Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, maio 07, 2005

Portuensidades

Portugal é o que ten. E Porto aínda máis. É unha cidade desas que son para mirar e patear as súas rúas sen présa, desas nas que presta entrar nun ultramarinos e descubrir que a señora era inimiga acérrima de Salazar e de Franco na época. Porto permitiume, por uns días, vivir nunha caste de burbulla -crebada de cando en vez en contactos tan pouco etéreos coma os meus co caixeiro automático- na qué é interesante mergullarse de cando en vez. Coñecer e coñecerse é moi saudábel sempre que hai un anaco. Mágoa que non todo o mundo decidise facer a paréntese... despois volves e mesmo hai a quen lle gustaría que te sentises un chisco culpábel de ter tentado gozar uns días, neste caso co encanto da nación irmá.
Así e todo, ao Porto tamén lles deixan ir aos españolitos radicaletes, o cal dá lugar a esceas tan desabradábeis como a vivida nun característico funicular portugués no que, despois de soltar catro gargalladas che din "como se nota que sois españoles", ao que respostamos "somos galegos", ao que a señora en cuestión, reconvertida nunha caste de Don Pelayo -y cierra España- rebatiu: "aunque no queráis, siempre seréis españoles" ao que apostillou "aún van a ser del Bloque. Estos quieren ser como los catalanes y los vascos". Foi estupendo, unhas risas criminais.