Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

domingo, janeiro 29, 2006

Estampe/Imprima e copyceibe

É de todos sabido que non hai mellor que estar obrigado a facer algo pouco agradábel -léase estudar- para que a un se lle veñan enxeñosas ideas aos miolos que é necesario levar á práctica XA para que non caian no foxo dos grandes inventos que a humanidade perdeu por non ser quen os seus creadores de deixar os apuntamentos un anaco. Pois ben, neste contexto creativo insírese o enxendro gráfico que vostedes contemplan... se non o deseño, o concepto coido que é un produto que a nosa sociedade precisa, ou como mínimo algúns eidos e círculos desta, nosa patria. Mentres penso se o estampo nalgúnha cuestión máis ou menos téxtil, para dispoñer da mensaxe en todo o peito sempre que sexa necesaria -pensen vostedes cando-, copyceiben todo o que queiran.

sábado, janeiro 28, 2006

Un día así daquela maneira

Haiche días para todos os gustos e outros que son para case ningún. Coido que o de hoxe -aínda non rematou- é un deles, e iso que a mañá non existiu. Non escoitei as noticias, vin -que non escoitei, nin sequera oín- Miraxes (con destacadas presenzas, por certo) e púxenme á faena de poñer a furrular o miolo cando o miolo hai días que leva furrulando a todocuantodá, pero non precisamente en mesteres académicos. Todo isto fíxose con leves intermedios nos que quen lles fala atravesou a neve no artefacto que dende hai quince días vén sendo unha prolongación do seu propio corpo. Un chisco de teléfono, unhas pingas de saturación mental... todo moi rico, como vostedes poderán observar. En fin, virán mellores... o bo dos días malos é que sabes cando rematan, e hoxe a partir das doce deixará de ser hoxe... así e todo, trátase de facer un mañá mellor, non? Acabo de ler isto último que escribín... cómpre que saia algo máis da casa e facer vida social.
No entanto, un dilema: existe algún método obxectivábel através do cal poida escribir en ton amábel para uns e en ton francamente agresivo/con aberta hostilidade para outros? Se alguén o sabe, prégolle que mo comunique, sería moi útil a tal hora.

sexta-feira, janeiro 27, 2006

Fábula sen nome

Houbo unha vez un corzo que, perdido dos seus conxéneres, vagaba case perdido polo monte. Despois dunha longa andaina fuxindo duns cazadores que trataban de facer deles unha triste e inerte peza de exposición, conseguiran fuxir e ceibarse do ruído das escopetas, cuxo rebumbio aínda tiñan a tal hora gravado nos seus ouvidos. O corzo ollaba aquí e acolá, e non era quen de dar coa dirección axeitada para atopar un vieiro certo, que o levase de novo canda aos seus compañeiros de fatigas e lle asegurase, á fin, unha vida lonxe dos estouridos da pólvora dos fusiles. Desesperado, o corzo ollou cara a unha árbore: era un carballo vello, aínda vivo, mais reseco en moitas das súas pólas. Levado pola fatiga e a carraxe de se atopar perdido, o corzo, iracundo, correu a escornarse contra o toro do carballo moribundo. De súpeto, cando apenas lle restaban uns metros para dar coas cornas na vella, mais aínda dura, madeira do carballo, o corzo cravou as patas na terra, deixando fondas marcas no chan.
-Esta non é a mellor solución -pensou o corzo- Escornando contra o carballo só conseguirei crebar as cornas e apenas quitarei uns anacos da cortiza da árbore. Ademais, despois, canso e coas cornas doloridas, non serei quen de atopar os meus compañeiros.
Mergullado nos seus pensamentos, o corzo non se decatara da presenza dun velliño que, acompañado dun neno, levaba un facho na man. O vello, moi de vagar, dirixiuse ao corzo, e besbexoulle algo ao ouvido. O corzo asentiu, e o vello deulle lume ao carballo, que cada vez semellaba máis enxoito e caduco.
Non pasaran apenas uns intres cando os compañeiros do corzo, na outra banda da fraga, observaron o fume que desprendían as lapas que consumían, xa case por completo, ao vello carballo. Non lles foi difícil seguir os sinais emitidos polo fume, pois o día, que amencera con néboa, era agora unha bonita xornada de sol. Así, un anaco despois, os corzos atoparon o seu amigo, e xuntos reemprenderon o camiño ata a saída do bosque, ceibándose así para sempre.
No entanto, o vello e o neno ficaron sorrintes e marcharon para a casa, non sen antes indicarlles aos corzos cal era o vieiro máis axeitado, onde atoparían abundantes regatos para beber e vastos paraxes onde non faltaba o alimento.
Tirada de noite dos arquivos d'O'Xirarei

terça-feira, janeiro 24, 2006

Grazas

Por levarme ao parque unha chea de mañás de verán
Por te preocupar por min
Por me dicir que me tiña que acostumar a andar só pola rúa
Por me sorrir
Por contarme esas cousas que eu non sabía
Por mercarme aquel reloxo dixital das Tartarugas Ninja e os cómics de 350 pesetas
Por xogar ao fútbol comigo no corredor da túa casa
Por ensinarme que non hai que lle ter medo ás treboadas
Por traer churros do San Froilán
Por ser eu parte das túas ilusións
Por todo o que dicías cando saía Aznar na tele
Por escribirlle unha carta a Felipe González
Por repetir que tapase a boca antes de saír á rúa, que vai moito frío
Por chegar aos noventa e catro

E perdoa... por non cho dicir demasiadas veces
Vémonos, seguro.

quarta-feira, janeiro 18, 2006

[Medo]

Decatarse do relativo, reflectido nas paredes.
Sentir a necesidade dunha aperta sen palabras.
Tentar facer o correcto. Controlar as emocións.
Conducir por un vieiro máis ou menos torto.
Tremer por dentro sen que se note.
[Medo]

sexta-feira, janeiro 13, 2006

Moito traballo e pouco pensamento

Traballos, traballos, traballos... esta semana tivo días con xustificación completa e interliñado múltiple a 1,20 (nin a locura do 1 nin o exceso do 1,5, cosas veredes). Son estes os momentos nos que hai diferentes actitudes posíbeis e que pasan dende a ilusión "quieroserypuedo" até "istoparaquehostiasmevaivaler". Mentres penso o dilema, agradezo agarimos e apertas, chamadas ás 00:30 a golpe de xoves-case-venres para tomarlle un respiro con regusto a augardente, e tamén chamadas ás 22:00 e pico que fan que o baixon se converta en latípicasonrisatonta.
Acto seguido, realizarei un exercicio de drenaxe mental, de tal xeito que tentarei baleirar e limpar os baixos neuronais: aborrezo a tristura, o relativismo vital e a insensibilidade, propia e allea. Coido que o afán de superioridade é moi triste. Coido que a masturbación política -e non a outra- si é quen de deixar ceg@ a quen a practica, e máis se o fai sinalando co dedo aos demais. Penso que hai que ser moi coidadoso á hora de fachendear de ter vivido en tal ou cal ano: non é mérito de cada un.
Notas mentais:
1.-A rajar a casa de Dios. Bueno, mellor cada un á súa, que Deus disto coido que non ten culpa.
2.-Conducir de noite é con chuvia, proba superada.

quinta-feira, janeiro 12, 2006

Soño interrupto, noite lene

Fin de festa en branco-azulexo
Estrés de ar espulsado [violentamente]
[Medo-egoísmo]
Viaxes mentais por fochancas eternas
[Medio-sorriso]
Mañá docemente apertada
Soño interrupto de noites lenes
[Anceios-dúbida]
Noitea de non-xolda deprimida
[Desexos]
O'Xirarei

A máquina, avante coa lingua

Casos e cousas que non veñen ao caso impediron que esta postaxe fose un anuncio, así que será, ou pretenderá ser, unha crónica de acontecementos. Xuntámonos na factoría en iniciativa compañeiril para, en ilustre compaña de persoeiras e persoeiros, reflexionarmos contra a noite sobre o uso das verbas nos xornais. Falouse e falouse ben, regular e ata mal. Intervencións gloriosas e outras que pasarán con máis gloria que pena, ou viceversa, vaia vostede a saber. O tema é que a máquina segue en funcionamento e, mentres se lle vaña gañando o partido á ferruxe, a ferruxe non poderá dicir que parou a máquina. Dioloqueira!

sábado, janeiro 07, 2006

Aborrezo

Aborrezo os hospitais coma centros produtores de tristura, inquedanza e relativismo. Xenérica e concretamente. E aínda aborrezo máis comprobalo.

Folga das máquinas, acostumémonos prao futuro

Onte o meu ordenador decidiu rebelarse contra o poder estabelecido e negarse a traballar, púxose en folga coma o mellor reivindicador, no momento e lugar no que máis necesario é o seu traballo. Entrou nun camiño de non retorno cara ao reinicio eterno que provocou o seu formateo parcial, coa conseguinte perda dalgunhas fotos, bastantes frikeiradas, certos programas e bastante tempo... Hoxe, despois de pegarme con Windows, ipés, exes, draivers, installers e demais familia e cando tiña todo máis ou menos posto a andar, un becho repunante decidiu pasar facer unha visita, e volta a empezar. Rematei agora mesmo de darlle os toques básicos para recomezar a marcha. Quedan coma danos colaterais o traballo sen facer, a retina invertida na pantalla e a mala hostia conseguinte. Mentres e non, mañá... a miña primeira aventura motorizada interurbana. Contareilles, señores, contareilles como foi.

quinta-feira, janeiro 05, 2006

Co bonito que é agasallar a típica gravata...

Teño un amigo que di que cando volves á casa, hai un momento no que sentes no teu interior que xa pasaches o límite de días de permanencia no fogar materno. Pois ben, supoño que estou nesa fase e, levado pola mesma, volvín a caer na ansia de explorar nos misterios, usos e costumes "desta, nosa cidade". Enfronteime hoxe á portada de El Progreso (diario de Lugo y su provincia, todos los días el primero) e alí atopei a estes pobres funcionarios, vestidos tal e como vostede pode observar. E é que a estes señores, que deberon ser moi malos, os Reis trouxéronlles -e aínda por riba por adiantado- senllos kits antidisturbios, con su casco, su escudito y su chaleco y todo. E é que non hai nada coma o tempo de Nadal para facer regalos útiles, agora ben, que facer un detalle non quere dicir dilapidar cartos e así, os prohomes/mulleres, munícipes lugueses, conscientes de tal cuestión, apenas invertiron oito mil euros en tan pintoresco agasallo. A miña mente perversa non pode evitar imaxinar, dentro de vinte anos, a un señor con barba xa branca e andares dubitativos que, en pleno salón de idem do Concello lugués, parafrasee a outro procer da patria berrando aquilo de "que pasen los antidisturbios".
Pero os agasallos non rematan aquí. Tamén se mercaron cousas útiles -sen ironía-, coma accesorios quitaneves. Pero o destino, sempre chisposo, fixo que os vehículos destinatarios de tales trebellos portasen nas súas placas de matrícula siglas de infausto recordo para aquel que agora rexe os destinos da antiga Lucus Augusti, tal e como vostede pode observar no anexo documental destas liñas, vehículos, por certo, mercados no tempo no que tales siglas facían que tal Concello fisexe ou, mellor dito, non fixese cousiñas como o dos detallitos de oito mil euros antes mencionados. Vivir para ver, señora, vivir para ver.
(Agora ben, de aquí en diante sempre poderemos dicirlle ao típico neno que non quere comer a merenda: "como no comas, te viene ese señor y te trae el escudo y el caso, como si fueras de manifestación"). Éche o que hai -ata que o cambiemos-.

Nota mental: Debería chantarlles a típica banda negra nos ollos a estes sufridos servidores municipais?

quarta-feira, janeiro 04, 2006

A liberdade agarda nos nosos dedos, mira ti

Hoxe voume ir de culturetas, pero empezando polo máis básico, que é ratificar a idea de que ler -libros- si serve para algo, mesmo os que son máis ou menos obrigatorios. Atopábame eu lendo unha escolma de artigos coordenada por Ignacio Ramonet, titulada Internet, el mundo que llega cando obtiven noticia da existenza da Electronic Frontier Foundation (EFF) ou, o que vén sendo o mesmo, Fundación Fronteira Electrónica. Esta Fundación, que comezou a andar por iniciativa de dous homes -non lembro os nomes, se vos interesan moito, mírovolos-, un deles foi jipi nos seus anos, leva mirando polos intereses da liberdade, no seu máis amplo senso, en Internet dende que esta estaba pouco menos que en cueiros.
Levado polo meu brote culturetas, parei de ler -tampouco é boa a sobredose- e fun mirar a web da citada EFF, e alí atopei noticia dunha campaña que me fixo autodicirme "o que perdes por non te ir de culturetas máis veces, hai que ler, meu, hai que ler". Disque a EFF está a desenvolver esta campaña coa fin de que os blogueiros, seica pola parte dos EUA lles chaman bloggers, coñezan(-mos) os seus (nosos) dereitos. Se cadra a nós, ou a algúns de nós, aínda nos caen un pouco noutra galaxia cousas como que os blogueiros poden ser xornalistas e viceversa, que poden manter o anonimato ou mesmo -oh, cielos- falar de política, pero, polo visto, por ianquilandia non o teñen de todo claro. E xa sabemos... se en ianquilandia se fai algo, podémonos botar a tremer, que llo digan a moitos.
A EFF sintetizou gran parte dos problemas que a un blogueiro se lle poden plantexar naquelas terras na Guía Legal pala Blogueiros, que aínda non lin pero, visto os meus arrebatos, calquera día. Ala, aí queda isto, kipón bloguin, como di a señorita do cartaz, que a liberdade agarda nos dedos!

terça-feira, janeiro 03, 2006

Máis ca nunca, caderno de bitácora

Érgome ao son do teléfono, leo apenas dúas páxinas, vou xantar. Vou onde o proveedor das catro rodas para lle comentar o problema do déficit orquestral do meu novo -e agardo que útil e duradoiro- chintófano, vou á casa redonda dos libros e leo sobre setenta páxinas. Breve incursión en espazo alleo substentador de pseudoalimentos. Un chisco do que seica é vida social. Susto absurdo produto da miña condición novel. Chamada telefónica interiormente urxente e agradecida.