Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, dezembro 03, 2005

Días de corenta horas

É ben sabido por todos que a duración dos días é unha circunstancia basicamente mental, isto é, o das vintecatro horas é unha convención que ninguén cre sen cuestionala. Hai días de doce horas e días de corenta. O día que se estendeu dende a noite do pasado xoves ata a madrugada de hoxe mesmo foi un dos de corenta. O día empezou entre efluvios de rotuladores que tentaban transmitir proclamas (ejem) sobre un plástico branco. Visitas académicas e demais familia foron levando a cousa ata chegar ao encontro compañeiril ao abeiro do polbo, o xamón asado, o barrantes e o cafécongotas (alguén terá que sistematizar o indiscutíbel fenómeno da redución do volume de café na cunca dun xeito inversamente proporcional ao paso do tempo nunha cea-típica-galega).
Diversas circunstancias fixeron que lamentase a escaseza de horas, porque se ben as actividades antes descritas provocan, en xeral, bastante chiste nun servidor, as horas precisan acougo e botan en falta certas compañas -propósisto de enmenda-.
Disgresións á parte, unha das circunstancias que máis me turbou e á ver provocou nun servidor maior atracción foi o encontro multidisciplinar, multipersoeiroal etecé etecé que tivo lugar onte no chigre máis selecto da pedra. Alí, un ser bicéfalo de amábel conversa disertaba sobre as artes de contar nas súas diversas vertentes. Por se a conversa do ser citado non fose suficiente, un Persoeiro con todas as letras interpelábanos -a min e aos/ás meus semellantes- cunha autoridade moral á que só podes respostar cun sorriso histórico.
Despois: codeo, señora, codeo e postureo. Para min "cóctel" sempre foi unha mestura de bebidas cunha cor fosforita. Pois non, un cóctel é un sitio onde te mesturas cos instructores da factoría, pais ilustres de fillos musicais, intelectuais de pro, Persoeiros de autoridade moral e patriótico-ética infinda e certos seguidores da teoría de chuchar do teto institucional. Todo isto, ao abeiro de "canapés" imposíbeis, viño do país e caldo galego en pocillo. Viva!.

1 Comentarios:

Anonymous lehia dixo...

Ei, non se saia do guión ou estará nominado que a súa actitude e iso de pensar por un mesmo sobarda claramente os limites deste espazo-tempo no que nos movemos... Ai, mira aqui tes as fotos do meu voceiro (sorriso e aplausos, plasplasplas)

3:56 da tarde

 

Enviar um comentário

<< Home