Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

terça-feira, novembro 29, 2005

Escoitei Xantanza?

Fedellando no Blogaliza atopei que os rumorosos cibernéticos patrios falan dunha III Xantanza do Blogomillo. Tendo en conta que, dado que este decembro se cumple un ano da miña incorporación ao olimpo do ciberfrikismo natural e do país, gostaría sobremaneira de participar de tan magno evento. Dende aquí postúlome coma partipante activo en todo canto teña que ver con churrasco, criollo, licor café e semellantes, ademais de propoñer, de xeito implícito, liña gráfica para a ocasión. Informen, informen!!

sábado, novembro 26, 2005

Non me puiden resistir

Non entraba nesa tenda dende os meus anos máis púberes... de feito, contrarioume bastante o feito de que fose a única que nesta, nosa cidade, aparecía na listaxe da Dirección Xeral para o Deporte. Non estaba no escaparate e tíven que buscala, só había unha e no prezo poñía "Cam. Fut. Selec. Gallega". Ejem. Será cousa fea (conste que xa non me parece tan chunga, así vista) e aínda por riba pon "Caixanova" nas mangas... pero que carallo, se non temos en conta a dor de carteira por causa da cuantía da inversión, sinto como unha satisfaccion interior... agora queda lucila. Non me puiden resistir, e ben que o sinten os meus Orzamentos Xerais, pero en fin, cando leve aos meus netos a ver o Galiza-España clasificatorio para o Mundial, que menos que contarlles que tiven a primeira camisola da Selección Nacional. Pois iso.

Non pode ser e Non puido ser


Unha vez feita a pertinente pseudoactualización, nestas liñas xa nos podemos ocupar do día de hoxe. E é que hoxe foi 25 de novembro e había, polo menos, dúas citas destacadas. Unha era en París, a outra en todas partes. Unha non puido ser e a outra ten que servir para nos lembrar que non pode ser.
Estaba eu dormitando unha clase cando me enterei de que quedabamos sen declaración de Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial da Humanidade, exemplo de posta en valor do propio e de autoorganización e boa exemplificación de compromiso e non compromiso, de quen fai o que fai porque toca e é bonito, de quen o fai porque cre no que fai e de quen directamente non fai nada. Alá cada un.
Hoxe foi tamén o día pola Non Violencia Contra as Mulleres. Non vou dar un mitin... simplemennte, isto é cousa de tod@s e nas nosas mans está, en gran medida, que os nosos netos non teñan que ir a ningún acto polo 25-N porque xa non haxa motivo polo que protestar.

Arquivo de ideas, lugares e sucesos

A verdade é que me molesta sobremaneira ter que convertir, outravolta, esta casiña virtual nunha sorte de resumo semanal de acontecementos mais, se non é por A é por Z (non direi por H ou por B, que o ambiente está sensíbel, seica) apenas tiven un segundo para me sentar e darche un pouco a lata, a ti que segues lendo estas liñas. Tentarei, de calquera xeito, comprimir o que aínda me queda no miolo do que foron os últimos sete días en plan puntiños, para maior operatividade e divertimento:
  • (Non) fun demasiado pola clase
  • Andei enleado en mesteres diversos que para o groso da poboación supoñen ou perda de tempo ou perigo social, ou ambas cousas.
  • Colaborei no parto dun novo peixe laranxa (destavolta veu caseque con fórceps, a criatura)
  • Discutín algunha vez
  • Comecei a crear un negocio faraónico que nunca existirá por obra e gracia de instancias da factoría que servidor non controla
  • Frustreime un par de veces ao diante de certas materias, colectivos, persoas ou entes.
  • Vendín lotaría de Nadal.
  • Fixen un corte nu pé contra o zócalo -chámase así?- da parede.
  • Escandaliceime un anaco polo prezo da camisola da Selección (Corazón e Patria Vs Euros)
  • Creei unha casa virtual de vida breve e utilidade -agardemos- prolongada.
  • Almorcei demasiado tarde todos os días.
  • Cabreeime porque Touriño non foi a París para ver como (non) nos concedían o Patrimonio Inmaterial.
  • Sorrín parvamente de ledicia ao comprobar a relatividade do tempo en boa compaña. Desexei que esta relatividade se manteña.
Vaia por diante que esta listaxe se algo non é, é xerárquica, senón que é produto dos devaneos dunha noite de venres ao pé dunha estufiña. Cousas que ten un.

sábado, novembro 19, 2005

Semaniña... buf

O Óscar Terol, antes de pasarse á TVE tiña un programa na ETB que levaba por título Vaya Semanita! e que a quen subscribe se lle antolla perfecto para describir a súa sensación logo dos últimos sete días. Un non está para estes trotes, sempre se di, pero ata nos trotes hai clases... Comezaba a semana a golpe de pedra de rúa, choiva fina e manifestos reivindicativos cun punto de melancolía, no que todos e todas as que sacamos, outravolta, a pasear a bandeira azul e negra polas rúas compostelás ollamos cara hai tres anos, cara a todo o que aconteceu naqueles días horriblemente máxicos.
Comezando así, o biorritmo só podía ir in crescendo... e así, atopeime entrevistando -nun cubículo de reducidas dimensións destinado a outros mesteres- a todo un gaiteiro (!) co que ata hai pouco o único xeito que un servidor tiña de falar era através dos cedés ou dos emepetreses diplomáticos, no seu defecto. Pero a intercesión das boas xentes, que as hai, e a excusa dun peixe laranxa rebuldeiro, latoso e ás veces agarimoso combínanse e agasallan a un con oportunidades deliciosamente cociñadas coma esta que che conto.
E así, entre sesións e non-sesións da factoría avanzaban as horas presionando puntualmente o miolo e achegando a quen asina á súa particular cita coa historia. Desta foi, si que foi, e chantáronlle ao protagonista deste pequeno entremés un ele virtual [L] de cor verde que lle soubo a gloria (mágoa de euros), gloria que no sería nin a metade de saborosa sen os comentarios daqueles que se alegraron con el.
E como non hai festa popular sen chuvia nin verán sen treboada, o conglomerado de minutos, días e horas tivo tamén a súa propia. A franxa azul e a estrela coa que algúns a acompañamos sofre decote axitacións máis ou menos graves... unha de cal, sete de area e ao revés, segundo os casos. Ben está o que por ben se fai, no que lle atinxe a quen teclea, a cousa vai por aí, por facelo por ben.
E por se fora pouco... apoteose castañeira (de magosto, non da outra que foi famosa nestes días) ao son do módulo estraño no día en que Raposo e Profesor tomaron na man a cousa fea para facela máis bonita e darlle un pouco máis de gas á primeira selección na que si, para min "xogamos todos".

[Nota mental: un nunca sabe cando é o momento en que máis se agradece refuxiarse nas sabas de cando o instituto, pechar os ollos e durmir, e aí se maten...]

quinta-feira, novembro 17, 2005

O que teña ouvidos, que escoite

Primeiro colleron aos comunistas,
pero non dixen nada porque eu non eran comunista.
Logo levaron aos xudeus,
pero non dixen nada, porque eu non era xudeu.
Logo levaron aos obreiros, pero non dixen nada porque eu non era obreiro
Despois metéronse cos católicos,
pero eu non dixen nada porque eu era protestante
Cando viñeron por min,
non quedaban ninguén para protestar
Bertold Brecht

terça-feira, novembro 15, 2005

Victoria, compañeir@s

No día de hoxe, e despois de meses de intensa loita, as forzas intergalaicas derrotaron ao perigoso examinador vulgaris. Se ben a guerra non está gañada -aínda quedan moitos compatriotas na mesma loita- esta foi, polo traballoso, unha victoria fundamental. Adiante coa loita viaria!

[Nota mental: agradecementos diveros ás primeiras ciberfelicitacións, moi mono o cochiño:P)

domingo, novembro 06, 2005

Verbo espirituoso

Do verbo espirituoso
[Pucho Boedo, patriota]
Do mar de verbas de viño
[Fuxan os ventos, gaiteiros]
Dos alcumes das noites pechas
[Licor do negro café]
Que me tumbas, que me matas
[Conspiracións riseiras]
Das madrugadas meigas
[Maos collidas, peito ergueito]
Do país dos nosos fillos
[Na Galiza, en galego]

sábado, novembro 05, 2005

Magostos!

Gústanme os magostos. Non é estraño que a quen subscribe estas liñas lle apaixone unha festa que basicamente consiste en comer castañas e beber viño, todo isto ao son da gaita e, se se dá o caso, das bombas de palenque. Co frío que vai a tal hora e cun magosto a cincuenta metros da casa, coido que as treboadas familiares e redaccionais deberan ser deixadas nun segundo plano para, co primeiro incauto máis ou menos achegado, coller e ir catar o froito do ourizo. Agardo que este non sexa o único nin o mellor dos magostos deste outono... teño posta a esperanza noutros cun potencial moito maior, xa sexa polo que son, polo que lembran ou polos efectos que provocan.
[Nota mental: os de Galiza en Goles SI len os correos-e que se lles manda]

En construción

Ollar estes días cara á TVG vén sendo coma un exercicio audiovisual de país-ficción. Despois da impresión inicial de non ver ao presidente non-eterno no comezo, medio e final dos Telexornais (fenómeno excepcionalmente narrado por Rosa Aneiros nesa obra que algún día valoraremos coma histórica que foi e é HQB) están a vir outros fenómenos que me cautivan. Chegou Manuel Pampín aos TX das fins de semana, renóvanse as facianas dos informativos en xeral, mesmo algún xornalista se permite dicir "Galiza"... algo está a cambiar, mais aínda queda moito por facer.
A que vén isto? Pois isto vén vindo á miña sonrisa friki-patriótica, no mellor dos sentidos, despois do visionado do documental do gaiteiro (!) Xurxo Souto verbo doutro gaiteiro (!), que non é outro que o noso Pucho Boedo. En Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo, hai posta en valor do propio, recoñecemento das luces e sombras dun mito e, non nos enganemos, toda unha serie de factores que moitas veces fan máis país, péselle a quen lle pese, que cincuenta mitins -sen desprezar aos segundos, obviamente-. Mentres vía o documental, por un momento imaxinei a calquera paisano que, xa cumpridos os sesentaetantos, prendería hoxe, xunto coa súa dona e netos, a TVG para lle dar gas ao Encontros e, de súpeto, atopou ao Pucho Boedo, ese que lle fixo gozar de tantas verbenas e que acabou moi mal, o pobre, como todos os artistas. Probabelmente o paisano non teña moi claro que é iso que lle fai lembrar con especial agarimo ao Pucho... se cadra é que lle cantaba á Terra e o facía en galego, ou se cadra non, vai ti saber. Sexa como for, coido que nos debemos parabenizar, para coidar disto e seguir o exemplo. Se cadra, é que está en construción algo máis cá páxina da TVG.

sexta-feira, novembro 04, 2005

Como vamos? Vamos innndo

Rematou, ou vai rematando, a semana dos Santos. Cun festivo que foron dous no almanaque, un par de saidiñas nocturnas, mesuradas mais agradecidas polo corpo e a alma, unha crónica radiofónica-ficción por causa dos mesteres da factoría e todas esas cousas. Mentres se debatía a apocalipse pseudonacional española, os mares dos peixes laranxas andaron revoltos -yloqueterondarémorena-, estreseime -un pouco-, durmín -menos do que debera- e seguín vivindo... E iniciei o contacto xornalisticamente cun dos pais da nosa criatura patriótico-futbolística... e tiven moi desatendida a casa virtual. Así andamos.