Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quinta-feira, julho 14, 2005

Falsos, falsísimos.

Unha lucensite moi grave de transportes. Érase que se era un ousado que tentou coller o tren alí onde a infraestrutura máis coidada -e coido que tamén máis eficiente e útil- é unha muralla con máis de 1700 anos de antigüidade -algo antes de Don Manuel-. Ben, vou á web da Renfe e confirmo o que xa sabía. Se quero ir á Coruña en tren (eufemismo de carrilana, neste caso) teño que marchar ás nove ou ás dez da mañá, tardando, como é lóxico nestes tempos de aves, PEIT's e grandilocuencias, as dúas horas de rigor nunha viaxe que por autoestrada dura unha hora aproximadamente. Despois disto, como é natural, terei que apurar a facer todo o que teña previsto antes das seis e media da tarde, hora da última carrilana de regreso. Menos mal que non me deu por tentar ir a Santiago, porque sen vía ía ser un pouco menos doado. Iso si, ao chegar á web da Renfe puiden consultar o despregamento dunha campaña publicitaria estupenda que ten por lema "Estamos donde tú estás para llevarte donde tú quieras llegar. Vamos al futuro, ¿subes?" Pois eu estou aquí e só me levades a algúns dos sitios aos que quero ir e para iso tarde, mal e arrastrando. Agardemos que o futuro non quede moi lonxe, porque senón non vou vivir para poder chegar a velo. Falsos, carallo, falsos.