Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, junho 29, 2005

A barca de pedra prepárase para soltar áncoras

Así, coma quen non vai querendo a cousa, entre calores e fríos, entre agobios e ledicias, chegou o verán. Aquí comezou hoxe, nun día anubrado e nun país bastante distinto. Cantos costumes terá que cambiar en pouco tempo o aspirante a contador da vida... a partir de hoxe non terá que se obrigar a labrar o seu futo a colpe de cóbado e taboleiro. Botará de menos a aperta e o bico, que aínda que disque voltarán no outono, fan difícil as ausencias, aínda que teñan data de caducidade. Non, non está acostumado o aspirante a contador de vida a grandes cambios. A el gústalle o seu recuncho de planeta, que deixará de existir coma tal ata que o San Froilán chame á porta, con cheiro a churros e a coiro dos bolsos barateiros. Deixará de existir o planetiña, mais ficarán as sensacións, o arrecendo. Sempre pode pechar os ollos... e volver. Agora que dende a barca de pedra xa se ve o peirao e hai que ir botando a áncora, o aspirante a contador da vida diralle ao primeiro que atope ao pór o pé en terra: impórtache botarlle unha ollada á miña barca? é aquela de pedra, é que probabemente non tarde moito en vir por aquí e darlle algo de uso. A última vez que a ancorou custoulle un pouquiño desanudar o cordel da áncora, e non quere que lle volva pasar.
Así as cousas, o aspirante a contador da vida non se sinte mal de todo, malia aos cambios. Non todos son malos, por outra parte. Aínda que os resultados na factoría de contadores non sexan óptimos, aínda que o bico e a aperta fiquen ollando para a barca de pedra ata dentro duns días que semellan meses. Aída que o planetiña vaia deixar de existir e sexa o propio aspirante quen lle teña que dar o golpe de graza, obrigado polos da fábrica de ideas, que non entenden moito de bicos, de apertas nin de barcas de pedra.
Mais aínda non chegamos ao peirao. Aínda que xa se ve preto a lonxa, que está bastante ruinosa, e o barrio do porto (que non d'O Porto, oxalá fose) se mostra perante os ollos do aspirante abafante e cansino, aínda podemos coller a radio de onda curta e escoitar que xa non se fala dos de sempre e que esa brisa mariña tan agradábel que comezou a soprar hai semana e pico semella que vai a máis. Se cadra poderemos apagar o motor e estender as velas, para chegar maxestuosos ao pantalán. Isto merece unha festa co resto da tripulación. O aspirante non se sinte mal, se non fose por ese nó no estómago...