Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quinta-feira, agosto 18, 2005

Sobre os vulgaris, a pseudoxente e o mundo tolo

Se vos digo que o mundo está tolo o máis seguro é que non vos estea descubrindo a pólvora, probabelmente nin sequera sexa quen de variar o máis mínimo no voso miolo con semellante afirmación, é algo evidente. Así e todo, cando un se atopa con mostras palpábeis de semellante tolemia, o certo é que é imposíbel non se deter a pensar verbo dela. Vaia por diante que non se trata de cuestións transcendentais para o futuro da humanidade, de Galiza ou sequera destes santos lugares, pero son síntomas dun mal maior.

Examinador vulgaris VI: Como ben escoitamos e vimos non hai aínda tanto, sempre se pode dicir algo máis. Aínda que con dicir aquí que a certos persoeiros ou personaxiños que habitan nos patios traseiros dalgúns vehículos utilitarios abondaría con adicarlles todo o lixo verbal do mundo, non marcharei tranquilo prá cama sen antes facerlles mención. E é que pouco se pode facer cando alguén se empeña en cadrar o círculo, buscarlle os tres pés ao gato ou tentar que dun castiñeiro caian mazás, o que non é, non é, e punto. Pois como o gato dos tres pés ou o círculo cadrado se sentíu un servidor de vostedes e vostedas cando o seu compañeiro de paseos académicos -a razón de 15€ por sesión- lle comunicou que, contra todo pronóstico e tamén contra a lóxica máis elemental, terían que seguir paseando xuntos pola graza dun señor ao que non lle sentou ben que lle interrompesen os feriados. Só me queda o orgullo interno de saber que o que é, é. Mágoa que a teimosía do vulgaris en cuestión sexa eurísticamente (pesetísticamente pola conta vella) tan custosa.

Pseudoxente: Despois do encontro na sexta fase co elemento anteriormente descrito, o que subscribe dirixiuse, nova e clandestinamente, a outras latitudes na procura da prolongación dos aloumiños que tanto precisaba é que felizmente atopou. Na noitiña, e sucumbindo á tentación de visitar a nova catedral vazquiana [véxase aquí valoración que o que subscribe comparte], optamos por unha cea consumista desas de perversión gastronómica, non burquerkiniana nen moito menos, pero é que as racións non merecen tal nome se se toman fora dun Bar, dos de toda-a-vida. Ceados e mantidiños, e dados ao vicio terrenal, fomos a un sitio deses con nome imperativo de diversión -que tan divertido é que ata letras lle faltan- á busca dun reducto no que satisfacer as reminiscencias das paixóns videoxóguicas quen un nunca dá curado de todo. A escea na que entrei en contacto coa pseudoxente perpetrareina aquí para a posteridade de xeito teatralizado, para maior deleite do lector e lectora.

(Entran na sala e Ela saúda a unha coñecida, de escuro pasado. Falan. El agarda ollando distraído cara ás pantallas dos artiluxios que os rodean. De súpeto, un individuo diríxese a el con verbas puco intelixíbeis e el solicita que llas repita. Outro individuo, que resultará ser compañeiro sentimental da coñecida de escuro pasado, observa.)
Individuo: quelemirasalachavala?
El: Eu, que dis?
Individuo: quequelemirasalachavalaquetestoyviendoyo!acercatemeaquí!
El: Pero se eu estou agardando por Ela!
Individuo: quedicesqueyatellevoviendounratoquestásmirandoalachorva
Coñecida: dejalchorvo! (licencia do autor, dado o o inaudíbel da súa reacción)
Individuo2: callaquitienerazón!, quelostoyviendoyoquetestabamirando! kesunsacodemierdaquemetocaloscojones!
El: Pero... pero que dis??
(El e Ela fan mute polo foro. A Coñecida, de escuro pasado e ambos os dous individuos quedan, no mesmo lugar. Eles berran.)
Síntese e moralexa: risco medio-alto do protagonista deste gracioso entremés de rematar hostiado sin-comerlo-ni-beberlo por dous compoñentes do grupo que denominaremos pseudoxente, integrado, basicamente, por individuos que tiveron, ao longo da súa andaina vital, un contacto coas substancias estupefacientes inversamente proporcional ao seu contacto cos libros e outras formas semellantes de cultura humana.

Grazas que igual que non todo o monte é orégao, non todo o mundo son examinadores vulgaris, tolemias e amagos de xente. Tamén hai agarimo, momentos doces, sorrisos que fan que un volva cos ollos e o espírito máis ledos, bos compañeiros que aparecen cando non se espera e aumentan a ledicia dunha tarde deliciosa, amigos de sempre que sempre son amigos... e tamén persoeiras ás que, sen ánimo persecutorio de ningún tipo, un servidor leva vendo, máis ou menos de lonxe todo o vran. Saiba a persoeira en cuestión que este novo episodio da presentatio-interruptus foi por causa de forza maior: presentatio-non-interruptus Vs durmir na rúa por ausencia de transporte. Da próxima non pasa.

[Saiban que os aludidos neste derradeiro parágrafo -os do anterior nunca se achegarían a algo que conlevase ler- son aludidos nel e non no primeiro por culpa dunha proba científica. Quero saber se sodes quen de ler toda a paranoia que me saíu dos nervios até o final. Coido que vai ser mellor ir durmir]

2 Comentarios:

Blogger María dixo...

Repito comentario: ????

Onde se me viu esta vez? Aproveite e preséntese para a próxima, porque a seguinte vou ter saír de incógnito, con gafas de sol e perruca rollo ugio, e aí si que non me vai recoñecer nin dios. :P

2:55 da manhã

 
Blogger O'Xirarei dixo...

Explícome sen recursos literarios :P. Estivemos dando unha breve voltiña polas Viñetas dende o Atlántico e vostede foi vista diante dunha caseta duns polacos, creo lembrar, nun momento de présa bastante ampla, no que tiven que elixir entre saír do anonimato ou que quen me tiña que traer de volta á casa me deixase en terra. E non é que me disgusten as rúas coruñesas, pero tanto como para durmir nelas.. hehehe. Da próxima (que a haberá, porque se está convertendo nun costume isto de atoparte polos saraos da vida social esta) non pasa! -Non descartes o rollito Ugío, que en canto fundemos a primeira revista cardíaca galega, serás un obxectivo, seguro-.

2:59 da tarde

 

Enviar um comentário

<< Home