Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

terça-feira, julho 19, 2005

Conversando no peirao

Continúa a barca de pedra ancorada. Mentres e non, o aspirante a contador da vida trata de ir facendo vida no peirao o mellor que pode, ata que chegue, coma ben dixeron certos trobadores o día de ir a unha "Compostela en flor". Agarda o aspirante uns días mellor ca outros. Ás veces atopa a outros mariñeiros, cuxas barcas están tamén ancoradas canda á súa propia, e falan da vida, das singraduras, do mar, das illas, dos ollos, das apertas, do peirao e das barcas. O aspirante a contador da vida vive ás veces cun nó no estómago. Aborrece non saber o que está a pasar alén mar, por onde se moven as ondas que non move o aire nin as correntes, senón o latexar do corazón. "Xa falta menos", pensa. De súpeto, a emisora da barca ancorada emite unha mensaxe. "Tranquilo", pensa o aspirante, "é verdade que xa falta menos". Agardará por ese momento paseando, conversando, tentando vivir nun porto que xa non está feito para el, xa non.