Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, outubro 01, 2005

Confía no vento

A barca de pedra está lustrosa e as bodegas comezan a se encher. O aspirante a contador da vida vai aquí e acolá, colle isto e o outro. Sen perder de vista os aparellos de mando, non sexa que durante os meses no peirao se desaxustasen. O aspirante a contador da vida fai a súa equipaxe cun sorriso no interior; é unha equipaxe de roupas e ilusións, de músicas e momentos inesquecíbeis que, gardados en cadanseu sitio, agardan o momento de recuperaren o seu lexítimo posto na barca. Semella que só resta unha breve singradura de recoñecemento para que chegue o momento en que, coa proa enfileirada cara ao horizonte, o aspirante a contador da vida crebe as amarras e vogue ata que sexa quen de ollar atrás e, fitando para o ronsel, poida gobernar con tino a súa prezada nave. A barca de pedra, e con ela o aspirante, comeza unha viaxe cargada de lirismo, de bicos e apertas... mais tamén hai nas bodegas da barca un espazo para todo o real. En toda singradura hai risco dunha vía de auga, da rotura dun aparello que cómpre arranxar, en toda singradura é necesario coser as redes. Mentres e non, o aspirante a contador da vida confía na forza do vento.