Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, agosto 10, 2005

Unha voz

O aspirante a contador da vida prende a emisora de abordo. Pensa que así, anque dende o peirao, poderá estar máis preto do mar de pedra que tanto bota en falta. Téntao unha vez. Silenzo. Outra vez. Silenzo. E outra, e outra máis. O aspirante a contador da vida sente un nó no estómago. Téntao outra vez, e escoita, coma se saíse do máis profundo das ondas da pedra amiga, unha voz que esperta e acariña os ouvidos. Unha verba, e outra, primeiro dubidosa, despois máis fluída. Non vén da pedra esa voz, pero o seu sentimento si naceu na pedra, cando o aspirante a contador da vida apenas coñecía os aparellos do barco. E agora bótaa en falta, moito as máis das veces, moitísimo algunhas outras. Por iso sempre gosta de escoitala, de ser acariñado por ela, e tamén gosta de saber que máis cedo que tarde poderá acariñar os beizos que a modelan antes de nacer.
O aspirante a contador da vida sente de novo un nó no estómago, pero este non manca. Sae da barca de pedra, amarrada no peirao, e senta nun banco do porto. Quita do peto un caderno de bitácora e escribe o que sente. Precísao case tanto coma unha aperta, que terá que agardar un pouco.