Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, agosto 31, 2005

[Silenzo]

Verbas pechadas entre ausencias
memoria, imaxe [foto catódica].
Conversas invisíbeis, ollos pechos.
Peito vacante de lene apoio
[Silenzo]

Porque os peores silenzos son os non-desexados
O'Xirarei

Pouca lonxitude de ollada...

Anxo Quintana, Vicepresidente do Benestar e da Igualdade e tamén da Xunta de Galiza, vén de presentar unha das primeiras medidas do seu departamento que, dito sexa de paso, formou parte do programa electoral do BNG, isto é, a implantación do que se deu en chamar "salario da liberdade", un soldo de 600€ mensuais durante un ano para aquelas mulleres maltratadas que decidan denunciar aos seus maltratadores e independizárense deles. Tendo en conta que, en moitas ocasións, é precisamente a cuestión económica a que turra para atrás ás mulleres maltratadas á hora de denunciar ás súas parellas -non perdamos de vista que moitos destas pseudopersoas impiden ás súas mozas ou donas traballaren fóra da casa-, a medida impulsada polo Goberno Galego, dende o departamento dirixido por Quintana, que tamén é voceiro nacional do BNG, vén sendo como que bastante acertada.
Pois ben, o PSdeG, socio de Goberno do BNG e que ten algúns militantes exercendo responsabilidades como a da Presidencia da Xunta e certas Consellerías, na figura da súa Responsábel de Igualdade (perdón, de su responsable de igualdad), criticou esta medida através de argumentos tan substanciosos como que na lexislación estatal xa se contemplan medidas semellantes, e que é máis importante crear unha lei galega contra a violencia de xénero (o salario da liberdade é a primeira dun conxunto de medidas. A puntilla púxoa a Federación (Española) de Mujeres Progresistas, alegando que as verbas de Quin «confunden sobre las causas profundas de la violencia de género, obviando que ésta afecta a mujeres de toda condición socioeconómica».
Como ben se di no ascensor de Xornal, moi acaído destavolta, ao meu entender: "Hay que ver con que saña se afilan los cuchillos cuando los nacionalistas proponen una medida". Por outra banda, unha interpretación máis pesoísticamente correcta en La Voz, onde senón? Evidentemente, non me sorprende demasiado que o PSOE comece o curso político con estas actitudes, agora ben, coido que é un exercizo de irresponsabilidade, falta de tacto e pouca visión política tirar pedras contra o Bloque dun xeito tan burdo e nun tema tan sensíbel. Alá cada un. A primeira foi na lingua, a segunda aquí. Suma e sigue? (Vazquismo e Orozquismo campando por sus fueros... ejem ejem)

Los simpáticos galleguiños...

Leo en La Voz de Galicia Cada Día Máis Linda Millor i Millor unha nova que me retrotrae a pintoresquismos que me fan saltar as bágoas. Trata a cousa do Día de Galiza na Expo de Aichi, no Xapón, día no que, coa presenza da Conselleira de Cultura, se cantaron as excelencias do país no Pavillón de España e tal. Ben, xa sabemos que as notas de prensa é o que teñen, e máis no verán, e que certas cousas só nos doen nos ollos a algúns. Pero que nunha nova se faga máis dunha alusión a Galiza como "región gallega", que á nosa bandeira, ou á autonómica, se lle chame "bandera regional", manda chover na Habana, que dixo o outro. Xa sabemos que La Voz é de Galicia, que sempre estivo moi cómoda en segun que réximes (e anteriores) e que certos señores quérenlle ao país o mesmo que eu lle quero a Nova Caledonia do Sur, por dicir algo. Tamén sabemos que Pepito Blanco non sei vai enfadar por estas cousas. Un respecto.
SE CADRA OUTRA CANDIDATURA AOS PREMIOS GALLEGUIÑO DEL AÑO??

terça-feira, agosto 30, 2005

Setembrite

Día -32
Ollos inchados, dor de cabeza, dificultade para conciliar o sono e malestar xeral. E non, non son os síntomas dun proceso gripal deses, que podería perfectamente, son síntomas da setembrite que padezo dende hai dous días. E é que os pouco doctos na materia de estudar no verán, levamos un pouco -moito- mal o de mergullarnos no mar da sabedoría imposta a estas alturas da película. E claro, en xuño isto é un mal estendido (mal de moitos..., xa se sabe), pero aquí, no meu desterro particular, a costa faise moito máis arriba. Pensándoo friamente, este é un episodio de aprensión académica bastante amplo: teño estudado bastante máis en menos días e con moita máis presión. Si bueno, pero isto é como cando poñen ao Lugo a xogar en herba artificial. O que non é, non é. Devezo por volver...

[Nota mental: pedir disculpas a quen siga aturando o meu güebló pola simpleza dos post destes días, de onde non hai non se pode quitar]

segunda-feira, agosto 29, 2005

Disciplina autoimposta (manda truco tamén, a estas alturas)

Día -33
Comeza a miña particular semana penitente, con disciplina autoimposta e todo. Racho as miñas propias regras matinais, cuestión que tento solventar nunha tarde na que convivo cunhas albóndigas guerreiras no máis profundo do meu ser e un taquiño de folios que pesan nos miolos coma o cemento armado. É o que ten tentar quitar a ferruxe cerebral a base de procesosdesocialización, sociofenomenoloxías e mecanismosconceptualespreservadoresdeluniversoconceptual. Avanzo, devagariño, pola primeira destas sete xornadas, das que serán seis de penitencia e unha de gloria, non coincidino exactamente co almanaque litúrxico. Remato o día cunha conversa -hoxe non falei demasiado, se non contamos como falar os meus monólogos interiores e os tacos- na que o aparello fonador se trasladou ao hemisferio dereito do meu cerebro, que vén sendo o que controla o lado esquerdo do corpo, e todos sabemos o que hai no lado esquerdo do corpo. Pois ben, ese foi o que falou mentres os ouvidos deste humilde servidor de vostedes eran acariñados. A miña dose diaria de ausencia e conta atrás, e para a cama -isto último discutíbel-.

Cada un é quen é, vaia isto sen acritude

Leo en El Progreso de hoxe unha entrevista co alcalde de este santo sitio, que se converte sen dúbida nun compendio de obras públicas e perlas floridas dignas de mención, todo isto aderezado cun perfecto castellano. E é que agora xa non fai falta entrevistarse en galego, igual que xa non hai tanta xente á que saúdar polas rúas desta, nosa cidade. Recollo neste recortaypega alguns dos treitos que máis, ao meu entender, cómpre destacar, polo seu valor ilustrativo e comparativo. E é que cada vez este señor é, agora xa publicamente, máis semellante a outro señor. E, así, "dolorosamente harto de callar", esténdese e fala dunha lexislatura, a pasada, na que houbo quen traballou e publicou aos catro ventos, deu apertas e bicou, e propagandeou, e houbo quen traballou moitísimo e punto. Porque aínda, nesta altura, hai quen non entende os Concellos coma se fosen leiras propias, hai para quen o seu Concello está no país que está, que comeza por G e ten un Z polo medio. Mentres e non, e como ben aventuraron/mos algúns aló polo 2003, só facía falta media lexislatura para ver quen nos goberna, así coma os seus modos e maneiras e a escola á que pertence.

domingo, agosto 28, 2005

Galleguiños del Año, agora é o momento


Situémonos nunha noite marabillosamente e fraternalmente compañeiril, na que un recupera a sensación de rajar do mundo, deprimirse, mandalo todo á merda e simultaneamente ser estrañamente optimista ao abeiro de múltiples piscinas da consciencia e algunhas que outras músicas que alimentan o espírito, todo isto ao longo e ancho das rúas destes santos lugares.
Contra as cinco da mañá, un deses antros nos que refuxiar corpo e alma pecha as súas portas, e continuamos vagando pola lucensidade. De súpeto, os nosos ollos van caer nun estabelecemento de-toda-la-vida, entrañabelmente diverso, no que no mesmo podes mercar unha pota ca unha palma do Domingo de Ramos ou un Alfanova no Nadal para os pequenos. Pode, por suposto, consultar e regodearte nun escaparate que, é, en si mesmo, un verdadeiro universo paralelo baixo o apelativo xenérico de "Recuerdos típicos" (ao que Paco lle chamaría subenirs). O meu abraiamento foi descomunal cando os meus ollos se atoparon coa mirada feliz e despreocupada do especimen que podedes observar sobre estas liñas: Porcelánico equipamento da selección española de fútbol, tocado cun pucho galego cunha cruz de Santiago (matamoros, cierraespaña, etc.), nunha man, un balón, noutra, a gaitiña. Non perder de vista as medias e o seu cromatismo rojiguarro. Este recuerdotípico superounos, mesmo baixo os efluvios etílicos de tan altas horas. A miña man apenas foi quen de empuñar o chintófano móbil para tomar un par de instantáneas.
O encontro levounos a tomar un par de decisións:
a) Ir en canto poidamos a invertir 5,40€ en tan marabilloso exemplo de tantas cousas.
b) Darlle unha utilidade ao país. Este é, sen dúbida ningunha, o trofeo perfecto para un evento que superará, con moito, ao baile de puestadelargo de Pontevedra, ás casarregionales de Lacuruña ou a calquera "festa do maior".

OS PREMIOS GALLEGUIÑO DEL AÑO
Non ousarei caer na vaidade de me adxudicar tan solemne creación, dado que foi, sen dúbida, unha tarefa compartida fiftififti cun bo compañeiro, ao que tentarei convencer -etilicamente, non pensedes mal- para exercermos, man a man, de mestres de cerimonias da primeira entrega destes premios. Os Galleguiños del Año serán entregados a tod@s aquel@s persoas, animais ou cousas (será complicado distinguir entre as tres categorías, nalgún caso) que, co seu labor profesional, político, persoal etecé etecé, contribúan a alimentar o ego da figuriña do escaparate e todo o seu universo simbólico, tirilí, tirilí, cadadíamáislindamáislinda, cadadíamillorymillor. Acéptanse todo tipo de suxestións, mais hei de confesar que xa existe algunha firme candidatura para a edición do 2005...

Por se a alguén lle quedaba algunha dúbida de que o frikismo e o alcolismo combinados son construtivos para o país.

sábado, agosto 27, 2005

Verbas binarias que acariñan

Verbas binarias que acariñan
Ausencia
Chamada, brincadeira
[bico, aperta "non-dada"]
Sorriso non visto [sentido]
Olladas que voan polo ar
Días contados
Desexos fornecidos pola voz

O'Xirarei

sexta-feira, agosto 26, 2005

De chintófanos, trebellos, aparellos e follas manuscritas

Escoito unha musiquiña mentireira, violín case que irreal aderezado con acordes de electróns. E gozo co meu novo chintófano electrónico, baixo a luz catódica dunha pantalla de dezasete polgadas. Agardo con impaciencia unha chamada ao meu teléfono móbil -o mellor exemplo, plástico e tecnoloxizado do síndrome de Estocolmo ou amor ao secuestrador-. Consulto as verbas binarias almacenadas nun disco duro, transferidas dende o secuestrador de ondas terrestres transformadas en verbas através do meu novo chintófano. Sorrío con elas. Alédome ao son da musiquiña que dous séculos antes non tería existido. Miro ao meu redor. Cedés con lembranzas, un maquinillo de quitar fotos que non existen. Ao meu carón, unhas follas manuscritas por unha man que tamén sabe aloumiñar. Están enrugadas de tanto seren olladas. Ordéoas. Un síntese un pouco folla en branco, precisa dunha man que saiba aloumiñar. Alédome de novo. Agardo. Rodéome de trebellos.

quinta-feira, agosto 25, 2005

Paco á Selección??? :P (Errare humanum est III)

Leo en La Voz unha nova que me inquieta. Nunha información referente ás xestións da Dirección Xeral para o Deporte para a creación da Selección Galega de fútbol -estendereime noutro momento sobre o asunto, que a ocasión o merece-, e máis concretamente no seu derradeiro parágrafo, faise mención aos posíbeis capitáns e adestradores da nosa selección. Pois ben, seica se manterán contactos con Fran e Míchel Salgado (tonto y retrasado, como di o falar popular, o mesmo que se fai fotitos cos Ultras Sur), no que a xogadores se refire, e con Arsenio Iglesias (enorme!) e Francisco Vázquez no eido dos adestradores. Agardo que esteamos a falar de Fernando Vázquez, e que o erro se debese á deformación profesional de FernandezLatorre'S Press House. Aínda que paco ben luciría no banco dando ordes, co chándal posto eh! "Arrejúntese a la banda hombre!!! Qui así no vamos a ningún lao! Si esta fuera la selección de Lacuruña..."

[Chégame a información, horas máis tarde, de que o erro provén da fonte, isto é, da Xunta e da súa nota de prensa. Se temos en conta isto, e que en todos os medios (polo menos os dixitais consultados por un servidor) o erro aparece tal cal, extraeremos coma conclusión o sen fondo que pode estar o saco no que se meten as recomendacións da factoría de xornalistas -fas isto na clase e un suspenso non sei, pero unha bronca cáeche como está mandado-]

Que lles facemos aos "homes do presidente"?

Leo en Galicia Hoxe unha nova sobre os símbolos fascistas na cidade d'A Coruña. Malia non ser isto unha novidade, descubro datos que aínda non coñecía, tales como a existenza dun baixorrelevo do "Caudillo" victorioso no mesmo salón de plenos coruñés. Se en calquera país europeo, especialmente en Alemaña ou Italia, contas algo disto, fican coa boca aberta catro días. Se o contas en Euskadi e Catalunya, por dicir dous países, preguntaranche se se trata dalgunha viliña destas con alcalde reaccionario que hai moitas na Galiza. O malo é que A Coruña non é unha aldea, e que nin sequera está gobernada polo PP, senón por un señor que cada día dá máis vergoña. Mentres e non, outros séguenlle a escola, que semella que garante o poder durante moitos anos. Como ben se escoita aquí e acolá. Quin e compañía, ollo con quen durmimos que non será porque non teñamos experiencia. As cores de Paco son vermellas e amarelas, e a súa man e a súa sombra sonche moi alongadas do noso Señor. Éche o que teñen LOS HOMBRES DEL PRESIDENTE

[Nota mental: Todos los hombres del presidente . Filme mitiquísimo de noite portuguesa xogando ás películas. A que sí compañeira???Dedicada especialmente:)

quarta-feira, agosto 24, 2005

Idas, voltas e revoltas. Dándolle e seguindo

Ida e volta, volta, ida e revolta. O tramo longo do verán toca á súa fin cun balance máis ben positivo, idas e voltas físicas e (senti-) mentais. E como en todo balance subxectivo que se prece, coido que primarei os bos momentos (que os houbo, e moitos) sobre os malos (que tamén os houbo, e os haberá). Culmina este tramo longo do verán cuns días deses que o corpo, os músculos simbólico-cardíacos e a cabeza agradecen de mil amores. E é que atopar un lugar no que podes cheirar a mar ao sacar a cabeza pola fiestra, pasear de vagariño ao sol, pisar area... e todo isto ollando ao redor sen ver máis de dez madrileños por metro cadrado (habíaos, pero sen abafar) e sen ser atracado por pedir a hora nun bar. Iso, non ten prezo, como a mastercard esa. E agora, toca o que toca, que nin apetece nin reconforta. Despois... uns días de recta final para volver ao que nunca deixou de estar nos meus miolos. Deixei alí gardados, nunha caixa, papeis, cartafoles, fotos, bicos, apertas, olladas, sabas, cuncas, conversas nocturnas, posters, autocolantes, ceas, paseos polo casco vello, cancións, cedés... teño que colocalos todos de novo, cada un no seu sitio. E a comezar un novo período do que, se o tempo o permite, será un gran reto vital. Se cadra máis decisivo do que a tal hora semella.

(Imaxes mentais diversas simultáneas á escritura destas liñas: esta, esta, esta, esta, esta. E unha cara, e outra, e outra, e moitas cancións, e noites, e días. E todo o que queda...)

segunda-feira, agosto 22, 2005

O aspirante segue a agardar

Xa había moito que non tiña novas do aspirante a contador da vida, ou polo menos había moito tempo que el non me instaba a recolleitar algunha das súas experiencias no peirao e plasmalas nunhas liñas virtuais. O aspirante a contador da vida leva un tempo no peirao, dando voltas e escapando de cando en vez para ver o mar dende dentro, dende onde a el sempre lle gustou. O aspirante sempre foi máis de estar entre bastidores que na platea, pois isto é o mesmo. O mar visto dende o peirao, non é mar de todo. Precisamente por iso ás veces, cando non o ve ninguén, lánzase á auga dende onde a barquiña de pedra está amarrada. Móllase, mergúllase, e mesmo dá algunhas brazadas aquí e acolá. Mais non tarda moito en ter que subir ao pantalán, para que non o boten en falta no peirao. Son tan doces e á vez tan efémeros eses encontros co mar... O aspirante a contador da vida disponse a coller a barca de pedra para limpala e sacala a pasear por algunha zona na que nunca estivo, serán tres días e dúas noites de singradura, rumbo nor-noroeste. No estará só, agora non, o aspirante a contador da vida. Será unha breve singradura na que arrivará en porto alleo e tentará esquecer, aínda que somentes sexa por unhas horas, as desventuras de outrora e a ferruxe dos bancos do peirao. Tamén as longas noites de lúas solitarias.

sábado, agosto 20, 2005

Lugo te es encantador, hombre, te lo estoy a dicir

Descubro A Ouriceira, un novo punto de rede para invertir os minutos, bilingüe galego-catalá e cun toque de lucensismo que me gusta moito. Na miña primeira visita leo a mención a un tema que eu vos quería comentar e que a miña cabeciña esqueceu postear pero vaia, máis vale tarde que nunca -aínda que valla máis cedo que tarde-. A cuestión xira en torno á pacovazquización do Concello deste santo sitio, grazas á inestimábel labor do sumo sacerdote e mais os seus conxéneres. Rasgos típicos desta enfermidade son a implantación de mobiliario urbano estravagante, ornamentación cando menos discutíbel e, sobre todo, a españolización e olé da vida municipal, da que agora se pode ter boa conta no dominio lugo.es, moito máis bonito que concellodelugo.org -e grazas que non nos tivemos que enfrontar a un aytoellugo.es ou cousa semellante-
A última, que non derradeira, mostra da forza españolera orozquiana é a posta en marcha de El Encanto de Lugo, un programa de visitas turísticas teatralizadas polo casco vello. Se ben a idea coido que é moi boa, e de feito está triunfando entre os turistas que xa visitan a cidade, na mesma o galego directamente non-existe, e na súa promoción se cambiamos a muralla pola Puerta de Alcalá ou o Acueducto de Segovia ben podería ser unha campaña publicitaria destas localidades, por dicir algo. E así as cousas, temos todo un plano de excelencia turística no que o galego non aparece nin por asomo, a cultura do país fica relegada ao folclorismo que tanto lles gusta aos da escola de Paco etecé, etecé, etecé. Despois que? pois unha nova edición das festas de Spain Froilán (termo acuñado por un compañeiro con futuro no futuro destes santos lugares), concelleiros dando roldas de prensa en-perfecto-castellano, actividades da concellería de "xuventude" privatizadas e coordenadas por unha experta coñecedora da democracia dixital que ben podería ser concelleira en Murcia ou La Rioja... en síntese, unha falta de respecto por Galiza e polo galego que esta cidade non coñece dende tempo inmemoriale, cando as hostes peperas campaban ás súas anchas polo pazo da parte alta da Praza Maior. Houbo catro anos nas que as cousas se facían doutro xeito, porque había quen poñía sentidiño, terra, traballo, lingua e país.

quinta-feira, agosto 18, 2005

Sobre os vulgaris, a pseudoxente e o mundo tolo

Se vos digo que o mundo está tolo o máis seguro é que non vos estea descubrindo a pólvora, probabelmente nin sequera sexa quen de variar o máis mínimo no voso miolo con semellante afirmación, é algo evidente. Así e todo, cando un se atopa con mostras palpábeis de semellante tolemia, o certo é que é imposíbel non se deter a pensar verbo dela. Vaia por diante que non se trata de cuestións transcendentais para o futuro da humanidade, de Galiza ou sequera destes santos lugares, pero son síntomas dun mal maior.

Examinador vulgaris VI: Como ben escoitamos e vimos non hai aínda tanto, sempre se pode dicir algo máis. Aínda que con dicir aquí que a certos persoeiros ou personaxiños que habitan nos patios traseiros dalgúns vehículos utilitarios abondaría con adicarlles todo o lixo verbal do mundo, non marcharei tranquilo prá cama sen antes facerlles mención. E é que pouco se pode facer cando alguén se empeña en cadrar o círculo, buscarlle os tres pés ao gato ou tentar que dun castiñeiro caian mazás, o que non é, non é, e punto. Pois como o gato dos tres pés ou o círculo cadrado se sentíu un servidor de vostedes e vostedas cando o seu compañeiro de paseos académicos -a razón de 15€ por sesión- lle comunicou que, contra todo pronóstico e tamén contra a lóxica máis elemental, terían que seguir paseando xuntos pola graza dun señor ao que non lle sentou ben que lle interrompesen os feriados. Só me queda o orgullo interno de saber que o que é, é. Mágoa que a teimosía do vulgaris en cuestión sexa eurísticamente (pesetísticamente pola conta vella) tan custosa.

Pseudoxente: Despois do encontro na sexta fase co elemento anteriormente descrito, o que subscribe dirixiuse, nova e clandestinamente, a outras latitudes na procura da prolongación dos aloumiños que tanto precisaba é que felizmente atopou. Na noitiña, e sucumbindo á tentación de visitar a nova catedral vazquiana [véxase aquí valoración que o que subscribe comparte], optamos por unha cea consumista desas de perversión gastronómica, non burquerkiniana nen moito menos, pero é que as racións non merecen tal nome se se toman fora dun Bar, dos de toda-a-vida. Ceados e mantidiños, e dados ao vicio terrenal, fomos a un sitio deses con nome imperativo de diversión -que tan divertido é que ata letras lle faltan- á busca dun reducto no que satisfacer as reminiscencias das paixóns videoxóguicas quen un nunca dá curado de todo. A escea na que entrei en contacto coa pseudoxente perpetrareina aquí para a posteridade de xeito teatralizado, para maior deleite do lector e lectora.

(Entran na sala e Ela saúda a unha coñecida, de escuro pasado. Falan. El agarda ollando distraído cara ás pantallas dos artiluxios que os rodean. De súpeto, un individuo diríxese a el con verbas puco intelixíbeis e el solicita que llas repita. Outro individuo, que resultará ser compañeiro sentimental da coñecida de escuro pasado, observa.)
Individuo: quelemirasalachavala?
El: Eu, que dis?
Individuo: quequelemirasalachavalaquetestoyviendoyo!acercatemeaquí!
El: Pero se eu estou agardando por Ela!
Individuo: quedicesqueyatellevoviendounratoquestásmirandoalachorva
Coñecida: dejalchorvo! (licencia do autor, dado o o inaudíbel da súa reacción)
Individuo2: callaquitienerazón!, quelostoyviendoyoquetestabamirando! kesunsacodemierdaquemetocaloscojones!
El: Pero... pero que dis??
(El e Ela fan mute polo foro. A Coñecida, de escuro pasado e ambos os dous individuos quedan, no mesmo lugar. Eles berran.)
Síntese e moralexa: risco medio-alto do protagonista deste gracioso entremés de rematar hostiado sin-comerlo-ni-beberlo por dous compoñentes do grupo que denominaremos pseudoxente, integrado, basicamente, por individuos que tiveron, ao longo da súa andaina vital, un contacto coas substancias estupefacientes inversamente proporcional ao seu contacto cos libros e outras formas semellantes de cultura humana.

Grazas que igual que non todo o monte é orégao, non todo o mundo son examinadores vulgaris, tolemias e amagos de xente. Tamén hai agarimo, momentos doces, sorrisos que fan que un volva cos ollos e o espírito máis ledos, bos compañeiros que aparecen cando non se espera e aumentan a ledicia dunha tarde deliciosa, amigos de sempre que sempre son amigos... e tamén persoeiras ás que, sen ánimo persecutorio de ningún tipo, un servidor leva vendo, máis ou menos de lonxe todo o vran. Saiba a persoeira en cuestión que este novo episodio da presentatio-interruptus foi por causa de forza maior: presentatio-non-interruptus Vs durmir na rúa por ausencia de transporte. Da próxima non pasa.

[Saiban que os aludidos neste derradeiro parágrafo -os do anterior nunca se achegarían a algo que conlevase ler- son aludidos nel e non no primeiro por culpa dunha proba científica. Quero saber se sodes quen de ler toda a paranoia que me saíu dos nervios até o final. Coido que vai ser mellor ir durmir]

terça-feira, agosto 16, 2005

Desta ten que ir!

Meto as cousas na bolsa e diríxome a un retiro espiritual de dous días. Á volta, no mellor dos casos, o que subscribe será xa ademais de todo o que é agora un perigo potencial para a vía pública, que adquiriu tal condición através dunha inversión de moitos euros que prefiro non lembrar. Podo confesar que estou dos nervios a tal hora, mañá pola mañanciña, a enésima oportunidade.
Ademais, estes dous días permitiranme -agardo- poñer un parchiño no déficit que levo sufrindo todo o verán que, se todo sae segundo o previsto, arrivará na morada onde a miña liña vital está, ata certo punto, aparcada ata que o outono chame á porta. Precísoo.Contareivos como foi.

segunda-feira, agosto 15, 2005

Iso será se lle deixamos... porque mal empezamos











Leo en El Progreso (diario de Lugo y su provincia, todos los días el primero), unha entrevista co flamante presidente da Xunta de Galiza, señor don Emilio Pérez Touriño. Unha entrevista rebordante de proxectos, desexos, liñas de acción, etc. etc. nas que non entrarei a estas horas. A devandita entrevista reborda tamén español polas dúas páxinas que ocupa. Non entrarei tampouco a valorar a capacidade para expresarse en galego do señor Touriño, nin sequera no desexo de potenciar a nosa lingua por parte do PSdeG. Non obstante, si entrarei a valorar o asinado no acordo-contrato de goberno co seu partido e mais o BNG, no que se fala da obriga, por parte do Goberno (entendo que tamén do seu presidente) de empregar o galego de xeito sistemático en todas as súas comunicacións, orais e escritas.
Tendo en conta todo isto, ademais de que a entrevista non é para El País, El Mundo ou xornais semellantes, podemos concluír que mal empezamos, meu señor, mal. E tamén podemos lembrar que, á fin e ao cabo, vostede é da mesma casa que outros señores que lle queren tanto ao galego coma lle quero eu a vostede, é dicir, máis ben pouco. Bueno non, eu quérolle a vostede algo máis que algúns da súa casa ao galego, porque eu nunca lle desexo a morte a ninguén. Postos a lembrar, podemos lembrar certo cartaz que un bo compañeiro xa colou virtualmente hai uns meses e que nos retrotrae a episodios se cadra non moi pasados. Non falamos exactamente de ensino, pero en fin, que mellor ensino hai que un bo goberno. Pois iso, que será se nós lles deixamos, non é?

domingo, agosto 14, 2005

Errare humanum est, queimare fillodeputam est

Vaia por diante que este tipo de cousas son recolleitas por un servidor sen acritude ningunha, e coido que é froito da calor (do sol e do lume) que os compañeiros de Xornal esquecesen aquilo de que todos aprendemos nos treitos máis colonizados do noso ensino, e que viña sendo algo como que "la gé y la e se pelean y la u se pone enmedio para separarlas" (esa era a versión dos feitos da miña monxa de segundo de párvulos).
Independentemente disto, coido que ao Suárez Canal non se lle están poñendo as cousas moi doadas, diso xa se están encargando eficientemente aqueles que pasan o tempo prendéndolle lume ao monte e tamén os que xa cargan contra el por dicir que hai que adaptar o Real Decreto promulgado deprisaycorriendo despois do incendio de Guadalajara para adaptalo a Galiza. Será o que sexa, pero de momento, en plena ponte e en domingo ás 12 e pico da noite, o Conselleiro de Medio Rural falaba en directo na TVG dende o seu despacho, onde chegou despois de visitar a zona afectada e dende onde coordena a operación de extinción da mala idea de algúns.

Quen gaña con isto?

Hai moitas vías para procurar a paz ou polo menos tentar facelo. Coido que esta non é unha delas. Aplicar violencia co obxectivo de que alguén a abandone non é o mellor camiño. Pódense tapar algunhas bocas, pero non todas.

sábado, agosto 13, 2005

Oportunidade emocional

Dispóñome a afrontar o novo e último desta serie (que non derradeiro, agardo) encontro co pasado familiar. Alguén cuns ollos que aínda alumean dun xeito diferente ao lembrar como mil cincocentas persoas, das que formaba parte, choraban ao presenzar a derradeira actuación de Pucho Boedo non pode ser malo de todo, e ben merece unha oportunidade. Coido que si. Informareivos dun xeito máis ou menos sui generis

sexta-feira, agosto 12, 2005

Conxunto de notas mentais do día

Hai períodos de 24 horas que conteñen moitos días, e coido que o de hoxe foi un deles. Se tomamos coma incio do día as 00:00, comecei nun deses reductos que vive e sobrevive neste santo sitio facendo que a muralla e o seu entorno non fiquen na historia coma un ermo cultural. Foi un espectáculo de Palimoco, Palimocadas, moi recomendábel; xente nova facendo rir, e en galego ademais. Podería extraer moitas cousas deste espectáculo, pero para mostra, isto: Winnie the Pooh + José Manuel Parada = Orozco
Cheguei á miña morada ancestral a iso das dúas. Seis horas máis tarde xa estaba en pé para me dirixir á estación das carrilanas. Collín a carrilana maior rumbo á casa sentimental -no máis amplo sentido do termo-, cultural e tamén mental. Lucensidade transportista, non é que os señores da Freire vaian parando en todo canto sitio hai, non, a cuestión é que son quen de parar botar un cigarro en Melide durante dez minutos, pero incapaces de parar cando hai alguén agardando un bus. E cando ese alguén é importante para un servidor, un servidor aumenta a súa carraxe conxénita cara á árbore xenealóxica de Freire, S.L. Pero sobre disto xa me estenderei, mesmo alén destas liñas.
Despois. Reencontro fugaz, sesión preparatoria diante do que agardo que sexa o meu derradeiro encontro co examinador vulgaris, e mediodía e tarde intensos, que escaparon sen os ver como a auga entre as mans. Soubo ben, máis soubo a moi pouco. Un, que está feito dunha pasta máis ben sensíbel para según que cousas, nunca se remata de acostumar a según que outras.

quinta-feira, agosto 11, 2005

Pasado, presente, futuro

Cando unha parte da túa vida que non viviches ou non tiveches a oportunidade de vivir volve ao son d'Os Tamara e Pucho Boedo non pode ser malo de todo. Curiosidade cara a un tempo non vivido que, se ben non se pode recuperar, pode ser aproveitado con sentidiño, como di o Quin. Irse coñecendo é moi importante para dúas persoas que teñen todo e nada que ver. O pasado chama ás portas de múltiples xeitos, e é cousa de cada un abrirlle ou non a porta e, se se lle abre, tratalo con unha ou con outra actitude. Pasado difuso, presente incerto, futuro desexado mais inexistente ata que chegue. Todos desexamos ter certas cousas seguras e, outras, simplemente un pouco claras.
Día confuso. Gustaríame ter os brazos moi longos, botalos pola fiestra e agasallarte cun aloumiño. Anque xa durmas, se a recompensa é un deses sorrisos entre sono e soños, pagará a que me colla a friaxe.

Teño saudade, saudade teño de ti
(ADB)

quarta-feira, agosto 10, 2005

Quero máis disto!!!


Momento nostalxia moi chungo a estas horas. Éche o que teñen as webs municipais ben feitas. Seguirei riscando días no almanaque. Con saña.

Retrato costumistamente certeirísimo

Despois dun día de bochorno e treboada ao estilo lugués (seguro que por baixo da ponte da estación do tren, e mesmo nas Fontiñas -antiga avenidadecarreroblanco-, houbo inundación, unha tradición tan arraigada coma o San Froilán), e co pecé xa a salvo de descargas maléficas, leo nas cousiñas de certa veciña unha descrición destes santos lugares e os seus usos e costumes sinxelamente MAGNÍFICA. Tal que así:

Sans costumes lugotxas: Tomar o chato do mediodía nun bar da Fonte dos Ranchos mentres se le un cacho da Voz de Galicia e mais o Progreso enteiro e se deglute unha tapa de patacas oleiole ou de tortilla para os obreiros
(...)
A rémora de sempre, ou a cuestión de cómo se pode combinar en Lugo a economía máis antiga do mundo coa economía da sociedade da información.


E que despois haxa xente cobrando por socióloga, psicóloga e demais. Que inxusto é este mundo!

Unha voz

O aspirante a contador da vida prende a emisora de abordo. Pensa que así, anque dende o peirao, poderá estar máis preto do mar de pedra que tanto bota en falta. Téntao unha vez. Silenzo. Outra vez. Silenzo. E outra, e outra máis. O aspirante a contador da vida sente un nó no estómago. Téntao outra vez, e escoita, coma se saíse do máis profundo das ondas da pedra amiga, unha voz que esperta e acariña os ouvidos. Unha verba, e outra, primeiro dubidosa, despois máis fluída. Non vén da pedra esa voz, pero o seu sentimento si naceu na pedra, cando o aspirante a contador da vida apenas coñecía os aparellos do barco. E agora bótaa en falta, moito as máis das veces, moitísimo algunhas outras. Por iso sempre gosta de escoitala, de ser acariñado por ela, e tamén gosta de saber que máis cedo que tarde poderá acariñar os beizos que a modelan antes de nacer.
O aspirante a contador da vida sente de novo un nó no estómago, pero este non manca. Sae da barca de pedra, amarrada no peirao, e senta nun banco do porto. Quita do peto un caderno de bitácora e escribe o que sente. Precísao case tanto coma unha aperta, que terá que agardar un pouco.

terça-feira, agosto 09, 2005

Cavilaciós e proxectos diversos

Día morriñento nestes santos lugares. Ameaza treboada e coido que iso afecta aos meus miolos, que por causas estivais funcionan a un ritmo inferior ao habitual -non quero dicir, con isto, que o habitual sexa moi acelerado-. O certo é que levo un día no que o móbil, a Internet e, sobre todo a cabeciña me levan alén N-640, e, socio-circunstancial-afectivamente, alén A-6 ou N-VI. Non sei se sera bo ou malo vivir cunha porción de miolo en cada sitio e, vivir, porén, dacabalo entre onde se desexa e onde se está. En fin, risco un día máis -máis ben un día menos- no almanaque e, no entanto, hai que ilo roendo o mellor que se poida.
Fago tamén un cadrante mental de previsións para as dúas vindeiras semanas, no que destaca:
-Re-encontro breve primeiro e máis longo despois e recarga de bicos e apertas. Posíbel estancia en paraíso por determinar. MOI DESEXADO
-Re-encontro co examinador vulgaris. DE RESULTADO INCERTO E NERVIO PREVIO
-Re-encontro e re-coñecemento familiar. MÁIS VALE CEDO QUE TARDE, PERO MÁIS VALE TARDE QUE NUNCA
-Re-encontro cos déficits académicos a subsanar. POR ANDAR NAS PATACAS CANDO NON SE DEBE

En su jornada de pesca, el Caudillo pescó tremendamente...

Leo en La Voz de Galicia unha noticia que me fai reflexionar verbo do proceso de baixada do coche oficial de Don Manuel que, como todos sabemos, agora que xa non manda anda adicado a outro tipo de mesteres. Neste caso, as actividades do ex lembran bastante ás dun amigo seu, de todos coñecido. Cautivoume especialmente a ranciedade do ton empregado polos nosos amigos de La Voz, agardo que para ir en consonancia co acontecemento.
El ex presidente Manuel Fraga disfrutó de una jornada de pesca en aguas de la comarca barbanzana
El ex presidente de la Xunta Manuel Fraga Iribarne disfrutó ayer de su tradicional jornada de pesca en tierras barbanzanas acompañado de los empresarios Jesús Alonso Fernández y Francisco López Silva.(...)
A bordo de la planeadora Flora , Fraga y Alonso, conjuntamente con el portavoz popular boirense y ex diputado, Manuel López Outeiral, y con el doctor Carracedo, lograron capturar 50 kilogramos de fanecas. Otra de las embarcaciones se hizo con 60 kilogramos de xarda. Estas viandas, conjuntamente con unos mejillones al vapor, formaron parte de la comida que saboreó el ex presidente de la Xunta.
Fraga Iribarne aludió a la gran amistad que le une a los industriales boirenses, mientras que el gerente de Jealsa-Rianxeira, Jesús Alonso Fernández, mostró su satisfacción por mantener la tradición y por la excelente jornada de pesca que habían tenido.

A min non sei a quen me lembra, non dou caído...


segunda-feira, agosto 08, 2005

Crónicas a medio durmir

Amenzo por segunda vez no que vai de día a iso das 5 da tarde, hora GMT+1. Atrás queda unha fin de semana de músicas, tenda, licores, apertas fraterno-patrióticas, perikinhas e licorescafés. Amenzo e lembro que unha vez que descargue as fotos e as vexa varias veces, terá rematado unha das miñas últimas fuxidas deste verán (queda unha e media, polo menos, e desas que curan mente e corazón), e posibelmente a última incursión en terreos musicais patrios aderezada con deleites xtiles destes que fan pensar que o país reborda creatividade e consumismo do que non senta mal de todo, todo isto sumado a horas pouco durmidas e conversas -desexadas, proxectadas, virtuais ou executadas- con persoeiros e persoeiras des@s que se non os ves só existen nesta pantalla e nalgunha outra. Non me sinto moi lúcido para escribir a tal hora, así que deixaremos a crónica máis pormenorizada para outro momento. Nesta altura, coido que o máis recomendábel é adoptar unha postura máis ben horizontal.

sábado, agosto 06, 2005

Unha conversa

Unha conversa sempre se agradece, e máis cando esta é sincera, senta ben á saúde, se comparte cun bo compañeiro e arrecende a licor café. Só esas conversas son quen de facerche descubrir que as túas pintas se semellan ás dun gai británico que traballa nunha empresa de deseño web e que escoita pop achegado á música electrónica, pinta que culminaría cuns lentes de pasta negra. Esas conversas, dun delicioso eclecticismo, poden xirar en torno ás orixes familiares e ás orixes sentimentais, reflexionar sobre o amor e o futuro, lamentar a prodredume de certos tecidos socioeconómicos e ensalzar os lugares sentimentais e alicerces de proxectos futuros. Son conversas que, na antesala dunha fin de semana cargada de arrecendos etílicos, apertas de amizade sincera e compañeirismo leal e músicas que agroman entre toldos de romaría, fan ver as cousas dende unha distancia que en moitas ocasións se agradece. Ledicia de valorar e ser valorado, e de saber que sempre haberá alguén con quen poder compartir unhas horas na noite e falar, falar, falar.

sexta-feira, agosto 05, 2005

A bandeira do cambio

Para que a coloquedes nun lugar preferencial, pendurado no comedor familiar ou na mesiña de noite. Ou para que a estampedes en tea e a levedes polos festivais adiante pendurada nas costas ou, armada nun pau, segundo a fórmula tradicional. Produto do ocio estival e da estraña ledicia do novo goberno, aquí vos deixo a artistada, coma sempre, só con algúns dereitos reservados. Tendenciosa coma min e leda coma o país despois do cambio :). [Podedes premer nela para tela en grande, por se sodes frikis coma un servidor e a queredes para algo]

quinta-feira, agosto 04, 2005

Dúas xornadas que souberon a gloria

Volta o aspirante a contador da vida de dúas xornadas deliciosamente xuntas, tan xuntas que se mesturaron nunha soa. Enganando aos mariñeiros que levan toda a vida na taberna do porto, comunicándolle só a algúns a súa verdadeira intención, amañou unha chalana e, anunciando que marchaba ao mar de pedra, bogou máis ao norte. E alí estaba, o mesmo mar, mais estraño, por veces semellaba alleo. Mais agora non era tan importante o mar como a outra barquiña que avanzaba polo horizonte. Cada vez máis preto ata fundírense nunha aperta infinda. Non chorou de emoción o aspirante a contador da vida, hai ocasións nas que o agarimo só permite termar do sorriso e soltalo para que os beizos falen sen verbas, como a eles sempre lles gustou. Pasou a noite o aspirante nun ceo con bandeiras que non sempre resulta doado ollar, mais con estrelas sorrintes dabondo como para querer regresar alí agora. Non pode ser. Así e todo, a mágoa por non poder ter alongado máis a singradura fica nun segundo plano por ter unha boa sensación, porque o corazón do aspirante recobrou o ritmo para afrontar uns días nos que non haberá posibilidade de bogar tan ao norte. Regresa o aspirante ao peirao e a radio da pequena barca soa cando xa é noite. Dúas xornadas que souberon a gloria.

quarta-feira, agosto 03, 2005

Pop Manuel


Agora que xa non manda e somentes é unha figura ou icona mediática pertencente ao noso pasado e ao imaxinario popular, considero importante que poidamos ter unha representación popeira, coma merece o personaxe, para poder pendurar nas nosas paredes ou enmarcar e situar na nosa mesiña de noite. Tentei que as cores non fosen arbitrarias e que en cada imaxe se representase a idiosincrasia do protagonista. Especialmente na última, raza española-de-toda-la-vida cunha vida gris -para que vexades que a teoría ás veces cunde (ou non)-. Que vos guste a artistada :P. (se vos leva moito interese, tamén hai versión sen asinar)

terça-feira, agosto 02, 2005

Carta de despedimento, pásese polo finiquito

En síntese:
Está vostede despedido. Grazas por non montar moito escándalo segundo vai saíndo, que bastante fixo xa. Non o botaremos demasiado de menos. Ala, vaia pola sombriña.

Dado na Galiza o dezanove de xuño de dous mil cinco e por moitos anos.


O pobo Galego

Non vos encantaría asinalo tod@s e enviarllo a Perbes, a modo de postal de despedida? Só é unha idea :P.

Burramia adhesiva

Leo en El Progreso (diario de Lugo y su provincia, todos los días el primero) unha noticia que ten pouco de primicia e moito de triste ou, mellor dito, lamentábel. Sae, coido que por primeira vez, nos medios algo vencellado á actividade desta xente tan triste que nos últimos tempos anda por estas latitudes. Destavolta son pegatinas contra a roupa chinesa, antes foron contra o aborto ou reivindicando a "festa" do 18 de xullo, ou simplemente dándose autobombo e emporcando papeleiras, farolas, colectores e demais mobiliario urbano. Fixeron tamén pintadiñas nun alarde de vandalismo españolero y olé, e mesmo están a elaborar un amago de páxina web.
Non direi se é bo ou malo que esta xente saia xa nos medios de comunicación, aínda que só sexa en El Progreso. Tampouco direi nada sobre o feito de que non se lles teña aplicado a norma municipal que prohíbe colocar adhesivos, cartaces e demais propaganda sobre o mobiliario público, máis cando todo o material está debidamente asinado (corrixido con rotulador, mais asinado). Mais, dun xeito ou doutro, coido que a aparición destes personaxiños merece unha reflexión. É moi triste que xente que en nalgúns casos nin ronda os vinte anos, se vaian de españolitos radicales e, ao berro de "Santiago y cierra España", xoguen ao que están a xogar. Xa sei que despois os perigosos seremos, ou serán, outros. Pero cómpre ter en conta que as maiores liortas e as peores consecuencias sempre agromaron nos cerebros máis baleiros. Por exemplo.

segunda-feira, agosto 01, 2005

Cada día máis linda, máis linda, cada día millor e millor

Atopo na web de El Progreso (diario de Lugo y su provincia, todos los días el primero), nada sospeitoso de pecar de izquierdoso y radical, unha enquisa sobre a programación das vindeiras festas do San Froilán. Na liña do galeguismo extra-fino, light e sen cafeína este, noso Concello, obsequiaranos novamente cunhas festas cargadas de grupos-estrella-del-verano, e, se cadra, deixaranos un reducto dunha noite aos que gostamos de gozar das nosas festas ao son dunha gaita, dun grupo galego, ou, simplemente, alén do que manden os reis da discografía española. Como ben dixo algún sabio, chegaremos de novo a un Spain Froilán que, ao xeito de grandes eventos dun tempo que seica todos queremos deixar atrás, non quererá compararse "cunha feira", polo que as gaitiñas "de la tierra" seguirán ocupando un lugar secundario, facendo que as festas de Lugo non se diferencen en gran cousa das de Logroño ou Albacete, por pór un exemplo. É entón cando un sente que pasara o que pasara aquén Murallas, e que non podamos gozar do que outros, -que para un servidor son xa máis propios ca estraños- xa gozan.

Ollou pola fiestra e viu arder o ceo

O aspirante a contador da vida asomouse á fiestra que hai instalada no peirao. E de súpeto viu alén das Murallas e observou como o ceo do mar de pedra rachaba en mil cores. E viu arder de ledicia as escalinatas nas que non hai moitas lúas que ancorou. E sentiu unha nostalxia tan fonda coma o propio par. E desexou, por un minuto, poder voar tan alto coma esas faíscas de cores e, dando voltas e reviravoltas, chegar a se pousar sobre as augas mansas do mar que aperta forte e nunca deixa marchar de todo. Ollou ao radar de a bordo, mirou o almanaque e caeu unha lúa máis. O aspirante a contador da vida debe saber agardar, aínda que ás veces desespere ollando ao horizonte. Hai veces que os atardeceres en soidade doen.