Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

domingo, outubro 30, 2005

Apoiamos a candidatura!

Outravolta quen lles fala cede este espazo, dun xeito vocacional e bómbico (de bombo, copyceibando e asimilando a terminoloxía de certa persoeira) para unha causa que coido que debemos espallar canto máis, mellor. Esta non é outra que a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués sobre a que, en breve, decidirá a Unesco. Que podemos facer nós? Pois dende asinar, ata pendurar dos nosos weblós uns banners cos que xentilmente nos agasalla Vieiros no seu especial, asistir aos actos que se veñen convocando polo país (por este país e o dos veciños), etecé, etecé. En fin, copien e difundan!

sábado, outubro 29, 2005

Guindar a consciencia

De novo acordes catódicos,
outravolta é noite pecha
Cambio de hora na dor dos ollos
[Pensamento]
Chuvia que renxe no cristal da fiestra [da ialma]
Pesar, sentimento
Auto-reprimenda, auto-exame
[Bip-Bip (dúas veces)]
Guindar a consciencia pola fiestra
mentres o mundo xira

E van dúas

Nova ración sumosacerdotal, neste caso, se cadra, cunha cariña máis desmellorada, pero cun talante semellante, cuarta arriba ou abaixo, ao de outras ocasións. Se antes foi en El Progreso -diario de Lugo y su Provincia, todos los días el primero-, agora é nun medio igualmente pintoresco: El Correo Gallego, ese xornal. En perfecto castellano, como non podía ser doutro xeito para un socialista e demócrata –que non asamblear, eso vamos a dejarlo para otros, más radicales- que ademais vive en democracia cooficial, atopámonos unha entrevista da que me permitirei tirar algunhas perlas floridas:

-Plan Estratégico ¿es pura teoría o va a tener resultados prácticos para la ciudad?
-Está teniendo resultados prácticos ya. Nada se hace en la ciudad, nada, por parte del Ayuntamiento y de otras instituciones que no esté recogido en la estrategia del Plan. Es el motor y objetivo a cumplir.

-¿Hay tensión municipal con el ex socio del gobierno local, el BNG?
Por mi parte ninguna. Ellos están a la gresca diaria. Hacen bien, están en la oposición y que sigan así durante mucho tiempo. Son una maravilla. Están en el gobierno y en la oposición. Hacen preguntas al presidente del Gobierno en el Parlamento. Galicia debe ser el único país del mundo donde un socio de Gobierno interpela al presidente.
Están en el gobierno en los ayuntamientos, en la oposición en los ayuntamientos, en la oposición al Gobierno central. Es una maravilla, han cuadrado el círculo. Van en la procesión y repicando. Han perdido las elecciones y se creen los reyes del mambo. Son nuestros socios en la Xunta y los respeté siempre, como los respeto ahora, pero no son mi preocupación.

-¿Desearía para Galicia un Estatuto como el catalán?
No es mi problema el Estatuto, mi problema son los jóvenes, formados, que se van de Lugo, por falta de trabajo o empleos precarios. No he encontrado un solo vecino, y piense que mi despacho está en la calle, que me dijese que no vivía por necesitar más autonomía.
(...)Aquí tenemos autonomía para lo que nos conviene. Le aseguro que el Estatuto no es mi problema, ni el de los ciudadanos lucenses.


Resulta curioso –ou non- que certos medios, nada sospeitosos de comulgar co goberno amigo de Madrid e o partido que o substenta lle dean cancha a este señor, cada vez máis equiparábel a outro de un pouco máis ao norte... serán estas “las cosas de José Clemente”?

Sinais chungos

Nunha tarde morriñenta, ameazando chuvia, un servidor viuse, se cadra obrigado polas circunstancias e a conciencia, a facer acto de presenza por estes santos lugares. Non é que morrese coas gañas, non nos imos enganar, nin tampouco que teña pensado pasar por estes lares o primeiro viaducto do curso... e non será porque non precise desconexión ou, se cadra, repouso psico-fisiolóxico, tanta vida activista e compañeiril, cabreos, desvelos e horas invertidas en asuntos peixeiros e demais construcións de futuro apenas lle deixan a un tempo para respirar e, como alguén teorizou moi acaidamente, fico durmido antes de que a cabeza toque a almofada. E que iso lle ocorra a un en xoves universitario, é, como mínimo, sinal de vellez ou de exceso de traballo. A saber se isto derivará en algo bo ou en claudicación, agardemos que o primeiro.
Mentres e non, coido que quen subscribe precisa dunha paréntese, non sei se de minutos, horas, ou días, para se relaxar, porque non está ben chegar á saturación a golpe de finais de outubro.

quarta-feira, outubro 26, 2005

O máis normal

Sentado diante dun café e dun xornal catalán escrito en español –agás moita da súa publicidade, caros espazos moitos deles en catan, tanto os de procedencia institucional coma privada- non podo evitar poñre en práctica ese deporte tan internacional que é o de “poñer a antena” ou, o que vén sendo o mesmo, facer, dun xeito máis ou menos casual, que as ondas sonoras procedents dunha agrupación humana allea ao ámbito de relación habitual penetren nas propias orellas, a xeito de indiscreto rádar.
Nestas me atopo cando escoito, ou oio, certas voces de corte teatral. Son cinco mozas e un mozo, e percibo algo tal que así:
-¿Qué quieres?
-Tengo que decirte algo
-Si te quieres divertir con la radio, quédate con nosotros
-Uxía, atiende, ¿qué te ha parecido?
-Eso es aún más carallada
Desconecto. Son, polo que escoito e deduzo, e dado o lugar en que nos atopamos, proxectos de xornalista, masa aínda non modelada que se atopa na súa primeira fase, aínda dúctil, do proceso que os levará –ou non- a facer da verba e/ou da imaxe, nas súas diversas vertentes, o seu xeito de vida, de substento e traballo. Danlle os últimos retoques a un traballo práctico de creación libre, encargado por un profesor monolingüe en galego. Terano que ler nun estudo radiofónico da facultade, cun rótulo na porta escrito en galego.
Seica o centro que modela aos que serán xornalistas ou, coma eu gosto de lles chamar, contadores da vida, é un lugar privilexiado para isto da lingua, o que presenta maior porcentaxe nisto das clases, as comunicacións escritas... Nun taboleiro, na parede, debaixo dun anuncio dunha “escola galega” de diferentes idiomas, escrito en español –agás o de “escola galega”- xace un cartaz debuxado a man sobre papel de estraza, cunhas coloridas letras que, formando unha franxa diagonal azul celeste, reza (ou implora): “As túas prácticas, tamén en galego. O máis normal”.

segunda-feira, outubro 24, 2005

De fin de semana

Estiven de fin de semana, e sen saír "da casa", stricto sensu. Saín o venres da factoría, despois dun anaco de présas ou presiñas e un encontro tan desexado coma inesperado, e logo tamén dun deses paseos automobilísticos obrigados pola presión social -a 15€ a sesión-) mergulleime na fin de semana. E case me mergullo literalmente, debaixo dunha treboada con lóstregos que facían do mar de pedra unha macrodiscoteque desas (a música era bastante máis agradábel, iso si). Despois... macro-encontro compañeiril compostelán ao abeiro do polbo, a zorza e o xamón asado, todo un luxazo, e, como non podía ser doutro xeito, noite licoreira, de apertas, sons e clubes de fans! (cunha presidencia e secretaría la leche de radical jajajaja). O sábado... ao despuntar o mediodía saquei o fuciño pola fiestra e fun un amo de casa vulgaris: sesión de lavadora e Gadis, todo moi propio, e unha longa noite sobre a pedra ao son do porrón. Só restaba un regreso agardado dende o sofá da casa. Un bico, unha aperta e adiante. Así dá gusto.

sábado, outubro 22, 2005

De-lin-cuen-te

Comezarei a miña exposición apelando á semántica, coa fin de non distraer e confundir ao avezado lector ou lectora. Segundo o diccionario da RAG:
delincuentes. Persoa que comete un delicto. Os delincuentes foron detidos pola policía. SIN. facinoroso, malfeitor.CF. criminal
delictos.m. Quebrantamento da lei. Tamén se di delito. Condenárono polos seus delictos. SIN. malfeito.CF. crime.
Á luz do anterior, poderiamos deducir que o deputado do BNG Bieito Lobeira (leviatán, enviado del Lucifer galleguista en el parlamentiño regional, talibán de la lengua, etecé etecé) tiña, coma quen di, máis razón ca un santo ao se referir á egrexia figura de Francisco Vázquez Vázquez, máis coñecido coma El Paco, de LaCuruña ou Paco, tío guapo. E é que quen quebranta a lei é un delincuente, e a Lei de Normalización Lingüística, é unha desas leis cuxo quebrantamento conleva a condición de facinoroso ou malfeitor. Así as cousas, o enfrontamento dialéctico entre o representante do BNG coa responsábel da Política Lingüística da Xunta e demais pesoítos non foi senón un relato de obviedades ou unha constatación da realidade que moitos se resisten a recoñecer.
Señores, a cousa é simple, falar galego, español ou ruso na túa casa, no bar cos compañeiros ou ao ir mercar o xornal pode merecer diferentes consideracións morais, éticas ou identitarias. Non empregar o galego na toponimia das cidades, vilas e aldeas do país, así como desbotalo coma lingua normal dende as Administracións públicas é, clara e concisamente, un delicto, que debe ser castigado coma calquera outro. Non obstante, sempre haberá quen alce a voz escandalizado , á vez que racha as súas benpensantes vestiduras, guinde pólvoras correogalleguistas contra aqueles que, malia desexaren moito máis, só esixen o cumprimento da lei e chaman aos que as creban polo seu nome. Varas de medir, oitocentas no miolo de cadaquén, mais leis, boas ou malas, unha soa para cada cousa. Éche o que hai.

quinta-feira, outubro 20, 2005

A este paso, a saúde resíntese

Miña nai querida, ultimamente teño como que moi desatendida a casiña virtual dos meus desvelos. Pero é que levo unha semaniña que vaia pola Virxe... a típica que por tempo semella que tivo dúas horas pero por cansanzo poderían ser dous anos. Así e todo, dores musculares, poucas horas de sono e demais familia á parte, non foron estes días malos de todo, e este que lles fala...
-Colaborou, na medida do posíbel, en facer que bote, outravolta, a andar unha nave de futuro, moito máis viva que noutras épocas,
-Deulle algo de folgos a certo peixe para que nade por terceira vez el soíño.
-Gocei dunha cea pola que devecía hai tempo -compaña, lugar e contido- a escasos metros dun "gaiteiro!" xa histórico.
Tamén me cabreei, berrei un par de veces e rin cinco ou seis veces máis, durmin pouco mais ben e aínda non teño gañas de pechar o chiringo. Debe ser indicativo de que a cousa marcha. E mañá, paparota compañeiril... adiante, adiante!

segunda-feira, outubro 17, 2005

Isto é cambio

O cambio galego deberíase percibir nas cousas máis pequenas. A min pasoume. A miña avoa é unha señora dunha idade, de-Fraga-de-toda-la-vida e fervente ouvinte da Cadena de Ondas Populares Españolas. Para a xente que respoinde a este perfil sociolóxcio, os males do mundo, dun tempo a esta parte, eran todos cousa de Zapatero. Pois ben, cal non sería a miña sorpresa cando escoito á miña avoa, en pé de guerra polo desabastecemento do Día% do Camiño Real de Lugo porculpadelosvagosdeloscamioneriso, botarlle a culpa a quen? a ZP? non, señores, a Anxo Quintana!. Como debe de ser.

sábado, outubro 15, 2005

Tuning téxtil, señora!

Proposta semi-perversa que se me veu ao miolo ollando durante uns minutos a creación de aí abaixo... se eles non lle puxeron o nome, poñámosllo nós! O día 1 de novembro seica se poñen á venda as cousas feas da Selección; pois ben, metámoslles unha posta a punto -gastando uns euriños de mais, iso sí- e estampémoslle o nome no peito para que luza como se/nos merece/mos [se o levamos masivamente, máis barato seguro]. O modelo viría sendo este mesmo (aínda non temos medidas, pero botádelle uns 25x10 centímetros, cuartarribacuartabaixo). Así de paso dámoslle temas á intelectualidade para que columneen con saña e gusto.

Fotografía onírica

















Creando a ilusión de que todo é estupendo e marabilloso, que o que se anunciafaise, que estamos nun país normal ao que se lle chama polo nome, axitando e poñendo unhas pingas da fórmula xornalístico-espectacular segundo a cal a verdade non debe escarallar unha noticia, o resultado sería, cuarta arriba ou abaixo, este. Mención aparte merece, evidentemente, o deseño da indumentaria en cuestión, porque anda que non hai en gracia de Dios propostas polo país adiante para a camisola da Selección Galega. Cousa fea, (...chico, añadiría eu) que dixeron algúns moito dinamismo e demais familia, pero en fin... que é nosa e haberá que querela algo.
Acto seguido, análise da imaxe en si: que pasa polos miolos desta, nosa Conselleira, para que teña esa cariña, o de Meana é peluquín ou é que é de raza chunga ata a punta do último pelo da cabeza? Tiña Olveira gañas de coller anque fose un boli e poñerlle á camisola o que unservidordeustedes puxo co Fotoxó? O país precisa saber!!
[Nota mental: para cando Selección doutros deportes, léase baloncesto, balonmán ou o que sexa? Eu é que as críticas feitas en certos sitios e con arrecendo dalgunhas substancias espirituosas, tómoas moi en serio]

Encontros -e sen Maricarmen Cacharra-

Paseaba eu a carón da muralla luguesa (símbolo da unión de todos e todas, desta cidade que facemos cada día con esforzo etecé vivasanfroilán) cando, de súpeto, sen previo aviso, vin aparecer a súa figura polo adro da catedral. Ao tratarse de tan sacros lugares, este humilde servidor non puido senón pensar que se trataba dunha verdadeira aparición divina... non ía a cousa moi lonxe da realidade. Ese home que avanzaba, bolsa ao ombro e faz ergueita, cara á porta de Santiago non era outro que Xil Ríos, o mesmo e único, o que nos insta a non decaer, a falar galego, a bailar até caer de cú na praia e outros grandes éxitos. Fitámonos por un segundo, quedei mirando para el e el cara a min, pensando se sería un fan histérico ou un atracador. Seguín o meu camiño, hai encontros que é mellor desexar sempre hehehe. Que non decaia! (Acto seguido, collín o móbil e comenteino con quen souben que sabería aprezar o encontro tanto coma min)

sexta-feira, outubro 14, 2005

Ser modernillo, ese traballo

Nada como unha noite patriótico-etílico-compañeiril polas rúas e tugurios composteláns. E máis se comeza como a de onte, nun sarao ultra-moderno e mega-bohemio, deses nos que vas ver unha exposición -moi xeitosa, por certo- e asistes a unha peculiar presentación dun libro e comes petiscos preciosos -non moi abondosos, pero extrabonitos-, non bebes viño porque non hai copas e acabas desenvolvendo unha intervención artística ou performance en toda regra coa escuma dunha lata de Estrella, ese opio líquido das masas populares patrias.
E despois, o previsíbel, un grolo aquí e outro acolá /mil apertas, pedra rasa / o demais, é resaca. Dito isto, despídome polo atentado á memoria poética cunha forte aperta e prá clase (cuan dura á vida do estudante, etecé)

quarta-feira, outubro 12, 2005

Filicitación

Bienquiridos letores: en este día tan especial de la raza, mi llena dorgullo y satisfación dirigirme a todos y todas vosotros y vosotras, que para eso estamos en democracia, hombre. Simplillanamente os quiría filicitar i instarvos a celebrar como se merece esta jornada dunidad, esaltación de los valores democráticos y de la sacrosanta unidá de la nación española. Amén.

sábado, outubro 08, 2005

A falta de barracas...

Como está moi feo falar en abstracto do que é concreto ou, o que é o mesmo, criticar con saña o que non se coñece, un servidor dedicou a tarde sabatina a documentarse in situ sobre o novo fenómeno socioeconómico das terras luguesas, que non é outro que o centro comercial As Termas. Así, de entrada, e poñendo entre paréntese o aborrecemento que a un lle producen este tipo de espazos (véxase experiencias anteriores no El Puerto ou no Hipercor), o tema non ten toda a mala pinta que puidera chegar a ter: nome en galego, capital vasco.
Collo o autobús "Especialsanfroilán" e chego á nova catedral do interior galego: Inditex alí, aquí e acolá, comedores (ou comedeiros) imperiais, un gran hipermercado semi-rotulado en galego... en fin, para quen coñeza a segunda catedral compostelá, dicir que é un pouco máis lustroso dende o punto de vista decorativo, pero a idea vén sendo a mesma.
Así as cousas, e obviando o impacto que no comercio local teñen este tipo de ultramarinos faraónicos, o que realmente me perturba é o bomboyplatillo que dende o Pazo Episcopal da Praza Maior (non confundir co da Praza de Santa María), o sumo sacerdote lle deu a tan magno proxecto e, máis concretamente, ao seu emplazamento e posterior integración na vida dos lugueses e luguesas (ese que son o que máis importa, que fan Lugo entre todos etecé etecé).
Situación: sábado pola tarde, pleno San Froilán e Termas recén abertas, manando euros e xente que da gloria velas. Suprímense, como se dunha fin de semana calquera se tratase, as tres liñas de autobús urbano que chegan ata os confíns dos dominios orozquiles. Así as cousas, un número inxente de propios e estraños acínanse en autobuses que, cunha frecuencia -teórica- dunha hora, deben absorver o trafego producido polo centro comercial en cuestión e mais o centro da cidade, en plenas festas. Para lograr o máis difícil aínda, na avenida Duquesa de Lugo (o nome popular non sairá destas teclas, que un non é un faltón) fórmase un funil de automóbiles no momento en que chegan á zona non desdobrada da mesma (a carón das Termas, a avenida conta con ata tres carriles para un mesmo sentido de circulación).
Ben feitiño este cóctel, atopamos como resultado da mestura un caos circulatorio monumental, nunha tarde na que non se lle pode botar a culpa á chuvia, ao frío ou a que o Miño pasa por Lugo. Quizais vai ser cousa daqueles que inauguraron, pregoaron e pasearon, e punto. Mentres e non, outros que venden los intereses desta, nosa cidade (Orozcus dixit), seguirán predicando no deserto -ou non-.

Volvendo

Como xa apuntei por aí enriba, foi esta a semana do regreso á normalidade, se é que se lle pode chamar normalidade a cinco días dos cales dous foron sanfroilaneiros e o resto foron, máis ou menos, fluíndo entre adaptacións físicas primeiro forzosas e logo máis intencionadas, (re)encontros e mentalizacións diversas verbo do que serán os próximos meses e a súa influenza en toda a eternidade.
Un dos danos colaterais do meu vuelve-a-casa-vuelve foi o impedimento para me comunicar coa vía de escape literario-cibernética que veñen sendo estas liñas, auténtica terapia ao longo dos meses de verán. Vaia por diante que nunca supuxo unha obriga manter este espazo, mais agora, despois duns meses dándolle gas, síntome mal no momento en que pasan dous ou tres días sen pendurarlle algo para que os poucos ou moitos que me aturan vexan algo novo por aquí. Deste xeito, e á vista da última semana, sintetizo nesta postaxe a miña disculpa pola ausencia que, de agora en diante, sufrirán estas liñas no que a actualización diaria se refire.

[Nota mental: imprimir a matrícula para pegar na porta do espazo que se atopa en proceso de humanización]

quarta-feira, outubro 05, 2005

Liñas urxentes

De volta, unha volta que significa darlle a estas liñas unha periodicidade moito, moito máis espazada no tempo. É o que ten acostumarse a un novo habitáculo máis ou menos vital, recuperar apertas, vislumbrar uns tempos próximos de moitas horas adicadas á factoría... un amago de San Froilán para darlle gas ao mes de outubro... e bueno, xa haberá fin de semana para barrenar por aquí. Primeiro balance: medio-alto.

domingo, outubro 02, 2005

Sois todos unos radicales

Chegar de saír e atopar isto na pantalla ten que ser malo, necesariamente, para a saúde. Un chega de dar voltar máis ou menos etílicas por esta, nosa cidade (Orozcus I dixit), e consulta, dun xeito case que mecánico, as novas coas que La Voz (de Galicia?) nos obsequiará na xornada dominical. Entre as páxinas do xornal con maior tirada delaregióngallega atoparemos o relato dun estudo sobre a presenza de Galiza nos manuais de Historia nos que estudan os rapaces do país. Ben, despois dun relato un tanto peculiar, atopámonos cun apartado especialmente elocuente, no que se tacha de radical ao texto d'A Nosa Terra ao relatar os efectos que para Galiza tivo o reinado dos Reis Católicos. Pasen y vean.

sábado, outubro 01, 2005

Confía no vento

A barca de pedra está lustrosa e as bodegas comezan a se encher. O aspirante a contador da vida vai aquí e acolá, colle isto e o outro. Sen perder de vista os aparellos de mando, non sexa que durante os meses no peirao se desaxustasen. O aspirante a contador da vida fai a súa equipaxe cun sorriso no interior; é unha equipaxe de roupas e ilusións, de músicas e momentos inesquecíbeis que, gardados en cadanseu sitio, agardan o momento de recuperaren o seu lexítimo posto na barca. Semella que só resta unha breve singradura de recoñecemento para que chegue o momento en que, coa proa enfileirada cara ao horizonte, o aspirante a contador da vida crebe as amarras e vogue ata que sexa quen de ollar atrás e, fitando para o ronsel, poida gobernar con tino a súa prezada nave. A barca de pedra, e con ela o aspirante, comeza unha viaxe cargada de lirismo, de bicos e apertas... mais tamén hai nas bodegas da barca un espazo para todo o real. En toda singradura hai risco dunha vía de auga, da rotura dun aparello que cómpre arranxar, en toda singradura é necesario coser as redes. Mentres e non, o aspirante a contador da vida confía na forza do vento.