Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

terça-feira, maio 31, 2005

Non comprendo a estes humanos...

Como xa vos comentei algunha vez, aos estudantes que vivimos en residencias públicas da USC estásenos a complicar bastante a vida. A incompatibilidade das prazas subvencionadas coas bolsas do Ministerio de Educación fai que moitos teñamos que pensar en buscarnos a vida o vindeiro curso por aí adiante se queremos continuar comendo todos os días e ademais darnos o luxo de vivir baixo teito. Os residentes están a desenvolver un labor ao meu xuízo bastante competente nas mobilizacións que se están a organizar. Coa maioría dos conselleiros de cada centro á cabeza (os representantes dos residentes), estase a facer presión dende todas as vertentes que os medios que se teñen e as datas en que estamos permiten. De momento, a única organización que apoia as mobilizacións dos residentes e que ademais está a presionar á Universidade de xeito directo, ademais de organizar mobilizacións coa mesma finalidade, son os CAF. Os CAF convocan unha concentración para mañá diante do claustro da USC, para iso, empregando os fondos da propia organización, editáronse cartaces que se colocaron nas residencias. Nunha delas, alguén, ao ver un dos cartaces, arrincou a parte que poñía "Comités Abertos de Faculdade", deixando tan só a data e a hora da concentración. Non acerto a comprender como alguén pode dar máis importancia aos prexuízos cara a unha asociación estudantil que á causa que nos une ou nos debera unir. Coido que hai xente que aínda non entendeu que o máis doado cando algo que organiza alguén non che gusta é non ir, e punto. A ver quen son os radicais, a ver.

Que ben se pasa na fin de semana...

Como ben sabedes os que aínda aturades estas liñas, a min apaixóanme especialmente todas as friquiadas deste, noso país. Sen dúbida, esta pasada fin de semana puidemos asistir a dous actos que, pola súa natureza, fuxen da miña afección friqui para asustarme en gran medida. Comezou a fin de semana co asasinato masivo de centos de bonitos, zamburiñas -e porcos, probabelmente- para encher trinta mil racións de empanadas. Meus pobres, arrincados do seu medio natural para rematar devorados polas lexións de Don Manuel que, baixo os seus sombreiros de palla, tan falsos coma eles mesmos (non ía sol, pero que máis dá), aplaudiron a rabear mentres o presidente eterno dicía que nunca meteu a man en non sei que sitio e se erixía, nunha vez máis, no don Pelayo patrio. Un espectáculo que, se non triste, tería a súa graza e todo. Mariano facendo campaña por Don Manuel pola conta que lle trae, Acebes sorrindo, Baltar fillo e Baltar pai tocando o trombón e sorrindo tamén. Todos sorrindo. Todo riquísimo.
E chegou o domingo, día santo. Nesa xornada, o exército español decidiu pasear ao abeiro dos dominios de El Paco, de LaCuruña e desfilaron ao pé da bandeira "que refuerza el compromiso de LaCuruña con la España democrática", e doña Leti xogou fóra da casa para a ocasión, e as señoras foron ver aos lexionarios e aos coroneis e a toda esa raza. Mentres, a xente que se espuxo a levar unhas palmadiñas amistosas nas costas por parte da Policía "Nacional" protestaba contra aqueles que se "moven" pola paz. Eu tamén "móvome". Manda carallo. Por certo, en La Voz "de Galicia" só lle adicaron unha columniña as protestas contra o desfile. Total, para que, los radicalillos que no están contentos con nada.

quinta-feira, maio 26, 2005

Por que é romaría?

NOTICIA EXTRAÍDA E TRADUCIDA DE LA VOZ DE GALICIA
Imagen de noticia

SIRO

O PP prepara 30.000 racións de empanada para o Monte do Gozo

Prevé celebrar o sábado o seu mitin máis multitudinario de precampaña

Fraga e Rajoy pecharán a romaría, que adelantaron catro meses con motivo do 19-X

E eu pregúntome, por que denominan "romaría" á festa da exaltación da carretaxe de votos e a manipulación electoral? Si, Don Manuel, xa sei que van porque queren e que os paisanos están moi ben informados. Un cacho de empanada move montes enteiros...

Hai que botarte, Don Manuel!

Vergoña. Iso é o que me produce escoitar a Don Manuel dicindo que Hai que Botalos! lle dá noxo, que todos os intelectuais que están detrás da produción son lixo e que as curtas son "inxuriosas". A que inxurias se refire exactamente? Ao carrexo de votos? Á súa presenza nos gobernos franquistas? Ás súas sinaturas de penas de morte? Ao mercadeo coas subvencións europeas?. Dáme vergoña que este elemento presida o noso Goberno. Eu tamén vin as curtas, Don Manuel, xa temos algo en común.

quarta-feira, maio 25, 2005

A USC tómase o Hai que botalos! moi a peito

Hoxe na fábrica de xornalistas puxeron Hai que botalos! e eu alí me coloquei, no galpón habilitado a tal efecto porque a técnica así o quixo. É que os influxos electromagnéticos de Don Manuel chegan a todas partes e claro, non ía permitir que os futuros subvencionados estivesemos cómodos vendo a súa fin feita filme. A verdade é que o anaquiño do filme foi o meu autopremio desta semana. Cuestións de alevín de xornalista aparte -nos vindeiros días contareivos algo interesante sobre un informativo de Tv e un debate preelectora-, estes días ando ocupado na defensa da miña casa, ou o que é o mesmo, na defensa das residencias públicas da USC. A cousa, máis ou menos, vén sendo que as bolsas do Ministerio de Educación e as prazas subvencionadas nas residencias da USC son incompatíbeis e, polo tanto, á rúa que nos imos todos os que, no vindeiro curso, teñamos tal vicio no corpo que queiramos estudar, comer e vivir baixo cuberto. Manías que ten un. Así e todo, aí estamos presionando. O de hoxe, un dos meus primeiros contactos coas máis altas esferas universitarias, desas que van en coche oficial, non fixo senón confirmar as miñas teorías. Están aí postos e postas para seren branco da nosa indignación, e se non hai motivo, búscano. Tedes un piso dispoñíbel para o vindeiro curso? E que creo que a USC entendeu mal o de Hai que botalos! e se puxo radical de máis.

sexta-feira, maio 20, 2005

15 anos e aínda máis


Tremenda viñeta de Gonzalo n'A Nosa Terra, dun realismo que mete medo. Grandísimo!

Irémolos botando logo, que vai sendo tempo


Por fin, o domingo ás 19:30 no Teatro Principal de Santiago de Compostela (e segundo me teñen dito tamén ás 22:30 en segundo pase) será a estrea de Hai que botalos!, con entrada libre (ceibe). Cun filme tan cargado de retranca e cunha vontade moi clara, creo que tentarei ser manipulado por "estos radicales del nuncamais", se non podo o domingo -que será o máis probábel dado o meu xantar masivo en compaña colectiva de certo blogqueiro ao abeiro da muralla- será o mércores, cando nos veñan lavar o cerebro aos universitarios con tal de non seguir que GaliCIa siga indo a máis. Moita sorte compañeiros! Por certo, en Arredemo hai un adianto para @s máis impacientes....

Non é nada doado...

Non é doado convivir co temor aos atardeceres infindos, ás noites de calor abafante, ás mañás de sol radiante e aos meses de desocupación das tarefas cotiás. Non é, realmente, nada doado, vencellar á tristura eses días nos que todo brila e o azul do ceo contaxia a todo o que vemos. É complicado comprender como pode ser posíbel que a fin dos mares de folios e a posibilidade de gardar nun caixón o reloxo poida producir semellante sensación de non querer pasar a folla do almanaque, de ficar aquí, parado, ou se cadra de dar un brinco que me leve alén deses días tan desexados por moitos, deses días nos que todo soa a troula, sol e ledicia colectiva. Non é, en definitiva, moi explicábel á maioría, o desexo de ir atrás e adiante neses meses en que unha liña vitar fica aparcada para deixar vivir á que máis o traballa, o merece, ou lle interesa. Non é nada doado.
Ás veces o estrés é quen de solapar os sentimentos. Mágoa ou sorte, non sei, que cando marcha o estrés todo o de debaixo permaneza intacto.

Noxo


Na finca de Paco, el de LaCuruña, a España cañí, a da cabra da Legión e caralladas polo estilo, comeza xa a depregar a partes iguais á Policía Militar para controlar aos desviados e ao folclorismo castrense máis rancio. O cóctel perfecto. Non sei se ir e e vender o meu radicalismo de mal español durante uns días para ser quen de gozar dun espectáculo pagado pola Facenda Pública que ten coma principal obxectivo facer ostentación da violencia "lexítima" do Estado. (Es-pa-ña! Es-pa-ña!)

sábado, maio 14, 2005

Da gloria de velos, coas súas barquiñas brancas


Non son grandes, son ENORMES!!! Éncheme de ledicia poder compartir convosco un dos meus últimos achádegos cibernéticos: a versión mp3 desta tremendísima CINTA d'Os Tamara. Destaca no álbume, sen dúbida ningunha: Puerto de Compostela!!!!!
El Tambre caudaloso
formó bancos de arena
por la ría de Noya
que ha sido el puerto de Compostela

Diario de titulares

Leo en Xornal.com:
El fiscal ve legal la casa de Vázquez y éste pide la dimisión de la oposición
(algo semellante ao que facía Ansar no seu momento).
La web del BNG triplica en visitas a las del PPdeG y el PSdeG juntas
(desde que o que inventou a ZP emigrou ao ver a Torito... está claro que a balanza non se vai equilibrar a non ser que Baltar poña ao final das pistas asfaltadas unha conexión a Internet;).

Quin, dálle gas!!!!

Mentres Don Manuel se afana no carrexo transoceánico, ese que deixa o milagre dos pans e os peixes nun simple truco de feira, Quin continúa facendo que me sinta culpábel por non ser quen de organizar un grupiño de mil ou dúas mil persoas que vaian abrindo ollos e testas, segundo corresponda, polo país adiante. É moi triste que a paisanada se enfronte de novo a que os traten como ás ovellas, con respecto para as ovellas e, papeleta en man, hipotequen o futuro deste país catros máis. Leo en La Voz de La Galicia, que é editado en La Coruña:
Quintana citó a Castelao para proclamar que faltan 35 días para el «alba de gloria» que soñó el ilustre galleguista, e instó a la militancia a «tener confianza y a trabajar juntos y unidos en la misma dirección porque cuando el nacionalismo gallego se pone a andar, Galicia es imparable». Isto vén querendo dicir que Quin dixo que faltan 35 días para o Alba de Groria que soñou Castelao, patriota galego, e instou a toda a militancia a termos confianza e traballar xuntos e unidos na mesma dirección, porque cando o nacionalimo galego se pon a andar, Galiza é imparábel.

Cando paran as barcas de pedra

Cando a liña vital que vén sendo secundaria a maior parte do ano se torna en primaria á forza non adoita ser agradábel. Menos aínda se temos en conta as coordenadas espazo-temporais; en pouco máis dun mes esa liña vital imporase a golpe de almanaque durante 90 días coas súas noites -nunca un vrao fora tan, tan frío- e certo individuo sentirá, novamente, coma o peso das murallas, noutrora livián, se torna por veces case que irresistíbel. É entón cando o protagonista desta historia bota en falta as barcas de pedra, nas que tanto gosta de vogar, ás veces sen rumbo fixo, ás veces con el definido con precisión. Atracarán agora as barcas de pedra ao abeiro do sol de xullo, farán, Deus mediante, unha pequena singradura na lagoa de bandeiras e estrelas se o vento nos é favorábel para máis tarde agardar no peirao a que, nunha afortunada tarde de outono, os elementos se confabulen de novo ao favor do individuo e todo flúa paseniño cara ao seu lugar.

sexta-feira, maio 13, 2005

Ás carreiras

Estrés e agobios son, sen dúbida algunha, a tónica dominante desta época do ano dos que estudan ou están apuntados a algún tipo de curso universitario. Na factoría de xornalistas estes días de poleiros revoltos e fanecas emerxentes son un ir e vir continuo nos corredores, un movemento inusitado de cámaras primeirizas e unha conversión da cafetaría, agora máis ca nunca, no centro neurálxico da actividade docente -o das aulas é outro tema-. Mentres e non, eu vogo como poido entre as augas e tento manter un pouco de calma -non sempre o consigo-. Continúo a preparación para me enfrontar en vindeiras datas, unha vez máis, ao examinador vulgaris e deixo as miñas retinas chantadas nesta pantalla. Xa me chaman para ir xantar. Isto non pode ser bo para os nervios.

quarta-feira, maio 11, 2005

Estou estresado!

Moito

domingo, maio 08, 2005

Proximamente

O paso á publicidade

Saír do anonimato é sempre complicado, e máis cando este foi elixido e procurado conscientemente. Non embargante, hai veces que é necesario optar por ser coñecido e mesmo recoñecido. Este espazo que ledes catro ou cinco ousados con moito aguante lector terá a partir de hoxe, ou é posíbel que de mañá, un punto menos de secreto e un punto máis de público ou, mellor dito, de procuradamente compartido. Coma se dunha saída do armario se tratase, estas liñas serán lidas, ou cando menos visitadas, por alguén que a tal hora descoñece a súa existenza, mais coñece ao seu autor -nalgúns momentos é posíbel que maís ca el propio-. É xusto e necesario, coido que si. Benvida :).

Qué me dices, Progreso?

Lucensidade de prensa: Érase que se era un xornal co irónico título de El Progreso (diario de Lugo y su provincia, todos los días el primero), coñecido popularmente coma "folla parroquial" e que era o de maior difusión no seu ámbito máis cercano. Os domingos, este xornal aumentaba a súa oferta "informativa" con toda unha serie de suplementos feitos na casa que ían dende a economía ata os ecos de sociedade -feiras, festas, vodas, bautizos e comuñóns- e ofrecía, ademais, unha revista dominical editada por El Periódico de Catalunya que estaba bastante ben: reportaxes de actualidade, novas culturais, cinema, un pouco de todo. O devandito xornal, nun alarde de imaxinación e de protección da cultura da súa audiencia, decidiu deixar de ofrecer o suplemento dominical editado en Catalunya e, no canto de substituílo por outro de semellantes características ou mesmo optar por editar un propio, nas medidas das súas posibilidades, optou por unha solución moito máis rendíbel: fusilar unha publicación que estaba bastante ben e colocar no seu lugar unha desas prostitucións xornalísticas que son as revistas do corazón, concretamente a "Qué me dices?", a gama baixa do cotilleo porteiril español. Non é estupendo?

Os contadores da vida

Os aspirantes a contadores da vida sonche xente ben rara. Probabelmente sexa por iso que xa antes de teren contado nada a ninguén teñen un grande afán por facelo e, á mínima oportunidade, fan rebordar as súas gañas de contar por riba das lindes do seu espazo vital. Así poderiamos explicar que alí onde os crean están moi atentos a que un destes contadores rache a disciplina de grupo para botarse a contar polo mundo adiante así, sen complicacións. Non é doado ser un contador da vida, é difícil e moi caro. Cando varios contadores da vida se xuntan para contaren algo xuntos a cousa é aínda máis complicada: teñen que agardar para non pisárense uns aos outros, mais se agardan de máis será xa tarde... outros terán contado xa a historia que tiñan coma propia. Son boa xente os contadores da vida, se cadra pódeselles acusar dun chisco de endogamia e unha miguiña de maldade cara si mesmos... comparten o mellor e o peor de si cos que son coma eles. Os contadores da vida transmiten as súas inquedanzas, os seus medos, os seus triunfos e as súas frustracións aos que poida que nalgunha hora da súa existenza cheguen a ser coma eles. Eu, persoalmente, aspiro a ser un deses contadores tentando chegar á meta sen deixar a ningún outro no camiño, alomenos de xeito intencionado. Non é doado ser un contador da vida, e moi caro tamén.

sábado, maio 07, 2005

O messenger de Don Manuel


Se visitades a web de Don Manuel poderedes ver un exercizo máis de política ficción: o eterno presidente fozando nun palm PC (cousa que aínda é máis fantasía se temos en conta que está sen lentes). Temos a exclusiva: sabemos o que hai no palm PC de Don Manuel. Pasen e vexan (premede na foto para vela en todo o seu esplendor)

Soldaditos non, grazas


Pois iso.Que sería preferíbel que El Paco, de LaCuruña, e os seus amiguitos fosen a Madrid cañí y olé a ver aos soldaditos de plomo, á cabra da lexión e demais familia.

Portuensidades

Portugal é o que ten. E Porto aínda máis. É unha cidade desas que son para mirar e patear as súas rúas sen présa, desas nas que presta entrar nun ultramarinos e descubrir que a señora era inimiga acérrima de Salazar e de Franco na época. Porto permitiume, por uns días, vivir nunha caste de burbulla -crebada de cando en vez en contactos tan pouco etéreos coma os meus co caixeiro automático- na qué é interesante mergullarse de cando en vez. Coñecer e coñecerse é moi saudábel sempre que hai un anaco. Mágoa que non todo o mundo decidise facer a paréntese... despois volves e mesmo hai a quen lle gustaría que te sentises un chisco culpábel de ter tentado gozar uns días, neste caso co encanto da nación irmá.
Así e todo, ao Porto tamén lles deixan ir aos españolitos radicaletes, o cal dá lugar a esceas tan desabradábeis como a vivida nun característico funicular portugués no que, despois de soltar catro gargalladas che din "como se nota que sois españoles", ao que respostamos "somos galegos", ao que a señora en cuestión, reconvertida nunha caste de Don Pelayo -y cierra España- rebatiu: "aunque no queráis, siempre seréis españoles" ao que apostillou "aún van a ser del Bloque. Estos quieren ser como los catalanes y los vascos". Foi estupendo, unhas risas criminais.

sexta-feira, maio 06, 2005

Mirade isto, que nos vai facer falta

Vaia por diante que eu nunca fun amigo dos personalismos e do culto ao líder. Vaia por diante tamén que non pretendo entronizar a ninguén. Mais por diante ten que ir tamén que pretendo ser consciente dos tempos que corren e daquilo ao que nos enfrontamos de aquí ao día 19 de xuño: unha brutal campaña propagandística do Goberno galego, un asedio do PP e dos seus medios afíns, un desembarco de ministros e un márketing ao que o nacionalismo galego non pode aspirar polas cuestións monetarias que ben coñeces. Polo tanto, recoméndovos aos ousados que poñedes en perigo a vosa paciencia léndome a min que pasedes por aquí a min, amigo das tecnoloxías aplicadas ao país, a verdade é que non me disgusta (se cadra un pouco máis de complexidade técnica non viña mal, así coma algunha que outra bandeira da Patria), o formato é enxeñoso e atractivo e coido que consegue dar a imaxe de sinceridade que se pretende transmitir. Se non vos gusta podédeslle suxerir que a mellore dándolle aquí.

"Me llaman el desaparecido"

Moi boas parroquia. Aínda que poida semellar o contrario, non morrín nestes días, só que as dificultades técnicas primeiro e a distancia xeográfica despois impediume renovar o contacto coas pobres almas que aínda seguides aturando estas liñas. A verdade é que escribo nun estado de semindignación que agardo que sexa mitigada polo sol desta fin de semana que anuncia que o punto e aparte da miña liña vital fundamental está preto de se producir. Vivimos tempos movidos: cunha campaña electoral (no meu caso dúas) á vista, exames á mesma vista que as propias campañas e o galiñeiro bastante revolto pola factoría de xornalistas, é bastante positivo cambiar de país durante uns días. Eu tiven a oportunidade de facelo achegándome ao Porto durante catro días -que para algúns semellaron catro horas e para outros seica que catro anos- e abstraéndome máis ou menos do cotián. Resulta interesante experimentar a sensación de non poder sintonizar a TVG, de asistir a unha actualidade que podo seguir de xeito relaxado ou de ver que nos autobuses pon "Galiza", por poñer un exemplo. Despois chegas cos teus compañeiros de soño e aterras na realidade -non direi "cruel- para comprobar que aquí todo seguiu funcionando máis ou menos á velocidade de sempre, que a algúns os miolos lles deron máis voltas do normal, que o galiñeiro está revolucionado, que Don Manuel xa ten PhotoShop novo ou que a miña mente non está preparada para esquivar cambadelas. O malo é que ao final isto me vai gustar e todo.