Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sexta-feira, maio 20, 2005

Non é nada doado...

Non é doado convivir co temor aos atardeceres infindos, ás noites de calor abafante, ás mañás de sol radiante e aos meses de desocupación das tarefas cotiás. Non é, realmente, nada doado, vencellar á tristura eses días nos que todo brila e o azul do ceo contaxia a todo o que vemos. É complicado comprender como pode ser posíbel que a fin dos mares de folios e a posibilidade de gardar nun caixón o reloxo poida producir semellante sensación de non querer pasar a folla do almanaque, de ficar aquí, parado, ou se cadra de dar un brinco que me leve alén deses días tan desexados por moitos, deses días nos que todo soa a troula, sol e ledicia colectiva. Non é, en definitiva, moi explicábel á maioría, o desexo de ir atrás e adiante neses meses en que unha liña vitar fica aparcada para deixar vivir á que máis o traballa, o merece, ou lle interesa. Non é nada doado.
Ás veces o estrés é quen de solapar os sentimentos. Mágoa ou sorte, non sei, que cando marcha o estrés todo o de debaixo permaneza intacto.