Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quinta-feira, julho 28, 2005

Hoxe non hai lúa

Non hai peor que atopar a materialización do rutineiro, poder e non poder fuxir. Podería, agora mesmo, ou máis cedo que tarde, así coma toco cada noite unha sinfonía de letras diante da miña fiestra ao futuro, non ollar atras, simplemente rachar, dicir que xa abonda, que isto non é así. Mais chega a reflexión, a calma -ou non-, e a corda segue a se tensar.
E falo por teléfono e lamento non me poder colar por ese buraquiño polo que penetra a voz e voar, coma ela, polas ondas do ar e saír ao outro lado, e ser recibido por uns cálidos brazos, por unha aperta infinda que me acubillase á vez que escoito un besbexo de calma ledicia.
E premo o botón vermello, e ollo cara ao outro lado, e, despois duns minutos de convivencia doméstica-ficción, decátome de cal é -ou se cadra de cal non é- o meu lugar. Devaneos da idade, cavilacións contaminadas por unha sobredose de saudade ou clarividencia cara ao futuro?
Miro pola ventana. Hoxe non hai lúa, se cadra para que non teña a oportunidade de lamentar non poderte convidar a bailar nela agora mesmo, sen temor a caer dela.