Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quinta-feira, julho 21, 2005

Rumbo á breve e leda singradura

O aspirante a contador da vida está a ultimar a equipaxe para cargala na barca de pedra, disposto a aproveitar todo o que poida unha singradura de catro lúas e cinco días que se anuncia cargada de bandeiras e de estrelas, de bicos e de apertas, de caras ledas e algunha bágoa tamén. Será unha singradura compartida, como din algúns trobadores, de "vellos compañeiros e namorados". E é que o mar de pedra se dispón a acoller aos seus fillos pródigos calmo coma hai moito que non o vemos, resplandecente polo sol do verán, cun peirao aberto a que cheguen as barcas de pedra dos mares próximos. O aspirante a contador da vida empregou hoxe a radio de a bordo para confirmar o encontro. Ten gañas, moitas gañas. Comentouno mil millóns de veces con algún mariñeiro que entende desta caste de singraduras coma el propio. Sempre é reconfortante saber que outros senten o mesmo.
Collerá mañá a barca de pedra paseniño, pola mañanciña, e sen facer moito ruído tentará chegar a bo porto. Unha vez no mar de pedra, o aspirante a contador da vida pechará os ollos e, por un momento, tentará esquecer o vello peirao e, no seu maxín, terá chegado ao inicio da singradura de verdade. E verase en plena faena, cos apeiros da pesca a un lado e boa compaña ao outro. Toda a tripulación mercullada até o pescozo no mar de pedra, sen medo, cun sorriso tan grande como a illa da Quintana dos vivos. E procurará o bico e a aperta, e atoparaos. Iso é o máis grande. Moitos amores xuntos e poder gozar deles coa tranquilidade de quen se sabe no lugar no que debe estar.