Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

segunda-feira, fevereiro 27, 2006

Que non te recoñezan!

Leo na edición dixital de El Progreso (diariodelugoysuprovinciatodoslosdíaselprimero) unha noticia que provoca en min certa inquedanza. Segundo o titular da devandita información, un home foi detido por roubar un bolso e ser recoñecido pola vítima. Sen acritude ningunha: o tema é chungo por diversas razóns:
  • Detiveron ao paisano en cuestión pola súa incompetencia de cara ao labor delitivo?, isto é, "detémoste por parvo, roubas un bolso e recoñécente".
  • É delito que alguén te recoñeza? "Ala, condeado por roubar un bolso e porque unha señora sabe quen es".
E se lle cambian o "por" por "al"? Moito menos divertido, onde vai parar.
Nota mental: por cousas coma esta, a un chámanlle friki.

domingo, fevereiro 26, 2006

Non vira noite tan branca

De seguro que existe un cento ou dous de xeitos de voltar á casa un sábado de madrugada. Mais coido que estou en condicións de asegurar que poucos hai tan gratificantes coma estrear unha mesta capa de neve recén caída sobre pedra milenaria e, na compaña de dous bos compañeiros de viaxe, contemplar un ceo todo branco en plena noite e iniciar solemne batalla de mans conxeladas e riso sincero. Poucos vandalismos son tan inocentes e saben tan ben.

sábado, fevereiro 25, 2006

Reincorporándome

Despois de varios días máis ou menos evadido do mundo blogueiro, primeiro por causa dun retiro físico-espiritual moi necesario e despois por cuestións relativas á miña reincorporación á dinámica de ir escoitar señores/as que falan -ou disque- de xornalismo, retorno aquí. Descubro, entre outras cousas, que se está a desenvolver un trebello que vén sendo coma o Blogaliza pero tuneado: Blogalego, unha páxina cun aspecto que a min persoalmente me gusta, e no que xa estou incorporadiño sen ter que facer nada. Conste que a denominación "Blogaliza" era máis do agrado de quen lles fala, pero en fin, non se pode ter todo.
A de onte foi tamén noite de reincorporación ás noites pétreas ou, o que vén sendo o mesmo, o reencontro real coa Pedra docemente regada de risos, músicas patrias e alleas e fraternindade máis ou menos etílica, todo isto mesturado cun frío importante e un atuendo característico, propio destasfechastanseñaladas, ademais dun encontro inesperado e sorpresivo. En fin, que son horas, miñas donas e meus señores. Conto con ter tempiño e ideas para retomar o contacto coas súas mercés mañá mesmo.
Dóeme un ouvido :(.

domingo, fevereiro 19, 2006

Sobre o nome dos sitios e o Mésenller

Entro no Messenger por primeira vez despois do formateo e sáltame o molesto "MSN Hoy", o cadriño que inclúe Hotmail, catro noticias de MSN e esas cousas, ademais do tempo meteorolóxico, arriba á dereita. Cal non sería a miña sorpresa ao descubrir (oh, tristeza, oh, dolor, oh, campos de soledad, mustios collados) que no anaco correspondente ao sitio no que me atopo (sitúame na Coruña, non sei por que), pon Galicia/Galiza (e despois España, tamén é verdade), deduzo que deixando espazo á denominación do país en español de España e en galego da Galiza. Tamén ten chiste que Billy se decate do nome dos sitios antes ca moitos outros (e algúns máis) que o teñen algo máis preto...

Falacias

Leo en Xornal.com unha nova na que se recolle que o PP, cito (previa tradución) acusa á CRTVG de "silenzar sistematicamente a súa actividade". A verdade é que a cousa ten certa graza. Se cadra, as sensacións no PP son semellantes ás que ten Ansón ao observar como La Razón, a súa criatura máis ou menos xornalística, é mercado por accionistas cataláns. "Es como una hija que se casa como un catalán", dixo Ansón. "Es como una hija que se casa con un bloqueiro y alterna con sociatas", pensarán en Casa Feijoó, antiga Casa Manolo.
Seica o "tu quoque", ou o que é o mesmo "ti tamén" é unha falacia. Polo tanto, non poderei acusar ao PP co argumento de "mira ti quen vai falar". De calquera xeito, é rechamante que o Partido Popular, apenas uns meses despois de perder o goberno, chame a atención sobre a xestión e selección da información dos medios públicos, logo de dezaseis anos nos que, sistematicamente, as noticias e acontecementos recolleitos tanto na TVG coma na Radio Galega estiveron sometidos a uns estritos criterios de selección que pouco ou nada teñen que ver cos valores noticia. No momento en que o gatekeeper ou encargado de seleccionar as noticias se rexe por criterios partidarios -que non é o mesmo que políticos, de calquera xeito- e non xornalisticamente profesionais, algo renxe.
Se as acusacións que o PP lanza son certas, que isto se corrixa, aínda que, dun xeito ou doutro, este goberno aínda tería moito camiño por percorrer -traxecto que agardo nunca se produza- para chegar aos niveles de manipulación e desinformación que acadaron os anteriores responsábeis da cousa pública e, nomeadamente, da xestión dos medios de comunicación de titularidade autonómica.

sábado, fevereiro 18, 2006

Machadas de realidade

Machadas de realidade
á volta da semana
dunha tristura non-querida-non-dixerida.
Horas que voltan
e desafían ao nó de medo
[de ollar aquén]
das imaxes da memoria.
Lembranza enganada [ou-non]
do neboeiro que cobre
o sol dun sorriso tolleito
[de agarimo que reborda
o sabor da perda]
O'Xirarei

terça-feira, fevereiro 14, 2006

Son máis oficial!

Lendo no Blogaliza atopo que Calidonia anuncia que xa creou o seu IBSN, ou o que vén sendo o mesmo o Internet Blog Serial Number. Seica os encargados de conceder os ISSN e os IBSN, para libros e revistas, non queren conceder tales indentificacións para os blogs, equiparando así as publicacións electrónicas coas dixitais. A verdade é que esta iniciativa, que parte dun profesor da Universidad de Zaragoza ao que lle denegaron o ISSN, ten boa pinta e, por se a cousa se populariza e poder dicir que fun un pioneirísimo, eu xa teño :).

Seica remataron!

Remataron! Bueno, case, queda unha proba desas parciais que poñen a proba a forza de vontade, pero así, a tal hora, e ata dentro duns días, remataron. A dicir verdade, non sinto a liberación mental doutras veces, supoño que por causa do acontecido nos últimos tempos, nos que a verdadeira liberación era a vida normal, con probas escritas ou audiovisuais e non tantas das vitais, que son as que doen. As outras pasan, coma estas que remataron hoxe. E remataron ao son da historia do xornalismo máis surrealista, se cadra porque o propio oficio é así, vai ti saber...
No entanto, escoito un grupo de nome Cenk, de galegos nados na Suíza, coñecido vía Aberto por reformas, esa illa que cada vez é máis península na Radio Galega... collo con gañas algún libro que tiña pendente de ler e tento ollar pola fiestra alén nubes -semella que vai chover, falta fai-. Debería aproveitar estes días para tomar a vidiña con calma, paladeala e, se cadra, relativizar en plan ben, non como noutrora. Hoxe mentres recollía o cuarto e comprobaba como o meu sofá inchábel ten unha fuga :(, pensei que vou relativizar tamén outras cousas, e que probabelmente iso lle faga ben ao País. Nunca se sabe.

Agora escoito unha canción daquel grupo de cando era púber, Ska-P. Gústame a frase:
Si te rompo el corazón, no te levantes del sillón
Si te rompo el corazón, apaga la televisión
Cantos hai...

sábado, fevereiro 11, 2006

Penso...

Tento poñerme a facer algo máis ou menos útil. O meu veciño portugués toca a guitarra (bastante ben) e tenta cantar. Pasei a mañá dormitando e reflexionando por que onte á noite semellaba que tiña unha gripe monumental e hoxe só estou algo canso e con dor de ósos. No cuarto do meu veciño segue a entrar xente con acento portugués, semella que hoxe hai festa e que non están dacordo con deixarme ler. Aínda que sexa por obriga, sempre preferin ler tranquilo, manias que ten un. Un traballo a medio facer e un exame que non me produce ningun tipo de inquedanza (circunstancia que non teño moi claro se é boa ou mala) ocuparán a tarde...
Fai un día bo en Compostela, o sol loce no alto e eu devezo por ir pisar a pedra... se cadra hai demasiado que non gozo dun serán coa súa noite incluída de rúas, bares e conversas infindas. Hoxe pensei que despois de febreiro virá marzo, e despois abril, maio... e xuño outra vez, e así sucesivamente. O vivido ultimamente fíxome pensar no pouco senso que teñen certos agobios.

sexta-feira, fevereiro 10, 2006

Habemus Paco!

Érgome ao despuntar ao mediodía, prendo a radio e escoito magna noticia. Sir Francisco Vázquez y Vázquez I de LaCuruña, el Dandy, abandona os seus dominios de-toda-la-vida para ocupar a embaixada de Las Españas no Vaticano. Miña-nai-querida. A Coruña líbrase dun elemento digno de mención, e non menos importante é valorar a cuestión de que ZP envíe a un socialistadetodalavida para suavizar a cosa con Bieito e compañía. Pero as análises profundas virán máis adiante, cando me pase a emoción.
Nota mental: Non esquecer recomendar a elexía xornalística perpetrada, xa dende esta mañá, por outros gallegos-de-toda-la-vida.

terça-feira, fevereiro 07, 2006

Os da SGAE caen mal

Despois duns días nos que as circunstancias non permitiron que quen lles fala escribise sobre as cousas do mundo mundano -e non será porque non as haxa-, aquí estamos outravolta. Na miña re-aterraxe no mundanal ruído atopeime con que os señores da SGAE (os mesmos que van chantar a súa sé no barrio de Vistalegre de Santiago de Compostela, señora) denunciaron á Frikipedia -unha versión humorística da Wikipedia- por causa dun artigo no que as siglas SGAE se identificaban, en español, con "Siempre Ganamos Algunos Euros", ademais de realizar unha chistosa descrición das actividades dos gardiáns da lei e a orde da propiedade intelectual.
En fin, que non deixarei pasar a ocasión sen lembrar a agudeza dos devanditos señores (como ben saberás, o Wiki baséase en que calquera pode entrar e modificar, polo tanto, abondáballes con atopar a tecliña de borrar no teclado e, por medio do seu Internet Explorer instalado nun Windows la-mar-de-legal, cantar as loubanzas da súa organización), así como as ideas que xa andan pola rede para molestalos na medida do posíbel:
-Poñer en blogs, webs e demais familia, unha imaxe semellante á que encabeza o texto.
-Facerlles Google-Bombing con "Siempre ganamos algunos euros", como xa se fixera con "ladrones" (para os non doctos na materia -eu érao ata hai nada-, conseguir escribindo SGAE e as citadas verbas que os termos se relacionen ao procuralos no Gúguel-.

segunda-feira, fevereiro 06, 2006

Boa viaxe

domingo, fevereiro 05, 2006

Unha carta

Dalgún xeito sabía que nos estabamos despedindo. Cando che dixen que, se cadra, non podería vir a fin de semana, algo me dicía que si, que tería que vir, pero que xa non te vería. Ía moito frío, e sentía unha presión no peito que aínda me dura, se cadra por non desafogar. Estiven a piques, pero a situación non o aconsellaba. Non te me fuches da cabeza en toda a semana... tantas imaxes, tantas lembranzas... pero, sabes? decidín non quedar coa última, que non sei por que xa sabía que sería tamén a derradeira imaxe.
Procurando no meu cerebro atopei unha fotografía que aínda non ousei mirar na súa versión en papel. Estamos ti e mais eu, ti levas un xersei verde, uns pantalóns escuros e os lentes marróns de toda a vida, ese bifocales que che valían para conducir e tamén para ler. Eu tamén vou de xersei, era aquel de pescozo alto amarelo, con raias en zig-zag, que a avoa sempre me baixaba porque dicía que seguro que me picaba. Nesa foto, ti miras cara a min e eu estou todo sorrinte, porque estaba de cumpreanos. Apenas che dou polos xeonllos.
Tampouco puiden evitar estes días lembrar aquela mañá do ano 95, cando iamos saír polo pan. Supoño que ese día empezou todo, ti resistícheste todo o que puideches, mesmo máis do que puideches. Non creo que sexa doado ter que ficar quieto para alguén que viaxou toda a vida. Bueno, pero non estamos agora para falar desas cousas que ti e mais eu xa sabemos de sobra. Falabamos da foto. Cantos anos cumpría? a verdade é que non me lembro, supoño que tres ou catro. Estabamos todos, ti e mais el tamén estabades. Quen volo ía dicir... preguntaches moito por el os últimos días, nunca tiveches un pelo de parvo. Mesmo mandaches recordos para el cando xa non llos podiamos dar. Xa vos atopastes? Agardo que si. Non discutades moito, o xusto para pasar o anaco. Seguro que vos instalastes preto un do outro, penso que, no fondo, tedes máis cousas en común das que pensabades.
Canto levas paseado xa por aí? Penso que non terás coche, nin falta que che fará... tantas gañas acumuladas daranche para pasear e pasear. Faime caso, proponlle a el ir pasear xuntos e falade moito, contádevos as cousas que non vos contastes nos últimos tempos; iso si, non faledes de enfermidades, que iso xa é o de menos. Mira que non levo paseado eu contigo... cantos sábados pola mañá... Cando iamos ao río sempre me daba medo o sitio onde aparcabas o coche, tan preto das escaleiras... parecíame que iamos caer.
Un dos sábados que máis me gustou foi o día que me levaches ver o tren. Non moito tempo antes ou despois do cumpreanos do que che falaba antes, seguro. Non sei cantas horas, pero seguro que unhas cantas, pasamos sentados na estación, ata que de súpeto, un tren amarelo se achegou dende lonxe, virou e eu pensei que marchaba, pero ao final chegou onda nós. Ese día descubríchesme un anaco de mundo que para min semellaba enorme, case case tan inmenso coma o frío das mañás. Coma o desas mañás de xeada nas que collías o coche para me levar ao colexio, e te erguías ás sete e pico para que eu chegase a tempo. Como che custou deixar o coche...
Supoño que este só debera ser o comezo dunha carta de moitas, moitas follas, tantas coma lembranzas, imaxes... e tantas como palabras non ditas e bágoas non verquidas. Onte un amigo díxome que era mellor ver isto coma unhas vacacións moi longas, só iso. Se é así, seguro que estás nun bo hotel, deses nos que che dan todo feito, con boa compaña e unha morea de viaxes proxectados.
Aínda non fun quen de quitar de todo a presión do peito, disque aínda durará uns días, que foi moita tensión... Sabes unha cousa? Aínda non o creo.
Unha aperta inmensa.