Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quinta-feira, agosto 04, 2005

Dúas xornadas que souberon a gloria

Volta o aspirante a contador da vida de dúas xornadas deliciosamente xuntas, tan xuntas que se mesturaron nunha soa. Enganando aos mariñeiros que levan toda a vida na taberna do porto, comunicándolle só a algúns a súa verdadeira intención, amañou unha chalana e, anunciando que marchaba ao mar de pedra, bogou máis ao norte. E alí estaba, o mesmo mar, mais estraño, por veces semellaba alleo. Mais agora non era tan importante o mar como a outra barquiña que avanzaba polo horizonte. Cada vez máis preto ata fundírense nunha aperta infinda. Non chorou de emoción o aspirante a contador da vida, hai ocasións nas que o agarimo só permite termar do sorriso e soltalo para que os beizos falen sen verbas, como a eles sempre lles gustou. Pasou a noite o aspirante nun ceo con bandeiras que non sempre resulta doado ollar, mais con estrelas sorrintes dabondo como para querer regresar alí agora. Non pode ser. Así e todo, a mágoa por non poder ter alongado máis a singradura fica nun segundo plano por ter unha boa sensación, porque o corazón do aspirante recobrou o ritmo para afrontar uns días nos que non haberá posibilidade de bogar tan ao norte. Regresa o aspirante ao peirao e a radio da pequena barca soa cando xa é noite. Dúas xornadas que souberon a gloria.