Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

domingo, fevereiro 05, 2006

Unha carta

Dalgún xeito sabía que nos estabamos despedindo. Cando che dixen que, se cadra, non podería vir a fin de semana, algo me dicía que si, que tería que vir, pero que xa non te vería. Ía moito frío, e sentía unha presión no peito que aínda me dura, se cadra por non desafogar. Estiven a piques, pero a situación non o aconsellaba. Non te me fuches da cabeza en toda a semana... tantas imaxes, tantas lembranzas... pero, sabes? decidín non quedar coa última, que non sei por que xa sabía que sería tamén a derradeira imaxe.
Procurando no meu cerebro atopei unha fotografía que aínda non ousei mirar na súa versión en papel. Estamos ti e mais eu, ti levas un xersei verde, uns pantalóns escuros e os lentes marróns de toda a vida, ese bifocales que che valían para conducir e tamén para ler. Eu tamén vou de xersei, era aquel de pescozo alto amarelo, con raias en zig-zag, que a avoa sempre me baixaba porque dicía que seguro que me picaba. Nesa foto, ti miras cara a min e eu estou todo sorrinte, porque estaba de cumpreanos. Apenas che dou polos xeonllos.
Tampouco puiden evitar estes días lembrar aquela mañá do ano 95, cando iamos saír polo pan. Supoño que ese día empezou todo, ti resistícheste todo o que puideches, mesmo máis do que puideches. Non creo que sexa doado ter que ficar quieto para alguén que viaxou toda a vida. Bueno, pero non estamos agora para falar desas cousas que ti e mais eu xa sabemos de sobra. Falabamos da foto. Cantos anos cumpría? a verdade é que non me lembro, supoño que tres ou catro. Estabamos todos, ti e mais el tamén estabades. Quen volo ía dicir... preguntaches moito por el os últimos días, nunca tiveches un pelo de parvo. Mesmo mandaches recordos para el cando xa non llos podiamos dar. Xa vos atopastes? Agardo que si. Non discutades moito, o xusto para pasar o anaco. Seguro que vos instalastes preto un do outro, penso que, no fondo, tedes máis cousas en común das que pensabades.
Canto levas paseado xa por aí? Penso que non terás coche, nin falta que che fará... tantas gañas acumuladas daranche para pasear e pasear. Faime caso, proponlle a el ir pasear xuntos e falade moito, contádevos as cousas que non vos contastes nos últimos tempos; iso si, non faledes de enfermidades, que iso xa é o de menos. Mira que non levo paseado eu contigo... cantos sábados pola mañá... Cando iamos ao río sempre me daba medo o sitio onde aparcabas o coche, tan preto das escaleiras... parecíame que iamos caer.
Un dos sábados que máis me gustou foi o día que me levaches ver o tren. Non moito tempo antes ou despois do cumpreanos do que che falaba antes, seguro. Non sei cantas horas, pero seguro que unhas cantas, pasamos sentados na estación, ata que de súpeto, un tren amarelo se achegou dende lonxe, virou e eu pensei que marchaba, pero ao final chegou onda nós. Ese día descubríchesme un anaco de mundo que para min semellaba enorme, case case tan inmenso coma o frío das mañás. Coma o desas mañás de xeada nas que collías o coche para me levar ao colexio, e te erguías ás sete e pico para que eu chegase a tempo. Como che custou deixar o coche...
Supoño que este só debera ser o comezo dunha carta de moitas, moitas follas, tantas coma lembranzas, imaxes... e tantas como palabras non ditas e bágoas non verquidas. Onte un amigo díxome que era mellor ver isto coma unhas vacacións moi longas, só iso. Se é así, seguro que estás nun bo hotel, deses nos que che dan todo feito, con boa compaña e unha morea de viaxes proxectados.
Aínda non fun quen de quitar de todo a presión do peito, disque aínda durará uns días, que foi moita tensión... Sabes unha cousa? Aínda non o creo.
Unha aperta inmensa.

1 Comentarios:

Blogger Aultre Narai dixo...

as imaxes, as fotografías, que sempre semellan tan frías, moitas veces son capaces de levarnos de viaxe no tempo ata eses recunchos onde na nos memoria hai un pouco de néboa.

e as cartas? que dicir delas, son o mellor invento do ser humano. porque sempre chegan. SEMPRE.

4:21 da tarde

 

Enviar um comentário

<< Home