Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, junho 29, 2005

A barca de pedra prepárase para soltar áncoras

Así, coma quen non vai querendo a cousa, entre calores e fríos, entre agobios e ledicias, chegou o verán. Aquí comezou hoxe, nun día anubrado e nun país bastante distinto. Cantos costumes terá que cambiar en pouco tempo o aspirante a contador da vida... a partir de hoxe non terá que se obrigar a labrar o seu futo a colpe de cóbado e taboleiro. Botará de menos a aperta e o bico, que aínda que disque voltarán no outono, fan difícil as ausencias, aínda que teñan data de caducidade. Non, non está acostumado o aspirante a contador de vida a grandes cambios. A el gústalle o seu recuncho de planeta, que deixará de existir coma tal ata que o San Froilán chame á porta, con cheiro a churros e a coiro dos bolsos barateiros. Deixará de existir o planetiña, mais ficarán as sensacións, o arrecendo. Sempre pode pechar os ollos... e volver. Agora que dende a barca de pedra xa se ve o peirao e hai que ir botando a áncora, o aspirante a contador da vida diralle ao primeiro que atope ao pór o pé en terra: impórtache botarlle unha ollada á miña barca? é aquela de pedra, é que probabemente non tarde moito en vir por aquí e darlle algo de uso. A última vez que a ancorou custoulle un pouquiño desanudar o cordel da áncora, e non quere que lle volva pasar.
Así as cousas, o aspirante a contador da vida non se sinte mal de todo, malia aos cambios. Non todos son malos, por outra parte. Aínda que os resultados na factoría de contadores non sexan óptimos, aínda que o bico e a aperta fiquen ollando para a barca de pedra ata dentro duns días que semellan meses. Aída que o planetiña vaia deixar de existir e sexa o propio aspirante quen lle teña que dar o golpe de graza, obrigado polos da fábrica de ideas, que non entenden moito de bicos, de apertas nin de barcas de pedra.
Mais aínda non chegamos ao peirao. Aínda que xa se ve preto a lonxa, que está bastante ruinosa, e o barrio do porto (que non d'O Porto, oxalá fose) se mostra perante os ollos do aspirante abafante e cansino, aínda podemos coller a radio de onda curta e escoitar que xa non se fala dos de sempre e que esa brisa mariña tan agradábel que comezou a soprar hai semana e pico semella que vai a máis. Se cadra poderemos apagar o motor e estender as velas, para chegar maxestuosos ao pantalán. Isto merece unha festa co resto da tripulación. O aspirante non se sinte mal, se non fose por ese nó no estómago...

terça-feira, junho 28, 2005

Velaí vai, velaí vai, Don Manuel fóra da Xunta


Xa se vai Don Manuel, xa desaparece polos camiños que van de Compostela ao alén, xa se vai. Adeus, Don Manuel! Vouno botar de menos... moito moito. (imaxe Arredema tamén)

Se me vaya haciendo... a un ladito


Noraboa Galiza! (imaxe Arredema)

segunda-feira, junho 27, 2005

Agora si, botámolos

Coa prudencia propia de quen ata que non estivo baixo os efectos dos licores espirituosos patrios non celebrou nada o domingo 19, coido que podemos dicir que xa os botamos, agora sí.
VIVE O QUE QUEIRAS,
MANOLO VIVE O QUE QUEIRAS,
VIVE O QUE QUEIRAS
AGORA QUE NON GOBERNAS

(TEMOS AS CHAVES,
TOURIÑO TEMOS AS CHAVES)

Desprazo os apuntamentos para dicir algunha cousa... que haxa sorte -outra vez-

Estudando, estudando... despracei por uns minutos os apuntaementos que debera ter collido do meu puño e letra hai moito, que debera ter organizado hai tempo e que debera ter comezado a estudar hai uns cantos días e non hoxe. Despraceinos durante uns minutos para chantar o pecé na mesa, un dos espazos principais deste, meu planeta provisorio dos últimos meses, que deixará de existir coma tal en apenas nove días -cando deixe de existir verédelo, @s que aínda non o coñecedes-. O certo é que me puxen diante do pecé para ollar como vai o, agardemos, derradeiro exame ao muro de contención de ledicia que nos puxeron os de alén mar empurradiños, e moi ben empurradiños, polos de aquén. En fin, non sei o que pasará nin do que nos enteraremos hoxe pola noite ou mañá pola fresquiña. Agardo que os que tantas veces nos roubaron a ledicia esta vez non sexan quen de facelo e, collendo a súa maleta de xenreira, papel-moeda e indiferenza -cando non aborrecemento- polo país, deixen os dominios do San Caetano para non volver en moitos anos. Oxalá que así sexa. Seguirei estudando, a ver se hai sorte e podo poñer en práctica estes folios algún día senón nun País Novo, nun País un pouquiño máis fresco e aireado, que xa vai sendo tempo.

sexta-feira, junho 24, 2005

"Encontros" na terceira saca de votos


Tanto tempo coidándovos para que? Non nos falledes agora... tontorrones. Se todo vai ben, seguiredes chuchando da teta da Xunta. Con moito agarimo da vosa amiga Mari Carmen Cacharra.

Don Manuel, entérese usted. Hemos dicho que no!


A darlle gas. Despois do domingo, celebramos a véspera da xornada da globalización das eleccións galegas. Contra a carretaxe trasatlántica e porque eles perderon (para que dicirvos o que me gustaría a min para que a felicidade fose plena, ou case...). Alí vos quero ver a tod@s o domingo, así que modérenseme o sábado pola noite eh! Algún día vos contarei o proxecto que certo patriota, compañeiro e amigo e mais eu tiñamos para elaborar unha performance desas entre Pablo Iglesias e Castelao. Pero agora non é tempo, xa o será cando esteamos no Goberno ;).

quarta-feira, junho 22, 2005

Agora si que non, Don Manuel

Esquecíao, se cadra por evidente. Se quitan o escano 38, que facemos? Porque dou por sentado que imos facer algo. Que se preparen para varios días coma o 1 de decembro do 2002. Agora si que non, Don Manuel, agora si que non.

Arredor da bandeira azul e branca
ao pé da enseña da nazón galega
berremos alto e forte
A NOSA TERRA É NOSA

Adiante e sen medo.

Pasou o que pasou. O domingo pasei da ledicia ilusoria das enquisas, á vil realidade do arco parlamentario da TVG, para máis tarde alimentar un fiaño de esperanza entre xeos e caña de herbas. Non está nada gañado, pero tampouco está todo perdido. Coido que os da nosa especie estamos acostumados a non gañar, mais a facer gañar ao país sempre que se poida. Houbo cousas que me cabrearon esa noite, non direi que non. Botei de menos máis estreleiras, máis mans pechadas e ergueitas -aínda que despois puidesemos subsanar o déficit diante das Crechas, nun momento de canción patriótica deses que fan revivir-, menos hoteis, menos preparación. O mesmo dá, ou non. Temos un gran reto por diante, despois de botalos, despois de que conten o último voto dos que nunca viviron en Galiza, despois de que vexan que os seus chanchullos de pouco lles van valer, saberán que nós non gañamos de todo, pero eles perderon máis. Non gañou Galiza, se cadra gañou... Galizia. Con ser moito, non o é todo, pero o día en que vexa a Xaime Pita como voceiro da opoisición, irei xunto á estatua de Castelao e direille que os tempos, moi paseniño (probabelmente excesivamente paseniño) están comezando a ser chegados. Veña, País.

domingo, junho 19, 2005

Sorte para tod@s. Sorte, Galiza.

Hoxe foi un día estraño, sentime estraño, tiven calor, botei de menos algo ou alguén... En fin, dentro de 15 minutos quedei para ir ao futuro de Galiza. Para ben, ou para mal. Moita sorte a tod@s.

sexta-feira, junho 17, 2005

A cousa vai rematando...

Remata a campaña, xa remata. Atrás quedan días de cabreos, de risos, de propaganda ao descaro (eu o primeiro) e de razonamentos máis ou menos condicionados polo partidismo, polo amor o País ou por unha mestura das dúas cousas. O certo é que as eleccións e, sobre todo a campaña, caeron en moi, moi malas datas. Caeron en plenos exames universitarios, e os que estamos inmersos na cuestión, non nos sentimos nada cómodos. Que lle imos facer, don Manuel tiña que queimar os que -agardemos- eran os seus últimos cartuchos.
En fin, que estamos en xornada de reflexión e eu, coma bo animal político (máis animal que político ou ao reves, segundo os casos), reflexiono. Reflexiono que non queda nada para que a liña vital esa coa que vos mareo os nervios aos que seguides estas liñas fique en suspenso, este ano cunha incerteza por veces desacougante. Ao aspirante a contador da vida non lle gusta nada non saber que vai ser da súa liña vital, se o seu idilio económico-pseudoprofesional cos de toda-la-vida se vai producir ou non e baixo que condicións. O aspirante a contador da vida está farto de replanificar o xa planificado. O aspirante a contador da vida non leva moi ben o terse incorporado ás segundas voltas das probas académicas -as do remate do verán, cando os folios pesan un quintal- nin verse condicionado pola vontade arbitraria dos que xa o fixeron case que todo na fábrica de ideas. Que o lume de San Xoán nos purifique a todos. A min collerame estudando (ou facendo que o fago). Gardarei un bico e unha aperta das fortes no meu peto e, procurando mantelo á sombriña para que esta calor abafante non os derrita, tentarei coidalos e agarimalos ata que poida recoller algún novo. Gústanme.

quarta-feira, junho 15, 2005

Espazo gratuíto e vocacional de propaganda electoral


Chegados a este punto... a imos. Eu vounos botar votándolle ao Quin e gustaríame que ti tamén o fixeses. Por pedir... ;).

segunda-feira, junho 13, 2005

Ese planeta á beira do Arnoia.


Cando sexa maior quero vivir nun planeta coma ese, no que hai xente (moita) da idade dos meus avós en mitins do Bloque acompañados por xente da idade dos meus pais e da miña, onde cren que Desta Vai porque alí xa hai boa que Desa Foi, e con revolta popular liderada polo Quin e todo. E para poder vivir nun planeta coma ese, hai dúas vías posíbeis, basicamente: marchar vivir a Allariz ou tentar transformar o resto. E a verdade é que Allariz é moi bonito, pero prefiro volver de paseo por alí moitas veces para coller exemplo e botar unha man co demais. Veremos, veremos.

domingo, junho 12, 2005

Sacade conclusións... por diversas partes. Pffff.

[Nova de Vieiros.com]
QUINTANA E TOURIÑO CONFIRMARAN A ASISTENCIA
TVE suspende o debate electoral ante a ausencia do candidato do PP

[12/06/2005 11:46] O PP comunicoulle a Televisión Española que o seu candidato e cabeza de lista á presidencia da Xunta, Manuel Fraga, non participará no debate electoral que se ía celebrar dentro do programa Enfoque, o vindeiro mércores 15 de xuño. Fraga afirmou que non asistirá a ningún debate televisado con Anxo Quintana e Pérez Touriño porque se atoparía "con dous señores dedicados a tirarlle pedras; iso só o faría un cretino e eu aínda non entrei nese grupo".

O Consello de Administración de RTVE apoiara explicitamente a realización deste debate e lamenta, nun comunicado, que non se poida producir ante a ausencia dun dos tres candidatos. Os outros dous, os representantes de PSdeG-PSOE e de Bloque Nacionalista Galego, confirmaran hai días a súa participación.

Fraga insistiu en que antes de que el acepte sumarse a un debate, os seus rivais deberían aclarar cál é o programa conxunto, xa que se presentan como alternativa ao PP. "Eu xa dixen que cando debatan estes dous señores qué programa común van levar, estou disposto a debater. Mentres non o fagan, non teño nada que dicir, porque cada un vai polo seu lado", sinalou.

O presidente del PP de Galicia, na súa traxectoria política autonómica dende o 1989, só aceptou participar nun debate electoral nas eleccións galegas de 1993, fronte ao daquela candidato do PSdeG, Antolín Sánchez Presedo.

sábado, junho 11, 2005

Palabra de don Manuel

E imos permitir que este elemento goberne Galiza catro anos máis? Con estes símiles tan característicos, este humor tan "de la tierra", este gracejo que se gasta. O mellor é xubilalo, e xubilalo dun xeito moi concreto... ou iso penso eu. Igual outros ata lle rin a graza e todo ao patrón.

Muévome. Por LaCuruña, por mí.


E punto. Y punto.

A ausencia e as barcas de pedra

Ausencia. Ausencia ensaiada, practicada mais nunca asumida. Ausencia temporal mais eterna ata que non remata, ausencia que fica chantada no máis profundo, ás veces doe moito, ás veces doe menos. A ausencia non dá apertas nin bicos, non agarima nin escoita, só preme no máis profundo e fica aí ata que o tempo ou ela mesma, se for o caso, deciden que é hora de marchar. A ausencia é mala compañeira de viaxe, mala compañeira de lecer e tamén de traballo. Non é boa a ausencia, nin tan seguera nunha noite de néboa mesta na que as barcas de pedra xa albiscan o peirao, que está cada vez máis preto, inexorábelmente preto, cada vez máis. Mentres e non, o aspirante a contador da vida, con medio pé xa posto fóra da barca -non pola súa propia vontade-, conta os días que restan para iniciar outra singradura. O aspirante a contador da vida, malia ser de terra adentro, acostumouse e acomodouse á singradura na firme barca de pedra. Non quere deixala no peirao, non quere. A ausencia ensaiada chega e chanta a barca de pedra no pantalán; non hai excusa, aí ficará ata que a ausencia marche. O aspirante a contador de vida olla cara a atrás, e cunha pinga de tristura avanza cara ao secano da ausencia nunca asumida por completo.
Virán tempos mellores, virán. A ausencia ficará no peirao e o aspirante a contador da vida vogará ledo a bordo da súa barca de pedra. Non hai soedade na barca de pedra. É estraño que nalgún recuncho da barca de pedra non se atope unha man, unha canción, unha noite fría con boa compaña. O aspirante a contador da vida confía en que a ausencia ate forte a barca de pedra ao peirao. Quérea recuperar no día fixado, á hora exacta, en perfectas condicións.

sexta-feira, junho 10, 2005

(In)adaptados ao sistema

Todos estamos, en maior ou menor medida, adaptados ao sistema. En ocasións, certos individuos pensamos o porqué da nosa incomodidade, por moi parcial que esta sexa. Así as cousas, certos invididuos que escapan da media, de diferentes medias de crenzas, orientacións políticas e preferencias na vida, fuxen do estabelecido e non se sinten cómodos trunfando e punto, non se sinten ben de todo cando o camiño é máis doado por ir da man dos de toda-la-vida, sinten un punto de culpabilidade e varios puntos de tristura ao veren que unha das liñas vitais fica en suspenso durante uns meses, outra vez (mesma ausencia, distinto motivo), e neste caso pola adaptación ao sistema do demo. Por que non me sinto ledo? Debería. Vou estudar un rato.

quinta-feira, junho 09, 2005

Medo con Paco!!! Moito medo!!!


Ojo qui vienen los rojos del beenegé, qui no tienen rabo i cuernos porque los guardan perfetamente los muy taimados, que os son de la piel del demo, carallo. Menos mal que tengo atado y bien atado a Torito que si no... qui os voi dicir que no sepáis ya, hombre. En LaCuruña esto no pasa.

Mare magnum caloroso

Son días de moitos graos, graos de máis para aqueles que, xa rematado o bule bule da factoría de contadores da vida, facemos o que podemos para pasar con máis gloria (ou grória) que pena o trámite académico que menos lles gusta aos que máis, e tamén aos que menos, saben disto. O certo é que a golpe de pinga de suor as horas pasan, pasan por diante desta fiestra enluxada pola cobiza dos que queren facer máis atractivo o público e común só para uns poucos. Pasan as horas e a liña vital principal, máis loitadora que noutros tempos, agonía por veces e combate fachendosa cando lle cadra por non se crebar de todo, esta vez non. Non sabemos en que dará a cousa. Realmente quere este pequeno individuo entregarse ao camiño doado dos de toda-la-vida? Non sei. Nada claro.
Mentres e non, don Manuel campa por sus fueros, Torito vai "como una moto" ao son dos euros contantes e soantes chegados de la Villa y Corte de Ferraz e eu seguirei gastando céntimos de euro en sms dicíndolle á xente que lle vote ao Quin. A min tampouco me gusta o márketing en exceso, pero tampouco me gusta coller o bus pero non queda outra se non quero tardar unha semana en ir de Santiago a Lugo, poñamos por caso. Éche o que hai.

sábado, junho 04, 2005

Así anda a cousa...

NOVA SONDAXE DE "LA VOZ"-EXTRAÍDA DE WWW.VIEIROS.COM
O PP non logra superar os 36 escanos
Ningunha das enquistas publicadas até agora (as que ofrecen datos sen moverse en amplos abanos de escanos) outórgalle ao PP máis de 36 escanos. A nova enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia repite os resultados xerais do inquérito publicado o pasado 21 de maio. O PP perdería a maioría absoluta ao acadar 36 escanos; o PSOE lograría 24 e o BNG, 15.

En fin, así andan as cousas. Obviamente alédome de que o PP sega sen rañar a maioría absoluta, aínda que só sexa nas enquisas. De calquera xeito, a incerteza e a inquedanza seguen aí. Xogámonos moito máis que quitar a Fraga e aos seus. Moito máis.


En Bloque


Pois iso. Que a mocidade responda EN BLOQUE. Coma dixo un compañeiro meu... nin Cacharros, nin Baltares, nin desfiles militares.

sexta-feira, junho 03, 2005

Días incertos por diante e por tras

Semella que o aspirante a contador da vida non terá que abandonar o refuxio ás bravas. Polo visto, unha pequena tregua de última hora, desas que fan que durmas unha boa tempada cun ollo aberto e o outro sen pechar, fai que as augas volvan ao rego. Despois dalgunha mala noite, de días tensos, de verbas cruzadas e momentos de sinceridades desexadas -ou non tanto- que non se esquecen, voltamos, maís ou menos, ao punto onde deixaramos todo. E aí estamos, nun estremo da liña vital do punto e aparte. E a seguir resistindo. Nunca foi doado saber o que che agarda, ter experiencia e á vez carecer dela. O ser humano é o único animal coa maior e a menor memoria do mundo. Nunca estás preparado de todo para o que sabes que vai vir, que tamén vai rematar, que vai volver comezar. Tamén nisto, alá imos, outra vez, agardemos que a fin da viaxe sexa, polo menos, unha arrivada como a anterior. Claro está, salvando as distancias, que non sempre son o esquecemento, grazas a Deus.

Velaí vai. Sorte compañeiro.


Momentos depresivos á parte e cos pés no chan, por favor, que canto máis alto se sube sen seguridade peor pode ser a zoupada. Todas as esperanzas, todos os medos tamén, toda a calor e todo o frío do mundo nunha noite estraña onde as haxa. Oxalá tod@s puidesemos facer máis. Éche o que hai. Adiante! Sabemos que, polo menos nós, estamos da nosa parte. Poucos máis, pero nós si. Para un fin maior, agardo. Todo por diante, todo.