Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

terça-feira, maio 31, 2005

Que ben se pasa na fin de semana...

Como ben sabedes os que aínda aturades estas liñas, a min apaixóanme especialmente todas as friquiadas deste, noso país. Sen dúbida, esta pasada fin de semana puidemos asistir a dous actos que, pola súa natureza, fuxen da miña afección friqui para asustarme en gran medida. Comezou a fin de semana co asasinato masivo de centos de bonitos, zamburiñas -e porcos, probabelmente- para encher trinta mil racións de empanadas. Meus pobres, arrincados do seu medio natural para rematar devorados polas lexións de Don Manuel que, baixo os seus sombreiros de palla, tan falsos coma eles mesmos (non ía sol, pero que máis dá), aplaudiron a rabear mentres o presidente eterno dicía que nunca meteu a man en non sei que sitio e se erixía, nunha vez máis, no don Pelayo patrio. Un espectáculo que, se non triste, tería a súa graza e todo. Mariano facendo campaña por Don Manuel pola conta que lle trae, Acebes sorrindo, Baltar fillo e Baltar pai tocando o trombón e sorrindo tamén. Todos sorrindo. Todo riquísimo.
E chegou o domingo, día santo. Nesa xornada, o exército español decidiu pasear ao abeiro dos dominios de El Paco, de LaCuruña e desfilaron ao pé da bandeira "que refuerza el compromiso de LaCuruña con la España democrática", e doña Leti xogou fóra da casa para a ocasión, e as señoras foron ver aos lexionarios e aos coroneis e a toda esa raza. Mentres, a xente que se espuxo a levar unhas palmadiñas amistosas nas costas por parte da Policía "Nacional" protestaba contra aqueles que se "moven" pola paz. Eu tamén "móvome". Manda carallo. Por certo, en La Voz "de Galicia" só lle adicaron unha columniña as protestas contra o desfile. Total, para que, los radicalillos que no están contentos con nada.