Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

terça-feira, julho 12, 2005

Somos máis fortes ca un calendario

Comezando unha segunda fase da readaptación ao espazo no que vivira a liña vital que agonía e continúa agoniando, todo se ve dun xeito máis... tanxíbel. Volvín da fin de semana de tenda de campaña, vento, mar, licor de herbas e música e tamén de loita coas rivais oculares (1-2, gañan), de bicos sinceros e apertas que teñen que durar máis do habitual. Volvín e atopeime coa realidade que hai semana e pico aínda era difusa, inconsciente, unha realidade imposta, procurada e mesmo aceptada de bo grao noutrora e que agora agrede á liña vital á que quero alimentar. Mirei pola fiestra, berrei un pouco coa representación física e sentimental da liña vital que agonía ou revive, segundo se mire e tomei contacto, de novo, coa porta de enlace cunha das partes fundamentais da que é, hoxendía, a liña vital procurada e coidada. Escoitei ao outro lado unha voz triste de máis, sentín de súpeto a mágoa que cubríu a inconsciencia dos primeiros días.
E volvín ao peirao de hai dous días (semellan máis aquí dentro), e ao meu encontro coas rivais oculares. Tes razón, non é para tanto. Mais é un pouco peor do que supuñamos que era esa noite. Non pasa nada. O nó do estómago volveume visitar, con intensidade controlada, destavolta. Adaptarémonos, procuraremos o xeito de facelo. Visitaranme as rivais oculares e o ouvido fará as veces de ollos nalgunha que outra noite fronte á fiestra na que quixera ter ás, que con ás os quilómetros son metros, e as apertas saben mellor cando se desexan, mais non se agardan. Imos aló, somos máis fortes ca un calendario.