Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, janeiro 29, 2005

Heuropa Vlanca, neng


Un amigo envioume un correo recomendándome o que agora eu vos recomendo a vós de xeito encarecido: este lamentábel fotoblog. Se queredes ratificar a teoría de que debaixo dos pelos en plan cinceiro desa raza (falsa) de pipiolos madrileñitos e españolitos en xeral que dicen arriba España e todo diso non hai nada máis cá gomina que se lles filtra para o miolo que lles permite camiñar a dúas patas de cando en vez... esta é unha boa mostra. Non perdades as fotos dos laterais, nas que, entre outras lindezas poderedes ver que estes descerebrados teñen tamén nas súas ringleiras ás denominadas "skingirls", que de rapado teñen o que eu de bispo e de persoa o Documento Nacional -ese que lle chaman nacional...-(nacional-socialista, para eles, seguro) de Identidade. Escarallante.

Me-encanta-mucho

Dando paseos pola Internet durante un dos anacos que os meus examen me deixan libres -probabelmente son bastantes menos dos que eu mesmo me permito- paso por Todo Nada e alí atopo unha captura que eu pensei que era produto da fantasía da creadora do blog en cuestión ou se cadra unha parodia das campañas que animan a votar a Constitución Europea (a votar e a votar si, evidentemente). Seguín o enlace para dar cos creadores da coña e demais. Pois resulta que non, non era coña, Referéndum Plus, la bebida energética que anima a votar a la juventud é unha campaña tan real como Don Manuel, triste, maís certo. Resulta que o Consejo de la Juventud de España pretende que los chicos y chicas españolitos/as vaian (ou mesmo "vaiamos", Dios nos libre") votar ledos e contentos grazas á campaña en cuestión. Conste que eu agradezo enormemente a iniciativa, porque había moito tempo que non vía semellante acción disuasoria. Teremos unha toupa aí metida e nós sen sabelo? quizais quizais...

Enchamos o mundo de vacas


Leo no blog da compañeira de Todo Nada a iniciativa de Antón Lezcano, pai da bandeira da vaca, que agora quere crear un collage de fotografías da bandeira en cuestión. Coido que esta bandeiras ten poderes máxicos... anonadado quedei cando vin a imaxe dun coche policial da garda real de Paco Vázquez ou Policía Municipal de La Coruña (cun pouco de sorte a Policía Municipal aínda é d'A Coruña...)

quinta-feira, janeiro 27, 2005

Non sei ser de raza capitalista...

Hoxe estiven en El Corte Inglés. É absolutamente horríbel. Eu xa coidaba que non había moitas posibilidades de me poder adaptar ao 100% no sistema capitalista e esas cousas, pero hoxe ratificouse. Varios sucesos que relatarei a continuación trastornaron a miña mente:
1º-Sorpréndome gratamente ao ver na sección de discos un cd d'A Quenlla que había tempo que buscaba. Xa estaba disposto a pagalo cando me decatei de que estaba no apartado de música "regional gallega". A miña conciencia colleu o CD e deixouno onde estaba.
2º-Fun á sección téxtil e despois de sortear diversas marcas e xerseis coa bandeiriña americana a prezos que insultaban conseguín chegar á zapatería, que era o que eu buscaba. Alí o calzado de, digamos, serie media, non existe. Ou mercas uns super ténis adidas de la muerte para correr unha maratón olímpica ou ben uns zapatitos de conselleiro. O termo medio non existe no universo capitalista, non señor.
Se todo isto o regamos con perfumes caros e señores, señoras y señoritas que te miran cunha ollada entre condescendente e desconfiada cando paseas pola sección de electrónica e informática (concretamente, a súa ollada é de "sé que no lo puedes pagar y aunque puedas no te lo mereces") a conclusión é: prefiro voltar ao Gadis que teño ao carón da casa, que xa sei que sufren de represión sindical e todo isto, pero a caixeira chámase Mary (si, con "y") e o fiambre aínda é fiambre, e mesmo hai iogures "Oro del Valle" -Feiraco xa non, que pecharon a planta de iogures-. Disto isto, convídovos a ser boíñ@s e a votar NON ao Tratado polo que se institúe unha Constitución para Europa. Santas Pascuas.

sexta-feira, janeiro 21, 2005

As miñas obrigas académicas están convertindo este blog nunha caste de boletín semanal, pero bueno, que lle imos facer. Agardo que boa parte da miña audiencia -se é que existe- estea facendo algo semellante ao que fago eu estes días, ou o que é o mesmo, introducir nos cerebros toda unha serie de datos que lle faga máis proveitosa a estancia no INEM dentro dun tempo máis ou menos longo.
En fin, a cousa é que as miñas achegas á actualidade a verdade é que me continúan a matar. No que á cuestión vasca se refire, esta semana tiven a oportunidade de achegarme á Proposta de Nova Estatuto Político para a Comunidade de Euskadi e a verdade é que fiquei bastante sorprendido: eu mesmo coidaba que a cousa éra máis "radical" e en fin, que cita á Constitución vinte mil veces e outra serie de cousas que me fan afondar na miña teoría do interese do PPSOE en difundir o medo á normalidade democrática... que cada un o tome por onde queira. Para o que queira rir/revolver o estómago, recoméndolle a seguinte lectura: Zaplana compara el «Plan Ibarretxe» con el golpe de Tejero
No apartado traxicómico desta semana sitúase, como non podería ser doutro xeito, don Manuel, coas súas reflexións sobre o uso do condón. Entre outras perlas cultivadas, o noso Presidente soltou que "morrerá sen poñer un condón". A min sempre me gustou a xente optimista e con sentido do humor.
A verdade é que o período de exames universitarios é moi interesante. A fenómenos propios de épocas de estudo xeral -acumulación de tarefas domésticas que levan sen ser atendidas longos meses, etc.- únense outros que cómpre ter en conta. Un deles son as reflexións mentais que xurden na cabeza do estudante mentres se atopa diante do tocho de apuntamentos. Algún día, cando sexa un xornalista rico e famoso (risas) debería escribir un libro con todo o que se me pasa pola cabeza mentres estudo: dende rigorosos análises da actualidade ata planificación da miña vida persoal a medio e longo prazo, imaxinacións diversas, estudos sociolóxicos dos ruídos veciñais e autoprospeccións mentais do meu sentimento máis persoal. Sen dúbida, digno de atención.
Ben, se chegaches a ler ata aquí é que: a) Estás de exames e isto foi outra das excusas perfectas para non seguir estudando b) Che interesa o que escribo, o cal coido que é digno de consulta médica. Sexa como sexa, dexéxoche o mellor e convídote a votar NON á Consitución Europea. Saúde.

sábado, janeiro 15, 2005

Non son nada guai

Debería existir unha Escola Profesional de Xente Guai ou algo semellante. Sen dúbida, todo sería moito máis doado se os que non nacemos sendo desa raza poderiamos recibir clases. Explícome, alguén así guai de la vida nunca se preocupa por case nada do que nos preocupamos nós. Para mostra, un caso lucense coma o meu: pasei a tarde por Lugo adiante mercando roupiña porque fai frío -primeiro erro, alguén guai merca porque si-, non estudei nin avancei demasiado nos traballos que teño para os próximos días. Enviei un sms que foi respostado de xeito correcto mais non cálido e que seguramente non ten ningunha intención negativa máis que respostar ao que eu preguntaba e despois tentei solucionar certos problemas informáticos. E a cuestión é que me sinto mal. Por que? pois porque non traballei o suficiente e o meu cupo sentimentaloide hoxe non foi cuberto nin na reserva tan sequera. E claro, iso quere dicir que non son guai. Se o fose, agora estaría todo pancho poñendo a roupa que merquei para salir e afogar as miñas penas en alcol e nalgunha boca allea a partes iguais. Como moito, algo de alcol e do resto, nada de nada. E ademais porque non quero. Unha mágoa non ser guai.

Jun-tos, café para dos

Leo en La Voz de Galicia a seguinte nova sobre o Plan Ibarretxe, que titulan deste xeito:
El desafío del Plan Ibarretxe
Zapatero y Rajoy pactan una comisión bipartidista para negociar las reformas
Como podedes observar, poderíase ter titulado perfectamente "Outra vaca no millo" ou algo semellante. Resulta que xa non os problemas políticos de Euskadi, senón a reforma dos estatutos das autonomías autoanémicas vai ser cousa do consenso do PPSOE, ou o que é o mesmo, se en Madrid non están dacordo, de pouco vai valer que en Galiza, en Catalunya ou en La Almunia de Doña Odina goberne BNG, ERC ou o Partido dos Independentes do Courel, éche o mesmo. A vontade do pobo? en Madrid, igual que o Santiago Bernabeu e a Puerta de Alcalá. Se seguimos lendo, a cousa non pinta moito mellor:
El líder de la oposición ofreció al Ejecutivo socialista el apoyo de sus votos en el Parlamento para garantizar la estabilidad gubernamental «si fuera necesario»
Isto é, non vaia ser que Esquerra siga gobernando na sombra eh, señor Rajoy. Estamos dispostos a crear un goberno de salvación "nacional" para que España siga sendo grande e unida, aínda que haxa que botar Super Glue nos Ancares, no sur de Araba e máis na fronteira de Aragón. Y si no, se les pegan dos cañonazos, y punto.

sexta-feira, janeiro 14, 2005

Tensión, estrés e esas cousas

O que non consiga a actividade académica retrasada ou facer o que se debera facer antes... O caso é que non tiven tempo en toda a semana para escribir catro liñas seguidas e vou tan retrasado en todo o que teño que facer como ía hai sete días. Se cadra máis, porque hai unha semana non era consciente de TODO o que teño que facer nun curto espazo de tempo. Sexa como for, aínda tiven tempo para a xoldra e confío en que a Provindencia saía por min outra vez. Por outra banda, atópome inmerso nunha loita tecnolóxica, nunca pensei que algo tan pequeno coma un pendrive deses puidera marear tanto.
Semana curiosa, sen dúbida. Mentres a españolada toda clama contra Ibarretxe e ZP se pone en su sitio, os demais estamos preocupados, alén da política (eu serei desa minoría antieuropea roja y radical que votará NON) por cuestións máis mundanas. Os exames non son boa época para nada, moito menos para a reflexión, o sentimentalismo e os pensamentos abstractos. Cando te atopas perseguido nunha carreira contra-reloxo contra cifras académicas e tochos de apuntamentos de pouco serve que precises unha aperta. Realmente, o que inventou a Universidade quedou descansado, na miña vida algo me dera tantas satisfaccións e dores de cabeza. Seica a Universidade é coma unha moza... se entras por obriga déixala cedo e apenas te lembras dela nunca máis, como moito cando a ves nunha foto. Pero se entras por vocación... traballas arreo, sínteste mal cando lle fallas e sempre rematas por disculpala cando che falla e, se nalgún momento hai un mal maior, nunca rematas por deixala de todo. É o que hai. (Estamos máis preto de que explique o concepto de METROINTELECTUAL).
Cómpre destacar que hoxe volvín experimentar a Freire, S.L, xa na súa versión ordinaria de venres tarde, experiencia que se saldou con 7'50€ e 1 hora e 45 minutos perdidos. Que lle imos facer.

quinta-feira, janeiro 06, 2005

Antes roja que rota, carallo

Leo en La Voz de Galicia de hoxe o seguinte:
Touriño supedita un pacto con el BNG en la Xunta al respeto a la Constitución
El líder de los socialistas gallegos advierte que quien quiera trabajar con su partido deberá «respetar as reglas»
Non é marabilloso? TP (Torito Presidente) dice que si no somos buenos, no hay pacto. É que claro, só se lle ocorre ao Bloque Nacionalista Galego ir e exercer de nacionalista, e por se non fose suficiente, definir a Galiza como nación. Fóra diso, o PSdeG. Ademais disto, Torito volve exercer de mini ZP, neste caso xa parafraseándoo («dentro dela [da Constitución] cabe todo, fora dela non cabe nada»). De calquera xeito, como todos sabemos, chegará outubro e como Don Manuel perda a maioría e o PSOE teña un voto máis ca o BNG, veremos onde estamos cada un. Agora ben, como sexa ao contrario, que todo pode ser neste noso país, tamén veremos.

O meu único día monárquico...

Pois si, realmente hoxe é o meu único día monárquico de todo o ano, e por motivos evidentes, os Reis Magos teñen un non sei que de simpatía especial. Cómpre ademais termos en conta que o único que tiñan de reis estes homiños era o nome, cousa que lles engade aínda máis valor. Sexa como for, o caso é que rematan estes días de paz e concordia e a partir de mañá mesmo terémonos que entregar ao consumismo salvaxe -agora nas rebaixas, que é o que toca- sen ningún tipo de excusas sentimentais ou mesmo relixiosas -que valor!, que lle foran ao Neno Xesús cun reprodutor mp3 ou cun Pentium 4, a ver que dicía-.
De calquera xeito, non é a fin das vacacións -que tamén- o que me perturba, senón o feito de que mañá parto rumbo a España. Aínda que é só por tres días escasos, non podo evitar que isto me produza unha certa inquedanza. Queiras que non, que un policía dos mal chamados nacionais te identifique por Santiago adiante ou mesmo por Lugo, pois ten un pase; son as forzas coloniais, é o que teñen que facer. Pero alí, na súa casa, a ver que lles dis... e claro, tendo en conta que che ven a cara e que agora andan aínda máis paranoicos dos nervios coa amenaza estremista así en xeral. O mesmo pensan que son un emisario de Ibarretxe ou Carod Rovira ou mesmo de Roviretxe, denominación que escoitei na COPE. Se é que teñen unha chispa que non se teñen... Neste estado de cousas, só me queda encomendarme a alguén de por aí arriba ao pasar a fronteira e conter a respiración ata o domingo. E Santas Pascuas.

quarta-feira, janeiro 05, 2005

Lucensite leve

Estou que morro coa ilusión. Mañá vai ter lugar a miña primeira viaxe en Freire, S.L, do 2005. E ademais vou comezar ao grande, vou ir nun destes que non baixa das dúas horas, con visita á Lavacolla incluída. A verdade é que boto moitas cousas de menos nestes días de vacacións, pero nada como a dor de costas e pernas e a sucesión de vilas galegas -a que nunca pensaras que Palas de Rei ou Melide son tan grandes como para que un autobús que pasa somentes pola estrada xeral teña que parar dúas veces?, pois si, son-.
Noutra orde de cousas, hai quen xa está rachando a camisa e berrando aos catro ventos porque o BNG apoia o Plan Ibarretxe. Miña nai querida, e pensar que hai un par de días, coma quen di, nos dicían que había que mirar cara Catalunya e Euskadi, que mira que ellos sí que son europeos, y no vosotros, bloqueiros. Pois a min paréceme ben. Esta xente, de verdade... ao final van conseguir que mañá os Reis pasen polas súas portas sen deixar nin as boas noites, e non lles faltará razón, a verdade. O mesmo me pega o arrebato e vou á cabalgata, o que sen dúbida é o único espectáculo consumista e á vez gratuíto. O consumista nace ou faise? unha boa escea para a reflexión son eses nenos, moitas veces instados polas súas nais, pais, avós e demás familia, que lle dan a volta ao paraugas para apañar ben caramelos, case con saña diría eu. Non sei se ir, eu doblo en altura a case todos eses pequenos consumistas. Sería xenial. E seguro que o Día de Reis saía en El Progreso -diario de Lugo y su provincia, todos los días el primero-.

terça-feira, janeiro 04, 2005

Saio en Vieiros! Grazas!


Pois sí, énchome de orgullo ao saber que Vieiros sabe da miña existenza! -que eu lles enviase un correo é secundario. Este humilde blog nado ao carón da muralla xa aparece na web na que a min me gustaría traballar algún día (quen queira, que escoite) hehehe. Grazas!

segunda-feira, janeiro 03, 2005

Recomendación xornalística

Gustoume esta reportaxe: 12 horas en un templo del consumismo, publicada en La Voz de Galicia por Rodri García, tanto pola forma coma polo fondo. Relato tremendo de como os galegos, os gallegos e os galleguiños (/as) nos sentimos súper modernos y occidentales de la muerte nestes días. O triste é que o facemos todos os que temos un mínimo de cartos que nolo permiten.

Proceso de desmentalización

Encántame escribir pola noite. É unha mágoa que o noso cuadriculado mundo occidental teña a manía de "vivir" polo día e "descansar" pola noite. Se non fose así eu, que pretendo adicarme a unha desas profesións nas que se traballa con palabras -vaian ou non acompañadas de imaxes- xa tería a vida medio solucionada. En fin, que lle imos facer. A verdade é que vivimos nun mundo e, máis concretamente, nun país, que dá pé a escribir continuamente e ao longo de toda a vida; e se, aínda por riba, ademais de pertencer a esta colectividade chamada Galiza (Galicia, para o caso) pretendes ter unha vida de interrelacións persoais e aínda outra máis, íntima e persoal, cunha certa autocomunicación e pensamento reflexivo, é que non paras.
Certo é que non é tendencia o de pensar para un mesmo, e se pertences ao xénero masculino e tes unha certa idade, aínda menos. Co ben que se vive lighando nas fins de semana e preparando os actos de apareamento -virtuais ou reais- o resto da semana... pois eu penso -ou polo menos tento pensar- e coido que non, que así non se vive ben. Cada vez que visito certos mercados gandeiros das noites luguesa e compostelá o teño máis claro. Polo que sexa, case todos nos aproveitamos algunha vez deses mercados, pero non por iso deberiamos velos como algo bo ou fachendear diso. Facémolo ou fixémolo porque si, e abonda.
Pensaches algunha vez en deixar de pensar? en desconectar o cable que une a realidade coas neuronas e ala, a vivir. Hai moita xente que xa o fixo, e mesmo goberna países. Poderiamos lanzar unha campaña con tal obxectivo, seguro que apañariamos unha subvención da Xunta -da Consellería esta de muller, xuventude, voluntariado, deportes, familia y otras hierbas-. Deste xeito iniciariamos un "proceso de desmentalización" no que todo sería moito mellor. Non habería radicalismos nin estremismos, ninguén se namoraría nin sufriría desamor, ningún de nós agardaría ao carón do teléfono con cara de parvo/a ata que ela/el chamase ou enviase unha mensaxe, non existirían, moito menos, posturas ideolóxicas, partidos políticos ou relixións. Todos apampariamos diante do mesmo programiña de TV e seriamos idealmente conformistas. Que perfecto! Non teriamos tempo para nos indignar cando algún destes que é galego de luns a venres e en horario de oficina aldraxa ao país. Non teriamos tempo para chorar de tristura inxustificada nin de ledicia da que non se explica. Pénsao.

domingo, janeiro 02, 2005

O que pasa por estes países do Señor...

Leo nun weblog catalán pertencente a Jordi Falcés i Valls un suceso que me deixa abraiado. Resulta que Eric, un mozo catalán de 14 anos, deciciu enviar un e-mail a unha cadea de supermercados instando á empresa a etiquetar os seus produtos en catalá (a lei catalana obriga a facelo). No seu correo, o rapaz asinaba coma "Cap de l'Exèrcit del Fènix" (Xefe do Exército do Fénix), xa que el é o webmaster dunha web denominada "Exèrcit del Fènix" que fala da necesidade de catalanizar os Països Cataláns. A cousa complicouse cando as forzas de seguridade, por así dicilo, comezaron a investigar a Eric, investigación que rematou coa aparición na súa casa da Brigada Antiterrorista con rexistro, incautación do ordenador do rapaz e posterior inicio dun proceso xudicial que mesmo o levou a ter que ir declarar á Audiencia Nacional (a fiscal espetoulle cousas coma esta: "Eres muy inteligente pero esta inteligencia la tenemos que controlar, porque si has hecho esta web con 14 años no quiero ni pensar cuando tengas 18".).
Aínda que o pequeno vai de radicalillo pola vida -sobretodo no que á metodoloxía se refire-, de momento somentes é un neno e, neste caso concreto, non só reclamou algo que coido moi xusto, senón que reclamou algo que a lei obriga a facer. Terémonos que andar con ollo...

Nova Xove mola. E moito ademais.


Máis sobre NovaXove: agora sorpréndennos, na súa sección de música, cunha enquisa tan galega coma seria e rigorosa. Así é como se fomenta que a mocidade debata, sexa crítica, pense, etc etc. Con humor intelixente.