Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, janeiro 28, 2006

Un día así daquela maneira

Haiche días para todos os gustos e outros que son para case ningún. Coido que o de hoxe -aínda non rematou- é un deles, e iso que a mañá non existiu. Non escoitei as noticias, vin -que non escoitei, nin sequera oín- Miraxes (con destacadas presenzas, por certo) e púxenme á faena de poñer a furrular o miolo cando o miolo hai días que leva furrulando a todocuantodá, pero non precisamente en mesteres académicos. Todo isto fíxose con leves intermedios nos que quen lles fala atravesou a neve no artefacto que dende hai quince días vén sendo unha prolongación do seu propio corpo. Un chisco de teléfono, unhas pingas de saturación mental... todo moi rico, como vostedes poderán observar. En fin, virán mellores... o bo dos días malos é que sabes cando rematan, e hoxe a partir das doce deixará de ser hoxe... así e todo, trátase de facer un mañá mellor, non? Acabo de ler isto último que escribín... cómpre que saia algo máis da casa e facer vida social.
No entanto, un dilema: existe algún método obxectivábel através do cal poida escribir en ton amábel para uns e en ton francamente agresivo/con aberta hostilidade para outros? Se alguén o sabe, prégolle que mo comunique, sería moi útil a tal hora.