Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

domingo, julho 31, 2005

Primeiro Portomarín...

Non sei se, como xa din algúns rumorosos da rede, algo está a cambiar na TVG -aparte da súa web, non apta para epilépticos-. Pero a verdade é que acabo de quedar sorprendido. Despois dun anaco no que estiven poñendo en práctica a en min pouco habitual -agás nestas datas estrañas- de sentar diante do televisor, entretívenme cun episodio de Libro de Familia, a serie da Galega gravada en Melide e que se ambienta nunha vila durante o franquismo. Pois ben, nesta serie, hoxe o alcalde facía negocio dándolle todas as facilidades a unha empresa alemana que quere montar unha mina na vila, na que se descubríu un xacemento mineral con moitos cartos de por medio. Para construír a mina, é necesario expropiar os terreos dunha chea de labregos, que son avisados con apenas vintecatro horas de antelación para abandonar as súas propiedades, polo que se lles impide recoller as colleitas e mais darlle avío ao gando. Os labregos, liderados por un dos veciños, concéntranse, coas mulleres da vila á fronte, diante das máquinas, mentres a Garda Civil tenta, turrando contra eles, abrir paso á expropiación forzosa. Non vos lembra a nada?