Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, dezembro 31, 2005

Aninovo!

A verdade é que tiña pensado chantarvos unha postaxe en plan "mellenadeorgulloysatisfación" e recordatorio do moito que avanzou o país no 2005 que agora remata pero, vendo a hora que é... só dicirvos que pasedes moi boa noite e mañá un día non demasiado malo. O de feliz ano diríavolo, pero é un erro, "que pases feliz ano!" seica non te vou ver até o ano que vén? BO 2006!

sexta-feira, dezembro 30, 2005

Cantos goles metemos onte, cantos


Poucas veces sentira cóxegas (fame aparte) no bandullo horas antes de ir ao fútbol. Nunca antes probara a camisola do meu equipo antes de me dirixir ao campo. Na miña vida elucubrara como sería tal partido. Non puidera sentir que eu tamén, dalgún xeito, xogaba alí abaixo. E é que hai noites que saben a sorriso, a "cantigas e aturuxos nosos", a bo humor, a fachenda sá...
Baixaba por unha escaleira ateigada de xente, entre dúas bancadas, e despois de lle chantar nunha viraxe o meu paraugas-bandeira nas costas a un seareiro, este non só non me berrou, senón que me deu unha palmadiña na espalda. As nosas camisolas eran iguais. En seis cadeiras á redonda da miña, había galeg@s dende os 6 0u 7 ata os sesentaelargos anos. Sentinme feliz e con gañas de dar bicos despois do segundo ou o terceiro gol, non o lembro, estaba demasiado ocupado quitando fotos, dándolle aos palitroques, abaneando a bandeira e deixando a gorxa, procurando que o ZA se escoitase máis ca o CIA, aínda que tampouco importaba demasiado.
Da noite de onte quedoume unha bandeiriña de plástico, dous palitroques aínda por inchar -para o próximo-, un libriño, un Vieiros histórico, a letra do himno e a bandeira vacuna compartindo panfleto... e unha sensación, como diría certo ghaiteiro, tan bonita... que mete medo. Fiquei ademais cun sentimento que me di que onte metemos algún gol maís ca os de Nano e Deus, ou iso agardo!

quinta-feira, dezembro 29, 2005

Selección Nacional da Galiza, oé

E ao correr son coma o vento,
coa forza da liberdade.
E ao gañar, gaña o seu pobo,
que é o que manda máis.

Xenreira

segunda-feira, dezembro 26, 2005

Participe sen vergoña!

Nestes intres estase a desenvolver un proceso plebiscitario (pódese dicir así?) na miña moralidade que quixera compartir convosco. Tendo en conta o "abstencionismo tradicional gallego" (La Voz "de Galicia" dixit) e o delicado da situación, coido que o proceso de votación dos meus miolos morais estará claramente viciado e o mellormiroparaoutrolado gañará. Así e todo, señora, isto é digno de mención:
Tod@s os fans de El Correo Gallego temos coma unha das nosas paixóns diarias esa columniña da dereita (de onde senón) da contra do citado xornal, na que un señor agachado baixo o chisposo e cascabeleiro pseudónimo de Margarito Flowers (cabezadescansada, oiga) rajadediosysumadre e, xusto embaixo, atopamos un chiste lamardegracioso. Pois ben, resulta que El Correo convoca nada máis e nada menos que un concurso para encher ese espazo, e aínda por riba ofrecen premios. Dado o nivel dos participantes (van 192 perpetracións humorísticas a tal hora), coido que me podo despedir da pleisteixon pórtabol. En fin, para mostra, isto (sic)
CUESTION DE PESO.-
Por qué los casados están más gordos que los solteros?
- los solteros llegan a la cocina, abren la nevera y exclaman "joer lo de siempre" y se van a la cama
- los casados llegan a la cama, ven a su señora y exclaman "joer lo de siempre" y e van a la nevera.-
Nestes momentos cuestionarei durante un anaco o que quero facer da miña vida. Ou debera. Miña nai querida!

domingo, dezembro 25, 2005

Desexos confeitados

Sobredose [non] fraterna
nas cadeiras familiares
dunha noite [seica] boa.
Pulo ao vento xiado
[pausa publicitaria]
nos ollos pechos [no entanto, canta].
Xantares abondosos
en lembranzas non-vividas.
Copos rebordantes
do licor da esperanza.
[Desexos confeitados
en caixas individuais,
sen caducidade]

O'Xirarei
no Nadal do 2005

Parabén para min!


Aínda que o almanaque do Blogger afirme que foi o día 26 e se a miña disfunción neuronal non se agravou, coido que estou en condicións de afirmar que a tal hora, este espazo que agora percorre a súa navideña retina está a cumprir un aniño de vida.
Coa primeira postaxe, xa mítica, de nome "Son moderno e teño blog" iniciábase entón un camiño que nos dotou aos aquí presentes dunhas normas de xogo democráticas e pacíficas, onde todos e todas somos quen de nos expresar libre e tolerantemente. Aínda que algúns rompepatrias critiquen este marco que agasallou ao país blogueiro co período de paz máis lon go de toda a súa historia, seguiremos loitando coa forza do estado de dereito para que así perviva ata que Internet sexa unha antigualla equiparábel ao gramófono ou ao pizarrín.
Logo deste arrebato estatutario e constitucional, direi que os fastos do primeiro aniversario non terán ciberfoguetes de sete estalos -aínda que quixera-, aínda que si terán ciberapertas a tod@s os que pasades por aquí a facer terapia de grupo, a aquel@s que pasastes por aquí nos primeiros meses de vida desta casa e tamén, e moi especialmente, a quen descubríu este espazo cando xa tiña unha idade, previa reflexión de quen lles fala. De momento, isto valeu para desbarrar, coñecer, publicar, criticar, parabenizar e darlle unha pinga de gas ao país, e se queres seguir pasando por aquí, tentarase seguir facendo algo mellor, ou cando menos, non moito peor.

sábado, dezembro 24, 2005

Boas Festas

O'Xirarei deséxalles Bo Nadal, sempre e cando vostedes o merezan (en caso contrario, consideraremos con detemento cada caso concreto e, aplicando rigorosos criterios de amor e fraternidade, tentaremos atopar unha solución de consenso). Boas festiñas.

A comezos de datas entrañábeis, eu digo...

Corre o tempo, e como corre. Semella onte cando, aínda con bafo de setembro na caluga, quen lles fala collía folgos para adentrarse nun proceso de autodeterminación que agora se desenvolve e agardemos que así o faga durante o maior tempo posíbel. Sexa como for, o certo é que nos últimos tempos, a presión da factoría e de todo o que a rodea (criaturas mariñas e activismo -non sempre- compañeiril incluídos) comen tempo que dan gusto, e un apenas ten tempo de sentar diante do piano das tropecentas teclas para tocarlles algo con senso. Así as cousas, chega agora o tempo dos feriados obrigados, aqueles que, de punto de partida -nunca se sabe como evoluirá a cousa- teñen de bo o feito de poderlle adicar máis horas a Morfeo e mais a Baco que ao resto do Olimpo, e iso agradécese amplamente. Saiban, ademais, que un láiase de non ter compartido nesta casiña virtual acontecementos varios mais, cando o tempo apremia, o tempo libre, ou ceibe, manda sobre un mesmo e tira para onde máis caloriño vai, que é onde mellor se está.
Dun xeito ou doutro, serán estes días nos que a actividade bloqueira dun servidor irá en aumento. Avecíñanse xornadas patrioticamente futboleiras, furibundamente entrañábeis e amplamente rexoubábeis. Que se alce o pano!

sexta-feira, dezembro 23, 2005

Mil rachís máis!

Tal e como reclamaba parte da insistente audiencia, aquí ten, señora, unha recolleita das instantáneas perpetradas hai agora case que unha semana no magno evento que arriba se anuncia. Xuntáronse alí cinéfilos e xornalistiñas (non sabía eu que cundira tanto o alcume), críticas do metablogueo, representantes agropecuarios e mesmo dirixentes dos altos cumios comunicativos do país -mesturadas anonimamente entre a plebe blogueira-. Sexa como for, o certo é que os arrecendos de churrasquiño e xamón asado, bo barrantes e licores deron lugar a unha mestura das que piden repetición.
Así, quen subscribe pode afirmar que viviu unha Xantanza e posterior sobremesa altamente proveitosas, gastronomica, fraternal e frikimente falando, xerándose así un conglomerado de sensacións que repita insistentemente: outra, outra, outra. Saiban vostedes, para rematar, que se atopa en proceso de elaboración un souvenir da ocasión un tanto audiovisual. Non prometo data.

quarta-feira, dezembro 21, 2005

Papa Grinch

Vaia por diante que non entrarei a tal hora en ningún tipo de consideracións morais sobre o individuo, pero polo menos dende o ponto de vista estético, poderiamos dicir (expresión empresatada) que as comparacións sempre son odiosas e neste caso, teñen un triple senso que ten moito chiste. En fin, que o Bieito este ten un chiste... (que o Papa se chame Bieito tamén ten a súa coña...). Será realmente o Grinch este que quere rebentar o Nadal? O mesmo me alío con el!

sexta-feira, dezembro 16, 2005

Hable gallego

Leo en La Voz -dóndesinó- a nova da presentación da campaña da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade en materia de normalización lingüística. Segundo esta nova, certo director general de Juventud y Solidaridad presentou xunto co presidente da Mesa por la Normalización Lingüística, que comeza chamándose Carlos Callón e que, co paso das liñas de tal enxendro xornalístico, muta nun tal Carlos Tallón, a primeira campaña que esta organización promove xunto co Goberno, porque seica antes a Xunta non tevo interese en tal asunto. Bueno, pois iso, que Tallón quere fomentar el uso del gallego en este nuevo tiempo.

quinta-feira, dezembro 15, 2005

Señora, habemus Xantanza!

Informo á concurrencia da forma e contido da Xantanza que, con gran ledicia, nos xuntará a tod@s ao abeiro do churrasco, o xamón asado, o viño e demais licores o vindeiro sábado. A cousa será na Parrillada San Clodio de Santiago, e o prezo 16€, un valor ínfimo comparado co das xentes que alí se darán cita. Dito queda. Pásao.

terça-feira, dezembro 13, 2005

Inscrición!!

Hai moito que non me daba por aí... aquí temos outra mostra de que hai unha xeración de comunicadores do país que non pasou polas mans de quen debía ao seu tempo... se chega a facer isto quen lles fala, colgábano!

sexta-feira, dezembro 09, 2005

Me mola tu chapa, tío

Leo, vía TodoNada, un relato antropoloxicamente perfecto que me fai lembrar unha experiencia que un servidor viviu hai apenas vintecatro horas. Retomarei o uso do estilo dialogal, para maior deleite do prezado lectou ou lectora. Se ven a reprodución non é literal ao cento por cento, é abondo ilustrativa.
-Buah, tienes la camiseta esa ques como la chapa?
-Cal, a da vaca? Non, non a teño, a ver se a merco.
-Es que me mola, dónde la venden?
-É de Nicetrip, da Coruña.
-Es que la lleva uno de Gran Hermano

quarta-feira, dezembro 07, 2005

Feliz VIAducto

Comprendo que a de hoxe fose unha data sinalada, e é lóxico que sexa festivo. Neste LXXIV aniversario da Constitución do Partido Galeguista, o único que non entendo é que haxa quen se estea preocupando doutro tipo de Constitucións. En fin, alá cada quen. O certo é que a ponte en cuestión suscita en min varias inquedanzas:
  • 1.- Unha ponte moi grande NON é un acueducto, senón que é un VIADUCTO. Non sei se mandar unha nota de prensa aos medios, porque a min, coma bo friki, ponme bastante nervioso a cuestión da confusión.
  • 2.- Aínda NON é Nadal, a Deus grazas, por moito en que todo o mundo se empeñe.
Ben, despois destas cuestións de carácter máis ou menos técnico, direi que estas datas son as que sempre non aproveitei, dende os meus tempos colexiais, para non facer todo o que teño atrasado e o único que aproveitei foi un martes coma se fose domingo, pero estando nesta, nosa cidade, dun xeito máis ou menos obrigatorio-estratéxico. Non foron todo penurias, non penses, houbo tempo para unha conversa tan agradecida coma novidosa, pola súa natureza, unha breve saída vespertina e unha sesión de TV, cousa rara na vida de quen lles fala. Aí andamos, aí aí.

sábado, dezembro 03, 2005

Días de corenta horas

É ben sabido por todos que a duración dos días é unha circunstancia basicamente mental, isto é, o das vintecatro horas é unha convención que ninguén cre sen cuestionala. Hai días de doce horas e días de corenta. O día que se estendeu dende a noite do pasado xoves ata a madrugada de hoxe mesmo foi un dos de corenta. O día empezou entre efluvios de rotuladores que tentaban transmitir proclamas (ejem) sobre un plástico branco. Visitas académicas e demais familia foron levando a cousa ata chegar ao encontro compañeiril ao abeiro do polbo, o xamón asado, o barrantes e o cafécongotas (alguén terá que sistematizar o indiscutíbel fenómeno da redución do volume de café na cunca dun xeito inversamente proporcional ao paso do tempo nunha cea-típica-galega).
Diversas circunstancias fixeron que lamentase a escaseza de horas, porque se ben as actividades antes descritas provocan, en xeral, bastante chiste nun servidor, as horas precisan acougo e botan en falta certas compañas -propósisto de enmenda-.
Disgresións á parte, unha das circunstancias que máis me turbou e á ver provocou nun servidor maior atracción foi o encontro multidisciplinar, multipersoeiroal etecé etecé que tivo lugar onte no chigre máis selecto da pedra. Alí, un ser bicéfalo de amábel conversa disertaba sobre as artes de contar nas súas diversas vertentes. Por se a conversa do ser citado non fose suficiente, un Persoeiro con todas as letras interpelábanos -a min e aos/ás meus semellantes- cunha autoridade moral á que só podes respostar cun sorriso histórico.
Despois: codeo, señora, codeo e postureo. Para min "cóctel" sempre foi unha mestura de bebidas cunha cor fosforita. Pois non, un cóctel é un sitio onde te mesturas cos instructores da factoría, pais ilustres de fillos musicais, intelectuais de pro, Persoeiros de autoridade moral e patriótico-ética infinda e certos seguidores da teoría de chuchar do teto institucional. Todo isto, ao abeiro de "canapés" imposíbeis, viño do país e caldo galego en pocillo. Viva!.