Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, outubro 08, 2005

A falta de barracas...

Como está moi feo falar en abstracto do que é concreto ou, o que é o mesmo, criticar con saña o que non se coñece, un servidor dedicou a tarde sabatina a documentarse in situ sobre o novo fenómeno socioeconómico das terras luguesas, que non é outro que o centro comercial As Termas. Así, de entrada, e poñendo entre paréntese o aborrecemento que a un lle producen este tipo de espazos (véxase experiencias anteriores no El Puerto ou no Hipercor), o tema non ten toda a mala pinta que puidera chegar a ter: nome en galego, capital vasco.
Collo o autobús "Especialsanfroilán" e chego á nova catedral do interior galego: Inditex alí, aquí e acolá, comedores (ou comedeiros) imperiais, un gran hipermercado semi-rotulado en galego... en fin, para quen coñeza a segunda catedral compostelá, dicir que é un pouco máis lustroso dende o punto de vista decorativo, pero a idea vén sendo a mesma.
Así as cousas, e obviando o impacto que no comercio local teñen este tipo de ultramarinos faraónicos, o que realmente me perturba é o bomboyplatillo que dende o Pazo Episcopal da Praza Maior (non confundir co da Praza de Santa María), o sumo sacerdote lle deu a tan magno proxecto e, máis concretamente, ao seu emplazamento e posterior integración na vida dos lugueses e luguesas (ese que son o que máis importa, que fan Lugo entre todos etecé etecé).
Situación: sábado pola tarde, pleno San Froilán e Termas recén abertas, manando euros e xente que da gloria velas. Suprímense, como se dunha fin de semana calquera se tratase, as tres liñas de autobús urbano que chegan ata os confíns dos dominios orozquiles. Así as cousas, un número inxente de propios e estraños acínanse en autobuses que, cunha frecuencia -teórica- dunha hora, deben absorver o trafego producido polo centro comercial en cuestión e mais o centro da cidade, en plenas festas. Para lograr o máis difícil aínda, na avenida Duquesa de Lugo (o nome popular non sairá destas teclas, que un non é un faltón) fórmase un funil de automóbiles no momento en que chegan á zona non desdobrada da mesma (a carón das Termas, a avenida conta con ata tres carriles para un mesmo sentido de circulación).
Ben feitiño este cóctel, atopamos como resultado da mestura un caos circulatorio monumental, nunha tarde na que non se lle pode botar a culpa á chuvia, ao frío ou a que o Miño pasa por Lugo. Quizais vai ser cousa daqueles que inauguraron, pregoaron e pasearon, e punto. Mentres e non, outros que venden los intereses desta, nosa cidade (Orozcus dixit), seguirán predicando no deserto -ou non-.

1 Comentarios:

Blogger FEDERICO dixo...

O problema é que se vai encher de xente e (re)matar ó pequeno comercio de Lugo. E aínda para máis carrallo, teremos que deixar de comer polbo á feira e pasarnos ás hamburguesas. As patacas fritidas serán alúmenos da Terra Cha? Ou tampouco?

9:04 da manhã

 

Enviar um comentário

<< Home