Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

segunda-feira, março 28, 2005

Pseudocientíficos relixiosillos de pouco máis ou menos

O outro día, antes do meu retiro espiritual-reflexivo-catárquico-emocional, estiven vendo TNT, o programa este de Telecinco que antes era de carnaza cardíaca ou "prensa" do corazón e agora vai de pseudocientífico e intelectualillo de pouco máis ou menos. A cuestión é que, aproveitando unhas datas tan sinalas, fixeron un especial monográfico adicado á figura de Xesucristo coa sá intención de descubrir verdades ocultas e, de paso, desmontar algunha que outra fe católica. O resultado foi toda unha serie de obviedades tales como "La Pasión de Cristo duró más de cinco días" ou "Las Escrituras se contradicen, en una pone que eran dos ángeles y en otro que era sólo uno". Coido que esta é a mostra dos medios que os ricachos vomitan por riba de nós dende cada un dos receptores de televisión. O malo de saber algo dun tema é que colles á tele en moitos renuncios. ¿Cantas tragarei de todo aquilo que non sei nada?
P.D: Como carallo vai afectar a unha crenza, sexamos crentes convencidos ou ateos completos, que a Paixón de Cristo durase cinco días ou cinco meses, que os anxos que anunciaron a Resurrección fosen dous ou douscentos ou que en non sei que vila de La Rioja se fustiguen a espalda catro atrapados da cabeza??

O meu sentimentalismo reflexivo

Boas e Santas. Xa falei ao comezo destas festas, ou polo menos pensei en falar disto, da miña idea de que a xente só celebre algo nos días que teña algo que celebrar, véxase Nadal e Semana Santa ou cousas semellantes, así que non me estenderei sobre o tema.
Estes días estiven pola provincia de Ourense desenvolvendo actividades que poucos ou mesmo ningún dos que aínda ledes isto fixestes nunca. Os que me coñecedes sabedes máis ou menos cales son, recoméndovolas. Nunca estivera tan preto do interior desa parte da espiritualidade do país, que é tan Galiza como as aulas da Universidade ou os tugurios composteláns polos que ranceamos de cando en vez. Iso tamén é noso, e tamén somos nós.
A verdade é que estes días fixeron que reflexionase sobre certas cousas da miña vida diaria, nunca está de máis. Probabelmente non aproveitei ao cento por cento todo o que fixen dende o mércores, que marchei, ata hai unhas horas que voltei á miña casa de fin de semana -a luguesa-de-toda-la-vida-, mais agora, reflexionando un pouco, penso que o vivido foi, en xeral, positivo e digno de revisar. O malo é que en ocasións a mente está ocupada nos universos virtuais nos que vive por un tempo e, ao voltar á vida diaria e comparar hai cousas que che gustaría mover, que che gustaría que continuasen sendo ideais e ás veces non pode ser. Teño unha proposta: que os científicos da NASA, da ESA e de todas esas cousas deixen de invertir esforzos en baleiro e fagan algo útil, tal como un trebello que nos permitise facer realidade aquilo de "Que pasaría se eu fixera...". Poñamos por caso, eu quero tomar esta ou outra decisión e antes de facelo comprobo o que pasaría se tomase a que teño pensado rexeitar. A vida perdería gran parte de graza pero nalgún momento sería estupendísimo-de-la-muerte, sen dúbida ningunha.
Non me fagades moito caso, como poderedes comprobar tanta chuvia en tan poucos días filtroume cara aos miolos e faime devanar os sesos en exceso. Non me gusta cuestionarme certas cousas, pero ás veces coido que é inevitábel. Non sempre para trocar demasiado, pero si para seguir adiante cos conceptos claros. Un é o que é, e non é máis. Precisamente por iso é necesario cuestionarse todo. O meu sentimentalismo reflexivo vai rematar comigo, téñoo claro. Certo individuo profetizou o meu futuro como intelectualillo raro e medio taladrado. Sinto decir que estes días subín un chanzo máis para alcanzar esa meta, non sei se será bo de todo pero en fin, ninguén é perfecto.

quarta-feira, março 23, 2005

Os dous fíos da miña vida (pode haber máis)

Coido que levo demasiados días escribindo a xeito dun pseudoanalista máis ou menos intelectualoide ou graciosiño da actualidade, e iso non pode ser de todo bo se se fai en exclusiva. Un weblog, ou blog, é, nun principio, o diario persoal dun animal máis ou menos informatizado coma min, así que penso que os que aínda seguides a visitar este espazo merecedes algo máis... non sei, chámemoslle substancioso.

Un dos principais problemas que se nos presentan na nosa vida rutineira a aqueles que vivimos semi-emancipados, ou o que é o mesmo, a aqueles que vivimos de luns a venres e de outubro a xullo pola nosa conta -subvencionados polo estado ou no seu defecto pola familia- son as vacacións. O mal menor son os festivos, seguidos do Entroido, a Semana Santa e o Nadal, para rematar coa apoteose do verán, que está por chegar. A verdade é que este ano, cos meus máis e os meus menos, levei con bastante dignidade estes episodios de aterraxe forzosa na miña realidade cotiá de hai dous anos -que é o que vén sendo unha estancia prolongada por estes lares en gran parte das ocasións. Non digo isto da aterraxe nun ton despectivo, nin moito menos, pero é o que é. Aquí a vida, a realidade, o fío condutor de todo o cotián seguiu un desenvolvemento loxicamente liñal, desenvolvemento do que eu me abstraín o 1 de outubro do 2003 e ao que fun tecendo, con maior ou menor fortuna, outro fío paralelo co que se cruza en raras ocasións. Conclusión: o novo fío cada vez ten máis frebas que o substenten, algunhas parten dos miolos, outras do corazón, outras do acomodamento físico e vai ti saber que máis. O certo é que, non sempre, pero si en bastantes ocasións, non é doado voltar ao fío antigo. Se cadra o novo tenme que acompañar moito máis tempo, ou se cadra non, quen sabe...

segunda-feira, março 21, 2005

Los días hacen meses, los meses años... etc

Definitivamente, o verán (ou, máis ben, o vrao), está chegando a terras luguesas. Despois de varias semanas de ausencia, atópome nunha estancia máis longa do normal entre murallas, e iso faime reflexionar. Como ía dicindo, hai sinais inequívocos de que o vrao está a chegar: xa chove e fai calor, xa se vai a luz -na miña casa sempre se vai a luz no vrao e hoxe foise, non me preguntedes por que- e, como sinal máis determinante, ao meu ordenador xa chegan cancións que chegadas estas datas inician coa miña persoa unha relación de amor-aborrecemento bastante interesante. Sen dúbida, eu este ano aposto pola versión de Paquito, el chocolatero de King África: ranciedade española e canción latina parva unidas para a ocasión, así que xa sabedes: "Arriba todo el mundo y a bailarrr con Paquito, el chocolateeeero". Deus nos colla confesados.
Alienacións aparte, conpráceme comunicarvos -especialmente a un sector máis ou menos Melro e Quintiá da miña audiencia- que xa teño no meu poder un discazo d'Os Tamara en mp3 o cal fai que, por fin, posúa Puerto de Compostela, si, ese que fala de que el Tambre caudaloso formó bancos de arena en la ría de Noya e todas esas cousas. Se é que dá gloria de velos con sus barquiñas brancas, carallo.

sábado, março 19, 2005

Fantasías vazquianas de ayer y hoy

Ai meu Deus, este Paco es que te es la yostia. Ao egrexio alcalde-presidente de Lacuruña (El Paco) trémelle o cú na poltrona que leva ocupando os últimos vinte anos. Despois dalgún lustro sen escándalos inmobiliarios dignos de mención -lonxe quedan os pelotazos da Inmobiliaria Reunida Coruñesa e outros- agora co da casa d'O Parrote seica Paco está volvendo ás orixes, a ser o Paco de toda a vida. De calquera xeito, así, agora que non nos escoita ninguén, direi que botarei moito de menos a este home cando volte aos ceos, ao Olimpo dos elixidos. Hoxe Paco, nun alarde de enxeño, soltou a seguinte perla cultivada:
"La Opinión es del PP y la SER Coruña, del Bloque"
Dios te oiga, Paco.
(E Paco de quen é?)

Un taxi, por favor


Diante das vindeiras vacacións de Semana Santa, o volume de viaxeiros fixo que os taxis da cidade de Madrid fosen escasos e resultase casi imposíbel facerse cos servizos destes vehículos. Na imaxe podemos observar claramente un grupo de persoas físicas que queren iniciar os seus días de descanso e chaman masivamente por un taxi alzando a man.

Horneando e horneando


No máis fondo da caverna española á que xa temos feito referenza está a burramia española, que onte saíu ás rúas de Madrid para conmemorar a retirada da estatua do burro montado a cabalo -que me disculpen os burros-. O que verdadeiramente me chama a atención é que por unha vez os controlados pola Policía "Nacional" son de dereitas. Un apuntamento... cantos dos que están aí horneando viviron o franquismo? e cantos dos que o viviron sufriron os seus efectos? que lástima me dan.

Presi-den-te, Presi-den-te


Como xa tiña tan asumido que o farían, non me colleu tan de improviso e non o comentei convosco... non obstante, xa o fixeron! a campaña Torito Presidente que eu -e, coma min, outros moitos- vaticinara xa está aquí! Nun acto tremendísimo de la muerte no que Torito presentou ao seu comité de notábeis -entre os que se atopa a Concejeira de Cultura, España y Olé do Concello de Lugo, vaia pola Virxe-, presentouse tamén a nova liña gráfica, cun amago de bandeira "de Galicia" e a lenda "Presidente Touriño". Non é fedentamente estupendo?. Aproveitando a ocasión, reedito a miña creación da alegoría de Torito e incorporo o logo que eles crearon -a min ségueme gustando máis o meu, é moito máis cool.

Ai Dios...que vida esta

E xa están aquí as "vacacións" de Semana Santa, ou da Pascua. Igual que ocurre co Nadal, estas son unhas datas para a reflexión. Dende a perspectiva cristiá, evidentemente, dende outras perspectivas, coido que tamén... que se celebra cando non se celebra nada? En fin, cuestións festivas e de fe á parte, o certo é que estes días estou asistindo á actualidade igual que asisto ao visionado dos filmes do Cinema de Tarde da TVG, son tan típicas que nalgunhas mesmo podo adiantar o que van dicir os personaxes... así, La Voz (non sei de quen, bueno, case que si) xa colleu o bombo para ir detrás de PT (Presidente Torito) dicindo "presideente, presideente, oé oé oé", Don Manuel está retirado en San Estevo aleccionando aos seus rapaces sobre a estratexia de fuxida cara a diante, El Paco de Lacuruña está a voltas cun novo escándalo inmobiliario... todo é... tan noxentamente previsíbel... Así e todo eu, fantasioso por natureza, non renuncio a pensar que isto pode variar -non utilizarei o termo "cambio", tan prostituído-.
P.D: Que saibades que fun censurado por La Voz; enviei unha pregunta á Directora Xeral de Nonseiqué durante o seu encontro dixital plantexándolle a cuestión de se o seu departamento ía facer algo por que o encontro informático Xuventude Galicia Net tivese un carácter propiamente galego que o diferenzase doutros certames do Estado e claro, paseime de radical...

domingo, março 13, 2005

De re varia

Neste país que xa cheira a preelectoralismo, convertendo a vida sociopolítica nunha caste de in-pass que me anoxa e produce en min unha paixón política bastante importante, as cuestións sentimentais -do sentimento, no seu senso máis amplo- fican nun segundo plano. Porén, comprométome a falar nestas liñas, ademais de de política, de cousiñas dese tipo polo menos de aquí a outubro-novembro, priorizándoas na medida do posíbel. Estiven reflexionando certa cousa que quero compartir con vós: dentro de aproximadamente tres meses, os lectores máis fieis -no caso de que existan- ides ter máis material para ler por aquí, é posíbel que vos fartedes dos meus "Secretos del Corazón". Ficades avisados.
Noutra orde de cousas, veredes que estou tuneando o blog. Agora que xa sei poñer imaxes aquí ao lado síntome mellor, é algo como comezar a decorar a carpeta de clase, tarde ou temprano acontece e despois déixala dun xeito "descoidado" á vista dos demais para que todos a vexan -se ti dis que nunca o fixeches, mintes descaradamente, que o sei eu-. Remato: (a que xa parezo un parlamentario?) na web de Arredemo xa hai un adianto sonoro dunha das curtas do proxecto Hai que botalos. Maxistral!

sábado, março 12, 2005

Un home bo

Hoxe estiven na homenaxe a unha boa persoa, a un home deses que era bo por defición, deses que pasan polo mundo sen facer ruído. Non é un tópico. Hoxe asistín á homenaxe a un home que marchou demasiado cedo, á homenaxe dun sindicalista, dun político, pero, sobre todo, dun home íntegro e bo. Cando o coñecín a miña idade somentes tiña unha cifra; ese home de barbas, amigo da miña nai, sempre tiña unha atención para min, igual que para todos os fillos de todos os seus amigos, que son moitos. "Qué tal, campeón?", dicíame co seu acento de lugués de toda a vida nado en Asturias. Foi este un acto de homenaxe por alguén que deu moito, que se deu moito. Non é esta unha cidade propicia para os revolucionarios. E el foi un deses, un deses revolucionarios que é quen de rebater ideas sen unha mala palabra, de argumentar con sentido sen descalificar aos seus contrarios. Moitos deses, dos seus contrarios ideolóxicos, estaban hoxe alí, con el, coa súa familia, coma todos nós. Cando eu comecei a ter consciencia política de meu, non concordaba cos moitos dos seus postulados e os da organización á que deu vida en Lugo, pero sempre o admirei.
Agora marchaches, deixas un baleiro moi difícil de encher. Nun mundo necesitado de persoas e ideais e de de persoas coma ideais, pero, sobre todo, de bos e xenerosos coma ti. Grazas por todo o que fixeches por todos, e ata sempre, compañeiro -permíteme esta confianza-, ata sempre, campión!.

Os apetece la Tarta de Santiago?

Des que habito a maior parte do tempo en Compostela, esa cidade deume moitas cousas, acolleume e fíxome sentir na casa dende o primeiro momento. A día de hoxe, vivo alí moi agusto. Non obstante, hai un fenómeno tipicamente compostelán que me inquieta, que me produce unha caste de temor e arrepío... Trátase deses seres que, ataviados cunha bata branca situada por riba da vestimenta dunha muller normal, habitan o espazo comprendido entre o convento de San Francisco e a Alameda, nunha liña case recta. Estes seres teñen, na súa mán dereita, un apéndice circular cuns anacos de doces enriba dos mesmos. O seu vocabulario é limitado e o seu acento horribelmente español. Comunícanse através de frases do estilo "Holaaaa os apetece un trocito de la tarta del capricho de Santiagoooo? Graciaassss" e adoitan atacar a aqueles que semellan estar confundidos polas rúas compostelás. Dan moito medo.

Xeralidades

Esta semana foi bastante axitada no viveiro de xornalistas. Unhas das tarefas que máis traballo comporta é a gravación de programas radiofónicos, concretamente de informativos. Esta semana, cando gravamos o noso primeiro informativo, no momento en que o profesor, que dá as clases en galego e todas esas cousas, tiña que corrixir o programa, un dous defectos que salientou foi os seguintes: el pedira un informativo xeneralista, como os da SER ou Radio Nacional (de España) e nós fixeramos un informativo de ámbito galego. As seccións que incluímos foron:
-Galiza
-España
-Internacional
-Deportes
-Cultura
Todo isto estaba precedido dun tema do día e todas esas cousas. Non é isto, acaso, un informativo xeralista? Ou é que só é xeralista un informativo español? Que son os informativos da Radio Galega -liñas editoriais aparte-?

sábado, março 05, 2005

E dixo El Paco, de LaCuruña...


Este Paco es que te tiene cada cosiña... Dúas perlas cultivadas nun só día de El Paco, de LaCuruña. Resulta que o alcalde-presidente (por que non Rei?) de LaCuruña está farto de ter que ir visitar os dominios da autonomía centralizadora a Santiago de Compostela, que aínda por riba está na provincia d'A Coruña. Que mellor, entón, que volver ao dalle que te pego sobre a capitalidade, a mesma teima que fixo que Paco deixase a política parlamentaria para montar o seu feudo en María Pita. E que casualidade máis tonta, toda esta carallada sae o mesmo día en que a prensa publica outro arreglito urbanístico destes que lle gustan a el. Serei malpensado...