido e o 11-S comezou en Mérida! E aínda por riba o confesa con cara de risa! Obviamente era un erro que xa corrixiron, pero, imaxínao por un momento co turbante e falando en Al-Jazeera en plan ameazante.