Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, julho 06, 2005

Inconsciencia

Inconsciente. Así é como se sente ás veces o aspirante a contador da vida. Unha vez que chega ao porto de orixe, alí onde, nalgún momento, comezou a andaina que o levou a bogar durante infindos días e noites inmensas ao longo do mar de pedra, síntese inconsciente, desconcertado, sen rematar de percibir todo o que acontece ao seu redor. Quizais é froito desa inconsciencia a sensación de transitoriedade que o envolve todo estes días. Comezou o aspirante a contador da vida baixando os aparellos da barca de pedra despois de deixala ben amarrada, colocándoos no peirao até que comezase a nova singradura. Así e todo, algún dos aparellos de faena quedou por aí bailando, probabelmente dun xeito intencionado, é algo máis ca probábel. E é que non hai peor descanso que aquel que non se desexa de todo.
Ás veces o aspirante a contador da vida senta na ribeira e aínda pode, de lonxe, ver o mar de pedra. E o aspirante lémbrase do momento en que ollou o seu planetiña dentro do mar de pedra e o viu tal e como o atopara, hai xa moito. Así de baleiro, a voz rebotaba nos muros e volvía cara a el, se cadra a xeito de derradeira petición de prórroga. O seu planetiña tamén o botaría de menos, tamén os botaría de menos, aos dous. O aspirante a contador da vida agradeceu non pasar só o trago. Mais hai cousas que non chegan á consciencia até que un non se atopa só, consigo mesmo, e mantén un diálogo interno.
-Isto é o que hai - pensa o aspirante - as peores singraduras son as que che tocan para seren feitas a contragusto, con pequenos recesos para coller folgos e seguir bogando contracorrente. Á fin e ao cabo, todas as singraduras, as peores, rematan. E chega o momento en deixar esta chalana morriñenta e darlle o lustre dos días grandes á barca de pedra para que, garrida, chegue ao medio e medio do mar de pedra e se reencontre coas súas irmás.