Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

segunda-feira, fevereiro 28, 2005

Apoiemos a Fundación Don Manuel!!

Leo na web de Galiza Nova unha desacougante noticia: érase que se é unha Fundación que leva o nome do noso egrexio presidente, Don Manuel, e que vén de ser declarada "de interese xeral" pola Xunta de Galiza. A finalidade de tal Fundación -semellante á Fundación Francisco Franco, supoño eu- é (cito textualmente), a “conservación e uso proveitoso da casa natal de Manuel Fraga en Vilalba” e a súa transformación en museo, así como a promoción dos valores da “obra persoal e a produción escrita de Manuel Fraga”, así como o “pensamento humanista cristián”. É posíbel que as mentes dos radicalillos coma vós, que sodes os únicos que vos achegades a estas liñas, non dea para entender o antes explicado, así que o traducirei para facelo máis doado. A cousa vén sendo, segundo a miña sesgada interpretación, como segue:
·Promoción dos valores da “obra persoal e a produción escrita de Manuel Fraga”: ou, o que é o mesmo, promoción das ideas dun ex-ministro franquista, esas que saen aos medios de cando en vez e que teñen que ver co dereitismo españolista máis rancio, entre outros.
·Pensamento humanista cristián: No caso do noso presidente, isto oriéntase, pouco máis ou menos, cara aos desbarres reaccionarios sazonados cunha gran dose de estremismo ultracatólico e fascista.
Podedes consultar nesta ligazón o texto íntegro do documento publicado no DOG coa fin de aplicarlle o devandito status á cuestión.
Despois destas reflexións, déixovos. Vou subir nun momentiño ata San Caetano para preguntar polas vías de finanzamento da fundación, a ver como podo facer para darlles uns euros. Se é que me conmoven, os moi ladróns.

sexta-feira, fevereiro 25, 2005

Máis da caverna e outros

Xa teño falado algunha vez do concepto de "Caverna española", acuñado por alguén que sen dúbida ten máis autoridade moral e intelectual ca min e indiscutibelmente acaído para definir a determinado tipo de persoeiros e personaxes. Don Manuel, esa fonte inagotábel de rexoubas e caralladas diversas -cantos de vós non cantastes aquilo de "Esta noite morre don Manuel, morre don Manuel"??- foi a Madrid, alí onde se sente máis ancho que longo, para soltar outra vez sus cositas sobre El Bipartidismo, ou o que é o mesmo, subir o chanzo que ZP e Rajoy, que son os líderes de turno na Villa y Corte -das vacas?- non foron quen de subir cando escenificaron o pacto por la sacrosanta unidad de la Patria. Gustaríalle que desaparecese o BNG. Vaia novidade.
Noutra orde de cousas, hoxe pasou polas miñas mans El Jueves desta semana e por primeira vez vin nesta revista humorística algo vencellado á política galega. Na tira cómica de "Bono, Pepe Bono", aparece Xosé Manuel Beiras "Presidente del Concello Nacional del BNG" todo indignado pola nova que a todos nos conmoveu esta semana: a celebración do desfile das Forzas Armadas españolas en LaCuruña de El Paco (que non n'A Coruña). A verdade é que non me lembro moi ben como era a coña -se podo, reproducirei a viñeta tal cal-, pero a cuestión é que se comparaba a desgraza en cuestión co afundimento e consecuencias do Prestige. Bueno... non sei que vos diga. Pero ademais do chiste en si, molestoume que se poña a Beiras á mesma altura de personajillos coma Bono e outros. A Deus grazas, non hai color.

quarta-feira, fevereiro 23, 2005

Examinador vulgaris

O examinador vulgar ou vulgaris, esa é a cuestión. O examinador de conducir -galego- é unha raza eminentemente falsa, xa sexa por vocación ou por natureza de seu, que habita na parte traseira, por tras do copiloto, máis concretamente, dos automóbiles dispostos polas autoescolas a tal efecto. O seu idioma é o español na súa variedade máis complexa, o que o obriga a incluír os tempos compostos na súa fala, mais o seu acento non difire moito do de D.Francisco Vázquez (El Paco, de LaCuruña). Cando tenta levar as súas verbas cara á lingua vernácula, faino con dificultade e serios problemas de tipo gramatical e léxico. A súa mente é máis ben básica des que deixou a oficina da delegación da DGT correspondente e cambiou o bolígrafo Bic e a Olivetti polo asento traseiro dun coche -por aquela altura, moito máis incómodos que na actualidade, sen aire acondicionado, elevalunas eléctricos e peche centralizado de serie en toda la gama. Dende hai, cando menos, vinte ou trinta anos -a maior parte dos individuos cobraron xa do estado dirixido por un personaxe de apenas un metro cincuenta de altura procedente da comarca de Ferrolterra- o seu vocabulario redúcese a "izquierda" "derecha" "cambio de sentido de la marcha" "aparque" "que venga otro" e fórmulas léxicas semellantes, o que fai que se comunique con dificultade con aqueles que non forman parte da súa propia manada. En síntese, é esta unha especie peligrosa e, como xa temos cintado anteriormente, falsa, polo que se debe ter especial precaución na interacción coa mesma.

Nota ao pé: estas características poden variar, en diferentes graos, dun xeito directamente proporcional ao tamaño dos escotes ou inversamente proporcional á lonxitude das saias, no caso de ser muller -só muller, son machos-de-toda-la-vida-

terça-feira, fevereiro 22, 2005

Do SI e do NON

Como todos sabemos e sabiamos, saíu o SI. Vaia novidade, por outra parte... non obstante, polo visto o BNG perdeu unhas eleccións ás que só el se presentaba, seica Touriño xa está encumiado na Xunta porque o PP non foi quen de conter a diarrea verbal, da que sufre especialmente o noso presidente. Disque Anxo Quintana está amarrado pola U e que realmente aquí todo o BNG en pleno, menos catro ou cinco, quería o SI ou como moito o SI con pouco interese. Semella que Xornal.com soubo da miña ilusión de atopar un medio non pro-BNG nin moito menos, simplemente ao que non se lle vise demasiado o plumeiro, e volveron á liña dura. Eu dixen que NON, eu, por se aínda non quedara claro, son do BNG. A loita continúa! (serei radical logo).

sábado, fevereiro 19, 2005

Hai que botalos!


Hai que Botalos! Estase a fraguar unha iniciativa no país que, aínda que garde certas semellanzas con outra xa desenvolvida a nivel estatal, encántame. Trátase de Hai que botalos!, un proxecto creado por Burla Negra e Fraga Maldita que inclúe unha película a base de curtametraxes sobre a situación política de Galiza e toda unha liña gráfica da que aquí podedes observar unha mostra. Máis información, na web de Arredemo.

Reflexionade!

Coido que durante estes días de campaña non fun demasiado belixerante nin fixen proselitismo exacervado nin nada semellante. Aínda menos o farei agora, que estamos en "xornada de reflexión". Encántame, un día coma hoxe debera haber unha caste de Misa laica ou algo así organizada polos Concellos ou administracións pertinentes para que reflexionasemos, porque toca. Tamén temos que ir votar o domingo porque toca non? Ademais sería un bo lugar para o intercambio de experiencias, para tomarlle un viño ou dous, para falar cos veciños... e mesmo poderiamos amenizalo coa París de Noia ou a Panorama, digo eu porque os que xa temos pouco que reflexionar, algo teriamos que facer NON?.
Por certo, recoméndovos unha páxina: Arroutada, as novas galegas na rede.

sexta-feira, fevereiro 18, 2005

Problemáticas diversas

Rematados os exames e pasadas pola peneira etílica as interminábeis horas de estudo, reincorpórome á vida terrenal con glorias, penas, sabores e sensabores. A cuestión é que agora que me atopo liberado, agora que xa o celebrei, teño que volver a me preocupar das cuestións terrenais e non tanto que me ocupan acotío. De que falo? vénseme á cabeza un título cinematográfico: "Secretos del corazón". Aí, aí está. Para cando un manual de instruccións da condición humana? Para cando a solución e o consolo para aqueles que fozan/fozamos no seu/noso interior alén de desenganos amorosos e penurias económicas? Preciso algo diso, non sei o que, pero algo diso. Cando un problema é evidente, vese e téntase solucionar. Ai! pero cando non se ve? Que pasa cando apenas se albisca? Que se fai cando tan só se intúe? Aí está o verdadeiro problema. Os imaxinarios e os máis ou menos reais tamén están aí -os problemas, digo-. Miña nai querida, e pensar que todo isto me sae dos miolos sen fumar droghas, beber nin nada... -chego a coller o teclado onte pola noite e non sei o que tería saído de aquí-.

quinta-feira, fevereiro 17, 2005

Liberación mental e metafísica

Liberación mental ao rematar os exames e ao reincorporarme, por extensión, de xeito íntegro á v ida que se aproxima máis á dos humanos e se alonxa á das prantas e vexetais diversos, que sobreviven en interiores por teren unha imposibilidade física ou doutro tipo de saíren ao exterior e faceren vida de seu. En fin, esta reflexión físico-metafísica débese a que si, por fin rematei os exames estes que lles chaman de febreiro pero que comezan en xaneiro e son malos para a saúde das mentes dispersas como a miña. E, ademais, por se non abondase co simple feito dos exames en si, coido que algunha man oculta do poder -conspiranoia ao canto- fai coincidir estes períodos universitarios cos procesos electorais, a saber: o ano pasado as eleccións xerais foron o 14 de marzo, -15 días despois do remate dos exames, co cal, a campaña aínda nos colleu en plena cuestión- as europeas foron en xuño -peor, imposíbel- e as eleccións ao Parlamento de Galiza serán, probabelmente, xusto despois de San Froilán que é isto?????? Non sei se ir tomar un Referendum Plus para resistir tanta presión.
Mentres e non, eu seguirei gozando da liberdade condicional por obra e graza da USC. O luns seica comezan as clases e volta a empezar... aínda que coido que me agardan unhas semaniñas de rañadura de bandullo bastante amplas e de culto ao corpo -no sentido taberneiro da expresión, non penses mal-.
Así as cousas, despídome polo momento convidándovos a tomar un viño esta noite e a que máis? A votar NON, claro está. Santas Pascuas, amiguit@s.

sábado, fevereiro 12, 2005

Estou desconcertado, mais ledo

Diríxome a Xornal.com, un xornal electrónico galego un tanto peculiar, sen dúbida. Cando o descubrín eu coidaba que se trataba dun medio bombo do PSOE. Agora de cando en vez desconcértame gratamente. Na súa edición de hoxe, abre co seguinte titular: Anxo Quintana: "É necesario facer política desde Galicia no Estado". Na típica sección de "sube" e "baja", o que baja é Jaime Pita -ese home, ese ídolo-. Ademais, o seu director convida ao propio Quintana e mais ao alcalde de Pontevedra -o enviado de Satán na Terra no que a cuestións celulosas se refire- á presentación do seu libro. Non está nada mal.

Sufrimento de estar informado

Leo en La Voz "de Galicia" que o PP acusa ao BNG e mais ao PSdeG de exercer a improvisación na cuestión da reforma estatutaria e non sei que centellas. A cuestión é a seguinte: o BNG presenta no Parlamento de Galiza unha moción -ou proposta ou algo semellante, esta terminoloxía mátame de vez en cando- encol da creación dunha Comisión parlamentaria que se encargue dende xa da reforma do noso Estatuto.
Ben, como todos sabemos, o PP rexeitaría esa proposta. Que fai o PSOE? Colle, queda ben e non gasta nada do seguinte xeito: vai a remolque do BNG e presenta unha proposta semellante. La Voz fai o resto: PSdeG e BNG pulan polo novo estatuto, o PP non. Se aos antecedentes nos remitimos, tendo en conta que o señor Torito cambia de posición -pública, a privada é ben coñecida- como de camisa no que ao Estatuto se refire por un quítame allá esta reformiña mentres o BNG presenta unhas bases, un proceso de creación de Novo Estatuto, etc, etc, etc. Canto vicio hai neste país...

quarta-feira, fevereiro 09, 2005

Sinto a desorde de ideas, estou estudando...

Realmente, en certas cuestións son un privilexiado -alén do evidente, de nacer onde nacín e que o propio feito conleve comer todos os días-. Pregúntome que tería sido dos meus miolos se en lugar de estudar o que estou estudando e alí onde o estou facendo me tivera deixado levar por certos cantos de serea estatal e agora estivese sendo un proxecto de comunicador españolito. Miña nai querida... O certo é que a época de exámenes é propia para a reflexión, xa volo teño comentado nalgunha ocasión. Pero igual de certo é que rara vez as reflexións xeradas diante do tocho máis ou menos voluminoso de apuntamentos ten algo que ver co que neles está escrito. Neste caso si. Se alguén -galego ou galega, principalmente- que pase pola materia que agora mesmo teño entre mans non remata o cuadrimestre coa conciencia algo removida, ou é xordo/a ou algo peor. E mira que as cuestións económicas nunca espertaron en min paixóns incontrolábeis. Pero isto dá que pensar. Este país está mal e o mesmo o podes dicir nun antro cando os radicales nos ranciamos todos que nunha aula universitaria. E o malo é que gran parte dos males deste país teñen nomes e apelidos. Unha mágoa.
Atrasos económicos, redes clientelares e finanzamentos públicos aparte. A verdade é que esta cabeciña -bueno, o de dentro- que Deus me deu non deixa de xerar cousiñas ás que se algún día lles atopo utilidade ata producirían beneficios. Teorías varias: como é que o ser humano contemporáneo, nomeadamente de raza masculina, é quen de precisar tanto de alguén: o mesmo para as súas necesidades de interrelación persoal máis, digamos... primarias como para outras máis intelectualmente elevadas. Non sei se proporvos un concurso de ideas e posíbeis respostas. Non habería premio para o gañador ou gañadora, bastante premio é ter a resposta.
Outra cousa: recibín un correo destes nos que hai un cento e pico de preguntas parvas sobre ti mesmo que tes que respostar e enviar aos demais para que saiban algo máis sobre a túa persoa. Estaba cuberto por alguén que ten un oco importante por estes lares sentimentaloides. Outrora tiña ocupaba un espazo e agora ocupa outro, pero ten praza fixa, aínda que varíe a posición. Fíxome ilusión.

domingo, fevereiro 06, 2005

Como mola a peña guay


Hai correos que merecen paos;).Miña nai querida: dentro da sección españolitos super-guays que me chegan ao correo da man dos meus amigos máis aburridos observamos a este elemento, situado na web colegas-msn.com.
Responde ao nome de "Camaron -sen til, por suposto- un Dios" e é lo más de lo más. Esta imaxe merece unha análise detallada e atención especial a elementos como a banderita franquista, a moto -que nunca chegará a ter-, os pantaloncitos de chico-moderno, o xersei de Tommy!!!, unha chica de estas en plan "las ketchup" e, por último, un elemento perturbador: un bebé -pobre pequeno-. Isto é o que fai que en días baixos me suba a moral, nunca chegarei a ser así aínda que traballe toda a miña vida para conseguilo!! Non é xenial?
A todo isto, o texto que acompaña ao noso amiguito é o seguinte:
Nombre: Carlos
Sexo: Tio
Provincia: valencia
País: españa a muerte

Encontro para-anormal

Sufrín unha experiencia arrepiante que quero compartir con todos vós: atopábame eu exercendo de mal español e peor europeo ou, o que é o mesmo, agardando o comezo da presentación da campaña polo Non á Constitución Europea de certa organización política nun coñecido hotel compostelán -a que xa semello de La Voz???- cando, de súpeto, da sala contigua, xurde don Jesús Pérez Varela, Conselleiro de Cultura e Xacobeos diversos por la Gracia de Dios -o pequeno Goebbles, para outros (escríbese así?). Despois de que un dos seus acompañantes lle impuxese o abrigo -que seguro que lle/nos costou unhas boas pesetas-, achegou a man dereita (cal senón) á fronte e cun amago de saúdo militar dixo "boas noites". Acto seguido, dirixiuse aos seus amiguitos e deu a orde "venga, vámonos". Non é precioso????? Que alarde de convivencia democrática... e aínda nos queixaremos.

terça-feira, fevereiro 01, 2005

Referéndum Plus, II

Recoméndovos este artigo de María Yáñez en Vieiros.com polo seu interese. Versa sobre a perla cultivada que constitúe a campaña do Referendum Plus. A min, por se dubidabades, me-encanta.

"A caverna española nunca hornea sola"

Post breve, mais intenso: hoxe D.Emilio Pérez Torito, líder da minoría minoritaria do Parlamento de Galiza e futuro Presidente da Xunta se non facemos nada para evitalo, soltou por esa boquita que Dios le dio:
Touriño dice al BNG que apoyar el «no» [à Constitución Europea] es una tesis propia de la extrema derecha.
O mesmo é que foi falar con El Paco, de LaCuruña, que sabe como é o de ser de dereitas e chegou a esa conclusión. Como dixo un bo profesor e político deste, noso país: "A caverna española nunca hornea sola". E marcho correndo que empeza o debate do Plan Ibarretxe... e eu que xurei que nunca vería Gran Hermano... pero coido que non será moi diferente.