Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

segunda-feira, agosto 22, 2005

O aspirante segue a agardar

Xa había moito que non tiña novas do aspirante a contador da vida, ou polo menos había moito tempo que el non me instaba a recolleitar algunha das súas experiencias no peirao e plasmalas nunhas liñas virtuais. O aspirante a contador da vida leva un tempo no peirao, dando voltas e escapando de cando en vez para ver o mar dende dentro, dende onde a el sempre lle gustou. O aspirante sempre foi máis de estar entre bastidores que na platea, pois isto é o mesmo. O mar visto dende o peirao, non é mar de todo. Precisamente por iso ás veces, cando non o ve ninguén, lánzase á auga dende onde a barquiña de pedra está amarrada. Móllase, mergúllase, e mesmo dá algunhas brazadas aquí e acolá. Mais non tarda moito en ter que subir ao pantalán, para que non o boten en falta no peirao. Son tan doces e á vez tan efémeros eses encontros co mar... O aspirante a contador da vida disponse a coller a barca de pedra para limpala e sacala a pasear por algunha zona na que nunca estivo, serán tres días e dúas noites de singradura, rumbo nor-noroeste. No estará só, agora non, o aspirante a contador da vida. Será unha breve singradura na que arrivará en porto alleo e tentará esquecer, aínda que somentes sexa por unhas horas, as desventuras de outrora e a ferruxe dos bancos do peirao. Tamén as longas noites de lúas solitarias.