Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

segunda-feira, abril 25, 2005

De visitantes insignes

Hai unhas horas vivín unha experiencia extrasensorial, encontro na terceira fase ou chámalle X. Asisto na fábrica de xornalistas á presentación dun libro en homenaxe a Francisco Pillado Rivadulla, cuxa familia doou á USC a biblioteca do finado xornalista. Ademais de diferentes profesores e o propio Reitor (por la Gracia de Dios) asistiu ao acto o presidente de La Voz, de quen non tiña unhas referencias espectaculares e que entrou pisando forte, cando os compoñentes do auditorio soubemos que era a primeira vez que pisaba o edificio en cuestión -xa é peculiar que o presidente do maior grupo de comunicación de Galiza -o de "galego" está por ver- nunca se dignara a pisar, en case que quince anos de existenza da titulación e cinco da propia facultade, tan magnos lugares.
A cuestión é que despois de varias intervencións, entre elas unha especialmente elocuente do fillo do homenaxeado, que nos ofreceu unha visión a medio camiño entre o íntimo e o profesional de Pillado para min moi interesante, chegou a hora do máximo mandatario de La Voz, o único dos interviñentes que se dirixiu aos presentes en español. Mencións ao autor que alí nos ocupaba: dúas, ao principio e ao final. Despois: vanagloria de ser o control e azoute do poder en xeral, excesivas repeticións do pronome "yo" e do posesivo "mi", críticas a PP e PSOE a cada un pola súa banda e certas reflexións ata certo punto sensatas que quedaron nun segundo plano polas formas primeiro e pola atmosfera de vanidade e sentimento de superioridade que o invadiu todo, por non falarmos da cuestión idiomática, da visión apocalíptica do panorama xornalístico ou da cegueira cara ao propio país. Para rematar, o insigne visitante diríxese, xa finalizado o acto, a un dos que alí estaban para lle dicir "No estudies periodismo, no tiene futuro". Simplemente xenial.
Mágoa que algún dos que se atopaban nas butacas reservadas ao auditorio, tales coma Xosé Chao Rego, Néstor Rego e algúns outros non subisen á tribuna de oradores no canto de algún outro. Coido que teñen moitos menos cartos no peto e moito máis de que falar.

sábado, abril 23, 2005

Nin rosmar un laído


Escoito nestes momentos este disco histórico, propoño que espallemos estas cancións coma deber patriótico fundamental ;). Coido que as imos precisar durante unha tempada, moito, moito, moito. Prométemosche a Terra dunha Galiza Ceibe, pra enterrar os teus osos onde teñen que estar.

As experimentacións da xornada de hoxe

Reflexións alleas á actualidade que manda para cinguirme á actualidade que me atinxe. Vaivos en plan compendio. Hoxe foi un día de sensacións diversas que enumerarei:
-Experimentei unha nova indignación de lucensite transportista: despois de que unha compañeira universitaria -deduzo polo seu aspecto- botase o máis profundo do seu ser (concretamente do seu estómago) en pleno Freire tres cuartos de hora antes da fin do traxecto e, polo tanto, tras tres cuartos de hora aguantando a miña propia revolución gástrica provocada polo cheirume, chego Orozco Village e vexo un valado publicitario de Renfe que pon "Vamos al futuro, ¿subes?". Tal cuestión non fixo senón aumentar o meu malestar xeral e lembrarme do creativo publicitario que esqueceu que nestes santos lugares os trens aíndan poden ser adiantados por unha carrilana sen demasiado esforzo.
-Experimentei unha indignación cibernética: ao ver como un comentario irónico, mesmo humorístico coa única vontade de provocar un levísimo debate sobre o enraizamento dos que pululan por unha aula do viveiro de xornalistas compostelán na que estiven certo día se convirte nunha ofensa persoal e anónima cara a un compañeiro do citado viveiro. Sorpréndeme e entristéceme, realmente. Compañeiro en cuestión e compañeiro respostador: podedes estar tranquilos, nin batín nin baterei en ninguén, dende estas liñas ou dende outras semellantes, que non teña cargo público ou sexa suceptíbel de telo, e aínda menos baterei nun compañeiro de facultade e de aula, aínda que esta última fora circunstancial. Polo demais, dicir que o protagonista da entrevista que suscitou toda a cuestión analizou o comentario moito máis acaidamente. Será a experiencia.
-Experimentei resaca de licores espirituosos patrios.

Segundas partes nunca foron boas


Unha das cousas que máis me divirte das campañas electorais é quitarlle defectos ao márqueting de cadaquén. Ben, pois comezamos polo noso amigo PT (PresidenteTorito), con quen o xenial creativo publicitario que elevou aos ceos a Zapatero está tentando crear unha mala copia do ZP en cuestión. Como podedes observar na imaxe, Torito non ten talante, nin é Zetapé e, a verdade, e mirade que Zapatero non é santo da miña devoción, non hai nin punto de comparación (medio parvo fronte a parvo e medio ou algo semellante).

P.D: Será a mesma camisa?

Adiantando o futuro


Na súa liña, molestando ata o final, poñéndolle as cousas o máis difíciles posíbel ao país, Don Manuel adiantou as eleccións ao 19 de xuño. Nun momento en que os universitarios estaremos ao tope de exames, coas conseguintes dificultades de participar na campaña e, moitos, de estar na súa cidade para ir votar. Xusto cando peor está o BNG e moitos meses, xusto cando non é nin seguro que Torito sexa quen de chegar a presidir a Xunta. Pola miña banda, só dicir que non podemos perder esta oportunidade. Non son, nin moito menos, optimista en canto ao resultado destas eleccións, existe unha porcentaxe moi ampla de posibilidades de que se dea un resultado que a min non me satisfaga o máis mínimo e un reducido número de que a cousa vaia minimamente ben. Así e todo, temos que facer todo o posíbel neste mes e pico, porque HAI QUE BOTALOS, porque Galiza precisa botar a esta xentuza, Galiza precisa ser ela mesma. Hai que botalos, carallo. Temos que, polo menos, tentar poñérllelo todo o difícil que sexamos capaces, para que se decaten de que non sempre é suficiente tentar apaciguar ao rabaño.

quarta-feira, abril 20, 2005

Compartindo sabedoría popular

Desexaría compartir con todos e todas vós dende esta, a miña nova terminal de acceso ás redes de alienación cibernética, un artigo de opinión de autor máis ou menos coñecido por min:

Pancartas que viaxan en coche oficial
Seica cada un fala da feira segundo lle vai nela. Des que Fraga Iribarne comezou o seu proceso de autotransformación ata chegar a ser Don Manuel, ese avó sacrificado que vela polos intereses da comunidade galega ata que Deus e o Apóstolo o permitan, foron moitos os cambios que tivo que asumir. O ministro de Información e Turismo franquista, O León de Vilalba, decidiu pasar os seus últimos días ao abeiro de San Caetano sustentado por toda a paisanada, e é que o galego de ben é o suficientemente espelido como para saber que como con Don Manuel, con ninguén. Así e todo, e vaia por diante que ao que subscribe xa pouco lle pode sorprender da figura do Presidente da Xunta de Galicia, do Xacobeo, do Luar e do Supermartes, resulta sorprendente que o que nos administra e goberna colla o caxato de mando e incite á algarada popular. É posíbel que os que sempre confiaron nos homes de orde de toda la vida estean escandalizados ao observaren que un dos máximos adalides da España grande y libre esqueza os “dos cañonazos y punto” e o ordeno y mando para coller a pancarta, coma un melenudo calquera. De calquera xeito, deberemos comprender a indignación do que noutrora obviaba a Galiza coma protagonista no proceso autonómico –xa non falemos de nacións- e pouco ou nada tiraba pola súa patria chica. A Don Manuel non lle queda outra que poñer o berro no ceo diante da aldraxe socialista que, apoiada polos separatistas e ateos, impide botar uns cantos camións máis de piche sobre as autoestradas galegas para dotarnos de centos de quilómetros de progreso, que nos leven a cento vinte por hora rumbo ao terceiro milenio.
Quen asina dubida sobremaneira que Don Manuel colla o megáfono e a pancarta e nos cite calquera domingo á saída da misa na Alameda compostelá para irlles berrar aos de zetapé que con Galiza non se xoga, que queremos o AVE ata o Obradoiro e que con Aznar todos os días facía bo tempo. Mais, se temos en conta que outubro está máis que preto e que é posíbel que nesa altura se dea, por primeira vez en lustros, o fenómeno –comparábel a un aliñamento planetario ou cousa semellante- de que non abonde coa propaganda a esgalla, o retoque fotográfico na pegada de carteis e un quítame allá ese voto emigrante para sustentar aos de sempre no poder xunteiro, as mentes peor pensantes do país poderemos comprender o porqué da chamada ás barricadas por parte do que hai un tempo afirmaba que os que berraban na rúa, os do non, estaban “batasunizando” Galiza. Raras veces as pancartas viaxan dobradiñas nun coche oficial.


Non é nada decente

De verdade que non gañamos para sustos. Cando pensamos que todo discorrería con normalidade e que nada peor podería suceder, mediatica-politica-socialmente falando nos vindeiros días, depois de que Nazinger-Z fose elixido Papa de Roma e todas esas cousas, hoxe sorpréndeme coa inquedante nova de que, se Deus ou Marianito Rajoy non o remedian, o vindeiro mes de xuño, en plenos exames universitarios e en plena campaña propagandística deste, noso Goberno, teremos eleccións ao Parlamento de Galiza. Despois dunha manobra tan sumamente burda e descarada desta xentuza xa non nos fica máis que o dereito ao berro e ao voto triste, salvo troco de última hora do que estarei encantado de participar dun xeito activo. Non é decente, eles que falan tanto de decencia, manexar as institucións -e prazos- democráticas no propio beneficio, nin para acaparar subvencións, nin para carrexar vellos nin para disolver Parlamentos e convocar eleccións. Simplemente, non é decente.

quinta-feira, abril 14, 2005

Nun país "normal"

Teñolle escoitado moitas veces a xente de moi distinta condición aquilo de "ai, se vivíramos nun país normal...". Pois, efectivamente, coido que se este fose un país "normal" perdería gran parte dos seus encantos, pero tamén moitos dos seus defectos (que os hai, e non só os que voan a carón dunha gaivota azul). Como ía dicindo, se este fose un país normal, non pasarían cousas como as que pasan; a saber: os xornalistas deixarían o bombo para animar ao segundo da carreira e para darlle coa maza do mesmo ao que vai terceiro, non vaia ser que adiante e a monte. Se este fose un país normal, as crises e demais conflitos dos partidos políticos solucionaríanse racionalmente, ou polo menos tentaríase facelo. Se este fose un país normal, todos e todas nos decatariamos de que estamos nun momento demasiado importante da nosa historia como para deixarnos levar pola fachenda persoal uns, polos propios intereses outros, por tentar quedar ben coa maioría, os de máis alá, e por tentarse parecer aos de fóra outros que nunca foron de este país. E así vai o país, que non é moi normal.

sábado, abril 09, 2005

Porque es un muchacho excelente, y siempre lo será


Sempre debemos estar alí onde hai actualidade. E hoxe, a actualidade fai que teña a honra de comunicarvos que El Paco, de LaCuruña, está de aniversario!!! Dende estas humildes liñas desexámosche a máis ampla das venturas e que continúes deixando a túa marca inconfundíbel por este, noso mundo. Ti tranquilo, Paco, que cincuenta e nove aniños non son nada, aínda queda moito por facer en La Coruña, moitos topónimos que liquidar, moita terra por asfaltar e moito hormigón por erguer. Benquerido Paco, coas bágoas asaltando os meus ollos, somentes quedaría darche un bico, mágoa que non te teña á man. O ano que vén, fágoche a tarta que deseñei pero de verdade, coa súa torre e todo. Ay, qué hombre este!

Que pasa, neng??????

Non sei se lembrades unha web que vos recomendei hai tempo polo seu valor sociolóxico no que atinxe á España máis rancia e chunga. Tratábase dunha páxina de elementos de cabeza pelada que se caracterizan pola ausencia de intelixencia e que teñen dividido o seu único miolo entre o fascismo máis simploide, as substancias estupefacientes (nada de petas, só cousas de homes) e a música machacona. Pois ben, TV3 sintetizou os rasgos máis destacábeis desta caste de individuos nunha parodia do Clube da Comedia: El Club dels Pelats, onde un destes tipos, ao berro de "que pasa neeeng!" conta as súas noites no Pont Aeri. Criminal... Aquí vos deixo a ligazón por se queredes velo, non ten desperdicio: http://www.yonkis.com/media/pelats.wmv

"Vayan ustedes a tomar vientos" (don Manuel dixit)

Meu Deus, acababa de publicar o anterior post cando escoito a Don Manuel falando a carón das murallas deste santo lugar e soltando unha das súas perlas floridas. Agora que O Presidente Eterno nos convoca a saír ás rúas, en plan rojillo-pancartero como nos gusta a nós, xa non sei que facer. Aii Don Manuel, ímoslle tomar algo ás barricadas ou que?

Sorte, compañeir@s

Vexo reflectida na prensa a presentación dos e das cabezas de listas do BNG onte en Compostela. Anxo Quintana presentou onte "un novo BNG". A verdade é que non sei se estamos diante dun novo Bloque, o que si é certo é que aínda que a cousa non vaia vento en popa a toda vela, non é menos certo que, na miña humilde opinión, Galiza ten necesidades cada vez máis urxentes, que só se poden solucionar dende o territorio galego. Non precisamos que os señores do PP(deG?) apelen, como están facendo agora cos vascos, "a los gallegos de buena voluntad" para prolongar catro anos máis a decrepitude de Don Manuel e a comparsa de conselleiriños/as cun ollo mirando cara a España e o outro cara ao seu presidente e guía, non vaia ser que caia (descanse un poquito). Tampouco precisamos que PT (Presidente Torito, MiniZetaPé) poña a muiñeira a ritmo de bulería e que as teses de El Paco triunfen en La Galicia. Como di certa canción popular "temos que sálvarnos nós mesmos". Pois iso. Só un apuntamento máis, sorprendeume bastante que La Voz y sus chicos recolleron o acto de presentación das candidaturas e foron máis ou menos correctos, deixando a campaña para mañá ou así. Outra cousa é El Correo Galleguiño, que sigue co seu humor tan característico.

E, pra namorarte...


Quero compartir con tod@s vós este documento polo seu indubidábel valor patriótico-histórico-sentimental. Xil Ríos, prototipo do artista do galego, sitúase nunha taberna, cunha cunca de viño na man e nunha mesa de toro de árbore. Des que teño os emepetrés extraídos desta cinta (si, cinta, das de verdade) a miña vida non é a mesma. Eu ben sei que coa miña toleira namorareite, xirarei e xirarei.

sábado, abril 02, 2005

Morreu Xoán Paulo II

Descanse en paz. De verdade.-

Fantasías animadas

Sempre me gustou o cinema alternativo. As novas visións, os diferentes enfoques desas curtametraxes cheas de vontade que se sobrepón á escaseza de recursos para chegar a un produto realmente creativo e de calidade. Boa mostra disto é a obra mestra que sen dúbida pasará á historia do audiovisual mundial e que hoxe chegou ao meu disco duro. Despois de consumilo con avidez e recompoñerme, quixen compartilo con todos e todas vós. Trátase, como xa xupoño que adiviñariades, da macro-produción da denominada Fundación FAES (porque nomes coma Fox, Warner Bros, Paramount e, sobre todo, Disney, xa estaban collidos, que senón...) sobre os feitos e sucesos acaecidos no Estado español entre o 11 e o 14 de marzo do 2004.
Eu, que teño de español o mesmo que de bispo (probabelmente teña algo máis de bispo), vivín eses días con sensacións diferentes, evidentemente, ás dun madrileño ou un andaluz, poñamos por caso. De calquera xeito, a cousa afectoume polo simple feito de que nos atentados morreron moitas persoas e porque, ademais, as eleccións en cuestión tamén tiñan que ver, para ben ou para mal, con Galiza. O certo é que eu soñara en diversas ocasións a fin do aznarismo e do aznarato correspondente, pero nunca deste xeito. Sexa como for, os atentados ocurriron e todo o de despois tamén. Eu, dende miña humilde opinión, penso que o que fixeron os descerebrados que puxeron as bombas tivo bastante que ver coa guerra do Iraq. Tamén penso que o Goberno do Estado mentiu descaradamente porque sabían o que se lles viña enriba se se descubría antes do 14-M que os islamistas decidiran visitar a España Cañí da cabra da Legión. Ben, pois a fundación FAES, creada pola póla máis reaccionaria e fascista do PP, alí onde os antigos de Alianza Popular e demais facherío dan renda solta aos seus delirios, propios da dereitona máis rancia, sintetizou todo o acontecido nun video de 14 minutos non apto para aqueles que sufran do aparello gástrico. Nunha sucesión de imaxes totalmente lamentábel ocúpanse de poñer a Zetapé coma un esquerdoso radical (que xa fai falta ter fantasía, por outra parte), todo isto aderezado con simbolitos da ETA e demais. Permitinme, despois do visionado, tomar notas dos mellores momentos, notas que quero compartir convosco. As mellores perlas cultivadas deste filme chamado ao éxito son:

"El culpable debía ser, obligatoriamente, el Gobierno del Partido Popular"

"No había suididas, pero la izquierda se inventó y difundió que sí los había"

"Todo era mentira"

"Antes de que se llegara a los autores materiales, la izquierda había decidido que el Gobierno legítimo y democrático estaba mintiendo por intereses electorales"

"Todo indica que los terroristas fueron dosificando la información para garantizar el éxito propagandístico de su acción"

"El 11 de marzo, los socialistas tuvieron la oportunidad de ensayar la obra de teatro que habían ensayado meses antes. Fue una larga campaña de acoso que incluyó asaltos, insultos y agresiones a sedes, dirigentes y militantes del Partido Popular"

"La realidad es que los terroristas islamistas quisieron cambiar el Gobierno de España"

"La primera pregunta que hizo uno de los detenidos a la Policía el día 15 de marzo fue: ¿quién ha ganado las elecciones?"


"La izquierda no desaprovechó la oportunidad, desde el primer momento dedicó todo su esfuerzo a sacar a la gente a la calle"

"No hubo reflexión, fue una jornada de coacción antidemocrática"

"La izquierda y los movimientos antisistema exigieron que el Gobierno en menos de 24 horas descartara a ETA"

"A la izquierda ya no le interesa lo que llamaban <>"

Dito isto, eu coma membro dunha organización que se atopa no núcleo da esquerda e dos movementos antisistema, despídome con un saúdo crebaespañas e radical. :P