Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sexta-feira, agosto 12, 2005

Conxunto de notas mentais do día

Hai períodos de 24 horas que conteñen moitos días, e coido que o de hoxe foi un deles. Se tomamos coma incio do día as 00:00, comecei nun deses reductos que vive e sobrevive neste santo sitio facendo que a muralla e o seu entorno non fiquen na historia coma un ermo cultural. Foi un espectáculo de Palimoco, Palimocadas, moi recomendábel; xente nova facendo rir, e en galego ademais. Podería extraer moitas cousas deste espectáculo, pero para mostra, isto: Winnie the Pooh + José Manuel Parada = Orozco
Cheguei á miña morada ancestral a iso das dúas. Seis horas máis tarde xa estaba en pé para me dirixir á estación das carrilanas. Collín a carrilana maior rumbo á casa sentimental -no máis amplo sentido do termo-, cultural e tamén mental. Lucensidade transportista, non é que os señores da Freire vaian parando en todo canto sitio hai, non, a cuestión é que son quen de parar botar un cigarro en Melide durante dez minutos, pero incapaces de parar cando hai alguén agardando un bus. E cando ese alguén é importante para un servidor, un servidor aumenta a súa carraxe conxénita cara á árbore xenealóxica de Freire, S.L. Pero sobre disto xa me estenderei, mesmo alén destas liñas.
Despois. Reencontro fugaz, sesión preparatoria diante do que agardo que sexa o meu derradeiro encontro co examinador vulgaris, e mediodía e tarde intensos, que escaparon sen os ver como a auga entre as mans. Soubo ben, máis soubo a moi pouco. Un, que está feito dunha pasta máis ben sensíbel para según que cousas, nunca se remata de acostumar a según que outras.