Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sexta-feira, janeiro 27, 2006

Fábula sen nome

Houbo unha vez un corzo que, perdido dos seus conxéneres, vagaba case perdido polo monte. Despois dunha longa andaina fuxindo duns cazadores que trataban de facer deles unha triste e inerte peza de exposición, conseguiran fuxir e ceibarse do ruído das escopetas, cuxo rebumbio aínda tiñan a tal hora gravado nos seus ouvidos. O corzo ollaba aquí e acolá, e non era quen de dar coa dirección axeitada para atopar un vieiro certo, que o levase de novo canda aos seus compañeiros de fatigas e lle asegurase, á fin, unha vida lonxe dos estouridos da pólvora dos fusiles. Desesperado, o corzo ollou cara a unha árbore: era un carballo vello, aínda vivo, mais reseco en moitas das súas pólas. Levado pola fatiga e a carraxe de se atopar perdido, o corzo, iracundo, correu a escornarse contra o toro do carballo moribundo. De súpeto, cando apenas lle restaban uns metros para dar coas cornas na vella, mais aínda dura, madeira do carballo, o corzo cravou as patas na terra, deixando fondas marcas no chan.
-Esta non é a mellor solución -pensou o corzo- Escornando contra o carballo só conseguirei crebar as cornas e apenas quitarei uns anacos da cortiza da árbore. Ademais, despois, canso e coas cornas doloridas, non serei quen de atopar os meus compañeiros.
Mergullado nos seus pensamentos, o corzo non se decatara da presenza dun velliño que, acompañado dun neno, levaba un facho na man. O vello, moi de vagar, dirixiuse ao corzo, e besbexoulle algo ao ouvido. O corzo asentiu, e o vello deulle lume ao carballo, que cada vez semellaba máis enxoito e caduco.
Non pasaran apenas uns intres cando os compañeiros do corzo, na outra banda da fraga, observaron o fume que desprendían as lapas que consumían, xa case por completo, ao vello carballo. Non lles foi difícil seguir os sinais emitidos polo fume, pois o día, que amencera con néboa, era agora unha bonita xornada de sol. Así, un anaco despois, os corzos atoparon o seu amigo, e xuntos reemprenderon o camiño ata a saída do bosque, ceibándose así para sempre.
No entanto, o vello e o neno ficaron sorrintes e marcharon para a casa, non sen antes indicarlles aos corzos cal era o vieiro máis axeitado, onde atoparían abundantes regatos para beber e vastos paraxes onde non faltaba o alimento.
Tirada de noite dos arquivos d'O'Xirarei