Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sexta-feira, julho 01, 2005

A barca de pedra xa tocou o peirao

A barca de pedra xa tocou o peirao. Foi unha sensación diferente á da fin de anteriores singraduras. Non é, sen dúbida, a tristura da primeira vez que a barquiña tivo que abandonar o mar pétreo para se ancorar no porto, por veces ruinoso, durante un tempo longamente, tristemente temido. Así e todo, o aspirante a contador da vida non pode evitar botar unha penúltima ollada ao mar, tamén de pedra, que é xa a súa casa. O porto xa non é para el. Hai algo máis triste para un mariñeiro, por moi inexperto que sexa, que ter que ficar no porto? O aspirante a contador da vida é xa un mariñeiro dese, o xa seu mar de pedra. E quere mergullarse nel, e ficar durmido mentres o abanean as ondas de xente, e espertar coa brisa mariña dun bico que saiba mellor ca nunca. O aspirante sairá, nunha última -que non derradeira- viaxe, para rematar de recoller o aparello. Agardará, un pouquiño, ata que o ceo se cubra de estreleiras, para volver á praia e dicirlle ao mar de pedra que agarde, que non marche, que o quere demasiado como para non voltar.
O aspirante garda ese bico, que soubo a groria, esa aperta, tan sincera como as ondas do mar de pedra. Se cadra, agora, mellor que noutras singraduras, sabe que só ten que agardar un pouquiño, darlle lustre á súa barquiña, mirar atento os instrumentos de navegación para non perder o rumbo e confiar, confiar nas estrelas que tamén guían, nas lúas compartidas, nos bicos que perduran. O aspirante a contador da vida non pode evitar unha bágoa, ou dúas, ou tres. Son bágoas que non doen ao esvarar. Son bágoas que alimentan o mar de pedra.