Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, novembro 26, 2005

Arquivo de ideas, lugares e sucesos

A verdade é que me molesta sobremaneira ter que convertir, outravolta, esta casiña virtual nunha sorte de resumo semanal de acontecementos mais, se non é por A é por Z (non direi por H ou por B, que o ambiente está sensíbel, seica) apenas tiven un segundo para me sentar e darche un pouco a lata, a ti que segues lendo estas liñas. Tentarei, de calquera xeito, comprimir o que aínda me queda no miolo do que foron os últimos sete días en plan puntiños, para maior operatividade e divertimento:
  • (Non) fun demasiado pola clase
  • Andei enleado en mesteres diversos que para o groso da poboación supoñen ou perda de tempo ou perigo social, ou ambas cousas.
  • Colaborei no parto dun novo peixe laranxa (destavolta veu caseque con fórceps, a criatura)
  • Discutín algunha vez
  • Comecei a crear un negocio faraónico que nunca existirá por obra e gracia de instancias da factoría que servidor non controla
  • Frustreime un par de veces ao diante de certas materias, colectivos, persoas ou entes.
  • Vendín lotaría de Nadal.
  • Fixen un corte nu pé contra o zócalo -chámase así?- da parede.
  • Escandaliceime un anaco polo prezo da camisola da Selección (Corazón e Patria Vs Euros)
  • Creei unha casa virtual de vida breve e utilidade -agardemos- prolongada.
  • Almorcei demasiado tarde todos os días.
  • Cabreeime porque Touriño non foi a París para ver como (non) nos concedían o Patrimonio Inmaterial.
  • Sorrín parvamente de ledicia ao comprobar a relatividade do tempo en boa compaña. Desexei que esta relatividade se manteña.
Vaia por diante que esta listaxe se algo non é, é xerárquica, senón que é produto dos devaneos dunha noite de venres ao pé dunha estufiña. Cousas que ten un.