Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sexta-feira, março 31, 2006

Vivir para ver (e escoitar)

Señora, cabaleiro, o que lle vou contar é tan verídico como a vida mesma. Hai cousa de vinte minutos, a golpe de doce e pico da noite (hora GMT +1), soa o meu móbil e na pantalla aparece "Número privado". "Quen será?"... normalmente este tipo de chamadas son polas mañás e adoitan relacionarse con "tellamoporlodelaentrevista" ou "podríarespondermeunaspreguntas?" ou no seu defecto "podespasarporaquírecollertalpapel?". Pero non, non era un secretario da Xunta fóra de horas requirindo a miña presenza para tal trámite, nin sequera unha funcionaria que me pide o cuestionario para que o de turno o vexa antes de conceder a entrevista. Tampouco era a señorita da Telefónica dicíndome o preciosa que sería a miña vida se nela entrase Movistar.

Nada diso. Era unha moza (deduzo pola voz o do sexo e a idade) que en actitude altamente lividinosa me facía saber que estaba tendo contacto táctil coas súas partes máis pudendas, á vez que me convidaba a facer o propio e se interesaba polo meu estado térmico, todo isto con problemas de respiración e bastante ansia. Comprenderá o agudo lector a cara que lle quedou a quen lle fala... e imaxinará, coma min, a cara que lle quedou a ela cando lle comuniquei aquelo de "creo que te equivocas eh...".

Nota mental: Será unha promoción brutal do Salón Erótico do Atlántico (SEDA)? Se vestiron de coiro e porno ao Luar da semana pasada... o mesmo tamén fan isto.

quarta-feira, março 29, 2006

Tremendo ciber-maquinillo ao servizo do galego

Xa o esquecía: teño unha recomendación para o agudo lector e a avispada lectora, que seguro que agradece o novo chintófano que nos proporciona Vieiros: un maquinillo (léase tradutor) virtual que nos permite mergullarnos no xornalismo ficción e imaxinar que vivimos nun país un pouco máis normal, onde os principais xornais están en galego. Tamén algunhas marabillas editoriais, coma Libertad Digital, en "lengua vernácula" (que se entere Fede, por Dios!). Se queredes máis información e empezar a usar esta marabilla da tecnoloxía, aquí tedes a ligazón

Como Fede!

Leo en Xornal.com unha noticia cuxos efectos son terapéuticos, pola risa que dan. Resulta que Jiménez Losantos, na súa carreira particular por se superar a si mesmo nos xogos olímpicos da furriqueira verbal, agora vai e métese con Don Manuel acusándoo de centrista e de desenvolver unha política cultural como a de Pujol (Don Manuel, ese galleguista). Tamén lle espeta que pactou con Felipe González e que non lle quere moito á liberdade, iso último así illado é verdade, pero posto na boca de Fede... xa se sabe. Para mostra, un botón:
"Manuel Fraga convertido al centrismo después de hundir a su partido, tras servir eficazmente en la Dictadura y bastante menos eficazmente, pero también en la Democracia a la derecha española, tras pactar en el sofá con Felipe González, tras disimular con el GAL y la corrupción, bueno pues luego hizo un trabajo en Galicia bastante bueno, excepto en lo cultural donde copió la política de Puyol."
En fin, que vos recomendo encarecidamente que vos deleitedes co texto e, se xa fixestes a dixestión, escoitedes o audio (de Fraga fala do minuto 23 en diante), no que se di a palabra "Zapatero" unhas mil veces e Fede mesmo se mete co Rei. Outras perlas cultivadas: que esquerda sempre foi ben encarreirada e que a dereita está dividida e algo anárquica. Por certo, canto lle pagarán ás rapazas que len as noticias para darlle pé a Fede a que Feda máis e máis?

segunda-feira, março 27, 2006

Unha noite na CMFP

Chegou o momento de compartir co curioso lector as experiencias de quen subscribe na "Catedral Mundial do Folclore dos Pobos" (CMFP). Na imaxe que antecede a estas letras poden ver parte do esplendor da noite do pasado venres; O'Xirarei diante de dous vasiños de LicorCafé, o Gayoso con Moncho Borrajo -que imitou a Don Manuel- e algúns habituais coma Los del Río ou os enormísimos Golden Apple Quartet. Presten especial atención á Señora de Palmírez ou a stripper que medía aproximadamente metro e vinte (máis baixa ca Gayoso mesmo montada nuns tacóns-andamio). Ademais, tremenda actuación de San & San, onde un cliente dun bar elixía na carta de conversas a que versaba sobre o tema "Se rompe España".
Recoméndolle a vostede que visite a CMFP, pase pola súa cafetaría, conviva coas Señoras con camisolas de pedrería, vexa ao Aplaudidor ou tipo que fai gracietas antes do programa... Confeso que o pasei ben, señora, eu tamén o pasei ben... á fin e ao cabo, vintetantos proxectos de xornalistas na CMFP, que outra cousa poden facer senón "MONTARLA NENO, MONTARLA".
Máis momentos para a lembranza colectiva aquí

Notas musicais mentais:
Los del Río - "Ay, Celia!"
Los del Río - "El mariachi loco"
Golden Apple Quartet - "Cotton Fields"

sábado, março 25, 2006

Días freaks

Ando a agardar que certo ollo viaxeiro volva dos seus feriados e me remita imaxes abondosas da catódico-friki-patriota-capitalista excursión do dia de onte que puiden compartir cunha presada de proxectos de xornalistas, coa fin de lles ofrecer unha postaxe monográfica sobre tan magno evento. Mentres e non, saiba o avispado lector que quen lles escribe está obsesionado con esta obra mestra. Gocen dela :) (localizado o emepetrés vía A Regueifa, grazas!).

terça-feira, março 21, 2006

Cousa triste, oiga

Chega isto ao meu correo e eu plásmoo neste espazo, non con ánimo de difusión, aínda que haxa quen me diga que isto é publicidade, pero antesmuerto que non volo ensinar aos que non vos chegue. Mobilización xuvenil, reivnicndación, somosmayoresyhacemosloquenosapetece. Para non durmir en tres días, señora. Lean e gocen:

¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡NOS CERRARON EL
OBRADOIRO¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡ ES INDIGNANTE.
Los políticos y demas personas del ayuntamiento nos quisieron hacer
callar el pasado dia 9 en el gran macrobotellón pero no lo van a
conseguir.Somos mayores y hacemos lo que nos apetece.
Ási que NUEVO MACROBOTELLON EN SANTIAGO Y NO SE PUEDE FALTAR.

SANTIAGO TIENE QUE SALIR MAS EN LA TV.
PRÓXIMO JUEVES 23 EN LA PLAZA ROJA A PARTIR DE LAS 23.30.
AHI NO PUEDEN VALLAR.

SANTIAGO TODOS JUNTOS, NO SE PUEDE
FALTAR ¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡

PASARLO A TODOS VUESTROS
CONTACTOS.....................

segunda-feira, março 20, 2006

The army needs you / Españoleando

O pasado sábado, exercendo a miña faceta paso-pola-casa-son-bon-e-fago-de-taxista, pasaba eu polo andar baixo a alegoría do capitalismo lugués que é o centro comercial con pretensións históricas: "As Termas", para os non doctos na materia. Pois ben, neste sitio hai un treito de corredor no que se forma unha praza na que comparten espazo eses vestidores universais que son as franquías... léase Inditex en pleno, Springfield, H&M e outros que non lembro -non deixen de visitar unha que lle chaman NewYork ou algo así, que vende uniformes de peñachunga, no meu barrio trunfaría con ese luk, algún día tratareino polo miúdo.
Xa me disgregaba: o tema, na praciña en cuestión había dúas señoritas vestidas de militares (diferenzábanse das chorvonenas do meu barrio en que por riba tamén ían vestidas de todo) e un paisano cun pc portátil. Detrás tiñan un biombo coma o que leva o Quin cando actúa fóra da casa cun fulano pintado coma "El último Mohicano" pero en versión Spanish Warrior. O lema, curradísimo: Brigada Aerotransportable, profesionales de la audacia. Púxenme a pensar en alto e un dos meus axentes bioloxicamente superiores, léase nai, fixo "shhhhh jejejeje".

sexta-feira, março 17, 2006

Xentes contracturadas

O mundo pódese reducir a un só músculo... qué triste pode chegar a ser o mundo. Levo matinando un anaco sobre isto. Onte estaba contracturado, dopeime e dilapidei a mellora nun traxecto automobilístico que me deixou en niveles semellantes aos da tarde de onte... agora estou algo mellor, non se agobie o sempre ben intencionado lector.
A cousa esta da contractura e a conseguinte dopaxe provocou que, unha vez ceado, desenvolvese unha práctica que había moito, moito tempo que non tiña por costume, como é o de ficar tirado no sofá mentres a tele cuspe o que quere sen eu poder evitalo. Ademais de sentir, de súpeto, como volvía aos quince anos (xa pasou), atopeime toqueneando, case medio durmido, ata que unha tola -no mal sentido da palabra- berraba algo así:
-Telecinco tiene un programa en praintain, nosotros tenemos un programa en praintain, y ahora Televisión Española tiene un programa en praintain!!!!!
A señora esta, chea de paixón, continuaba a súa proclama dicindo que o Jesús Quintero, o coñecido Loco de la Colina, entrara de cheo no "xénero" (aberración?!) cardíaco-xornalístico ao entrevistar a Pepe Navarro. No entanto, chegaban sms á pantalla en plan "Pepe, fenómeno" ou "Pepe Navarro vete". A señora dixo "demagogia" un par de veces".
En fin, que non vou entrar na polémica entre outras cousas porque non sei de que vai a festa... pero penso que hai xente (audiencia e produtores de contidos televisivos) que ten a contractura pasados os ollos e seguindo cara a arriba, e iso é máis preocupante ca o meu. Cada un consólase como pode.

Contractura (dise así?) a golpe de xoves

Xoves universitario, festa con fins recaudatorios e outra festa na propia casa, coma quen di. No entanto, un servidor tirado na cama servíndose das novas tecnoloxías mentras sobreleva a base de dopaxe unha contractura (dise así en galego?) desas que sempre teñen os demais e que lle impiden desenvolver con corrección unha das súas funcións básicas, como é a de estar sentado. Isto serve para descubrir que Feijoó foi a Noche Hache ou que existen moitas razóns para seguir vendo entre pouco e nada a tele.
Por certo, vaga de demisións na Radio Galega... debería escribir sobre o tema, a ver se mañá. No entanto... saco a cuestión para que vostedes, mentes espertas como poucas, vaian reflexionando. A miña contractura e mais eu tentaremos ir para a cama.

domingo, março 12, 2006

As uvas na solaina

Descubro vía Arredemo un novo blogue con boa pinta: As uvas na solaina. Ten apenas catro días de vida e é obra e graza de Marcos Valcárcel. Tenme boa pinta, entre outras cousas, pola entrada ilustrada con esta viñeta. Non é só a homenaxe ao seu autor, Xaquín Marín, que a merece. E que esta en concreto paréceme tremendamente boa!

Felices 300 :)

Coa postaxe que podes ler un pouco máis abaixo, chegamos a 300. Trescentas cousas que se me ocurriron, trescentas divagacións que noutrora remataban nunha folla de libreta, nun folio ou en ningures e que agora ti les -ou non-. Está claro que o blog é un servizo público, aínda que só sexa para quen o escribe ou que o sexa en maior medida para o seu autor ou autora que para quen o le ou olla. A verdade é que este espazo cambiou bastante, non sei se para mellor ou non, dende decembro de 2004, cando se me deu por comezar a pendurar un sector do meu miolo na Internet.
Levo tempo dándolle voltas, e coido que vou aproveitar este paso dos 300 para comezar a obrar. Como en toda casa, iniciar as reformas nunca é doado... sempre adiamos o momento de chamar o fontaneiro, aínda que a pinga que cae da cisterna co seu tic tic tic nos estea poñendo dos nervios. Sempre hai un momento mellor para repintar a parede, aínda que o Gernika sexa un debuxo mal feito ao lado do manchón de humidade que levamos vendo dende hai meses... En fin, que nos próximos tempos -non direi se días se semanas, porque non o teño moi claro nin eu- irás notando, se segues pasando por aquí, certos cambios estéticos -de estilo non, porque para iso tería que saber cal é o meu estilo- e de orde. A ver se che gustan.
No entanto, felices 300.

sexta-feira, março 10, 2006

Se me hace a un ladito y me va enseñando el deneí

O tema botellonístico destes días tenme especial chiste. Obviarei repetir o xa dito onte, e tampouco farei especial fincapé no tratamento dos acontecementos por parte dalgúns medios e especialmente dalgúns outros, que non se privaron mesmo de chamar a atención sobre as minisaias de las jovencitas asistentes al evento. O tema que me ocupa agora é outro. Onte, non con intención de asistir ao acontecemento etílico en cuestión, senón de camiño a outro sarao, pasei polo centro neurálxico da actividade. Nin unha alma. Agora ben, uns señores cun leonciño en cada manga e cara de mala hostia, estaban apostados en cada unha das entradas da praza. Acompañándoos, outros señores menos preparados, pero con igual cara de mala dixestión, intimidaban ata ao Matamouros de enriba do Pazo de Raxoi. Nas Pratarías e na Quintana, máis do mesmo.
Resultado: houbo un botellón na Alameda, probabelmente con algo máis de xente ca outros xoves, mais non moita máis. No entanto, no centro histórico, a salvagarda da lei e a orde rexistraba bolsos nos que non collía nin un vaso baleiro a ver se atopaba botellas, empurraba mozos que cantarruxaban e espantaban a clientela dalgúns locais. Tamén aproveitaban para mirarte coma se foses o fillo alcólico do Ben Laden, rosmaban polo pinganillo e enchían de valados e coches a pedra de Compostela. Éche o que ten a violencia lexítima e tal.

quinta-feira, março 09, 2006

Botellóns históricos, seica

Nos últimos días anunciábase por aí e hoxe confírmanos algúns dos nosos medios de comunicación preferidos. Convócanse macrobotellóns na Coruña, Vigo e Compostela. Este último é o que me dá voltas na cabeza. Sempre estiven en contra deses vecinosindignadísimos que teñen coma principal entretemento criminalizar a quen está tomando unha copa nunha praza ou parque calquera, aos seus negocios, alegando que son a fonte de todos os males, que o alcol está destrozando á mocidade etecé etecé cando o único que lles preocupa é que o seu portal cromado apareza medio mexado ou non poder escoitar con nitidez Noche de Fiesta ou algún dos seus sucedáneos no sábado noite.
Se ben, como xa afirmei, estou moi en contra destes señores e de todos aqueles que identifican á xente moza coma un tropel de descerebrados que teñen por miolo unha botella de vodka mesturada con droghas (que os hai) tamén me inquietan certas cousas que paso a relatar. Convócase un macrobotellón de tropecentos miles de persoas na praza do Obradoiro:

  • Para seguir a tendencia de cidades españolas coma Sevilla ou Albacete (creo). En fin, o toque españoleiro da cuestión non o quita ninguén, pero probabelmente neste caso sexa o de menos.
  • Nunha praza que é, coma o resto do centro histórico, Patrimonio da Humanidade.
  • Onde se sabe positivamente que vai estar a policía ata dentro dos vasos de litro. Hoxe mesmo un concelleiro asegurou que se a xente desprazaba o evento ata a Alameda, alá eles e os seus fígados, que non se vai meter ninguén. Neste caso, para min, non é pregarse diante da represión do poder e todas esas cousas, senón ter "sentidiño" -verba tan prostituída, por outra parte-.

Eu, coma moitos, estiven de botellón máis de unha e de vinte veces pero, a verdade, coido que se pode beber na rúa, mesmo para batir marcas de cinco, seis ou tropecentas mil persoas. Mesmo acadando repercusión mediática e saíndo mañá mentres os escandalizados comentaristas de Antena 3 se laian pola fin da mocidade decente. Pero non custa nada marchar para a Alameda, enchela, que reborde de xente, beber ata cansar, e ao tempo meter as botellas e vasos baleiros nunha bolsa e tiralos a un colector, e ademais evitar que se encha de merda a pedra compostelá, que bastante ten co lixo dos bares.
P.D: No correo-e que convoca o botellón da Coruña un dos argumentos principais é "no vamos dejar que en Vigo sean más que en Coruña". Tristes momentos os que vivimos.

Es que sí...

Vexo na web da Cadena SER a noticia de que os empregados do Barça colaboraron no reparto dos cartaces e faixas co lema "Catalonia is not Spain" no último partido do Barça, unha campaña impulsada dende as mocidades de Convergència, Joventut Nacionalista de Catalunya seica. Como poderá observar o avispado lector, o tratamento desta información é un exemplo de profesionalidade xornalística. O día de mañá cando eu estea traballando nun medio destes bienpensantes, vou poñer, poñamos por caso, calquera homenaxe destas á rojigualda e ao lado LAMENTABLE. A ver canto dura. Ai, es que si.

quarta-feira, março 08, 2006

Días violetas

Hai días intensos. Algúns mesmo tan intensos que espertas antes das oito da mañá, entrevistas a un compañeiro mutado en Paco Vázquez, convérteste en Aymerich e nunha representante da plataforma contra Reganosa, fas de amanuense ilícito nun exame que contabas que fose unha catástrofe e mesmo participas na organización -menos do que quixeras, por culpa de todo o anterior- dun videomatón tan violeta coma o propio día. Porque non o esquezas, o día de hoxe, como a maioría, é en gran parte violeta. E como dicía un amigo: e quen diga que non, síntoo, pero está trabucado.

sábado, março 04, 2006

O que se fai cando hai cousas que facer

Fun a unha festa de entroido cando xa non era Entroido, horas máis tarde -correspondentes xa ao día seguinte- fun tentar aprender como preparar e desenvolver unha entrevista a un personaxe público co que deberei falar pero non. Vivir para (non) ver. O aire atemporalado lembroume que aínda estamos en inverno e, despois dun treito de taxista vocacional no que o vento meneaba o meu habitáculo e unha visita á segunda catedral coa fin de me abastecer do básico para a fin de semana de traballos forzados... fun coa intención de me poñer ao choio.
Vou necesitar SuperNanny desas
A tal hora, non fixen nada do que tiña pensado, tarefas domésticas á parte. Mira ti que hora é e eu sen durmir. E mañá a ver quen me ergue. A min facíame falta a SuperNanny esta -que descubrín hoxe nun deses episodios "fago o que nunca faría coma excusa para non facer o que teño que facer", que para os que, coma min, non vexades a tele, explícovos o que é. Trátase dun programa de Cuatro, do que xa me falaran, no que unha familiatípicaespañola con fillos repelentes meten as cámaras e a unha pedagoga, psicóloga ou algo semellante na súa casa para levar ao rego aos pícaros díscolos. Non perder os momentos en que os sufridos papás ensaian as reprimendas para os pequenos coa experta en cuestión. Tremendo.
Feijoó, ese radical
Ah! Xa esquecía apuntar para a posteridade outra nova experiencia en TDT: Intereconomía TV, unha canle de información económica e nacional-zaplanista, entrevista nun programa que é coma o Crónicas Marcianas do españolerío radical ao señor Núñez Feijoó. Entre os entrevistadores, Julián Lago, o señor aquel de La Máquina de la Verdad, dos primeiros tempos de Tele 5. Pois o pobre de don Alberto tivo que sufrir diversos ataques, coma ter predileción polo Bloque ou ser coma Piqué. Un radical en toda regra, ou non?