Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, novembro 19, 2005

Semaniña... buf

O Óscar Terol, antes de pasarse á TVE tiña un programa na ETB que levaba por título Vaya Semanita! e que a quen subscribe se lle antolla perfecto para describir a súa sensación logo dos últimos sete días. Un non está para estes trotes, sempre se di, pero ata nos trotes hai clases... Comezaba a semana a golpe de pedra de rúa, choiva fina e manifestos reivindicativos cun punto de melancolía, no que todos e todas as que sacamos, outravolta, a pasear a bandeira azul e negra polas rúas compostelás ollamos cara hai tres anos, cara a todo o que aconteceu naqueles días horriblemente máxicos.
Comezando así, o biorritmo só podía ir in crescendo... e así, atopeime entrevistando -nun cubículo de reducidas dimensións destinado a outros mesteres- a todo un gaiteiro (!) co que ata hai pouco o único xeito que un servidor tiña de falar era através dos cedés ou dos emepetreses diplomáticos, no seu defecto. Pero a intercesión das boas xentes, que as hai, e a excusa dun peixe laranxa rebuldeiro, latoso e ás veces agarimoso combínanse e agasallan a un con oportunidades deliciosamente cociñadas coma esta que che conto.
E así, entre sesións e non-sesións da factoría avanzaban as horas presionando puntualmente o miolo e achegando a quen asina á súa particular cita coa historia. Desta foi, si que foi, e chantáronlle ao protagonista deste pequeno entremés un ele virtual [L] de cor verde que lle soubo a gloria (mágoa de euros), gloria que no sería nin a metade de saborosa sen os comentarios daqueles que se alegraron con el.
E como non hai festa popular sen chuvia nin verán sen treboada, o conglomerado de minutos, días e horas tivo tamén a súa propia. A franxa azul e a estrela coa que algúns a acompañamos sofre decote axitacións máis ou menos graves... unha de cal, sete de area e ao revés, segundo os casos. Ben está o que por ben se fai, no que lle atinxe a quen teclea, a cousa vai por aí, por facelo por ben.
E por se fora pouco... apoteose castañeira (de magosto, non da outra que foi famosa nestes días) ao son do módulo estraño no día en que Raposo e Profesor tomaron na man a cousa fea para facela máis bonita e darlle un pouco máis de gas á primeira selección na que si, para min "xogamos todos".

[Nota mental: un nunca sabe cando é o momento en que máis se agradece refuxiarse nas sabas de cando o instituto, pechar os ollos e durmir, e aí se maten...]