Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

terça-feira, setembro 27, 2005

Momento de vogar

Había moito que o aspirante a contador da vida non ollaba ao mar. O último -quen sabe se derradeiro- treito da súa estancia no peirao pasou devagariño; en moitas ocasións preferiu non ollar ao mar, porque sabía que este o chamaría, sen dúbida, que berraría por el, que o empurraría cara á barca de pedra para vogar lonxe, mais non sen rumbo. Nos últimos días o aspirante a contador da vida sente certa inquedanza, sabe que chegou o momento de lles dar lustre aos remos, de pulir ben a barquiña de pedra e de ir, pouco a pouco, soltando os nos que a amarraron durante os longos días de pantalán. Apenas fican unhas poucas lúas, algunha proba, algún medo interno que deixar atrás... e vogar, vogar ata chegar ao centro do mar de pedra, escoitar os berros da tripulación, botar o aparello á auga, dar mil e unha apertas, dous mil e cento un bicos, e vogar...