Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, abril 20, 2005

Compartindo sabedoría popular

Desexaría compartir con todos e todas vós dende esta, a miña nova terminal de acceso ás redes de alienación cibernética, un artigo de opinión de autor máis ou menos coñecido por min:

Pancartas que viaxan en coche oficial
Seica cada un fala da feira segundo lle vai nela. Des que Fraga Iribarne comezou o seu proceso de autotransformación ata chegar a ser Don Manuel, ese avó sacrificado que vela polos intereses da comunidade galega ata que Deus e o Apóstolo o permitan, foron moitos os cambios que tivo que asumir. O ministro de Información e Turismo franquista, O León de Vilalba, decidiu pasar os seus últimos días ao abeiro de San Caetano sustentado por toda a paisanada, e é que o galego de ben é o suficientemente espelido como para saber que como con Don Manuel, con ninguén. Así e todo, e vaia por diante que ao que subscribe xa pouco lle pode sorprender da figura do Presidente da Xunta de Galicia, do Xacobeo, do Luar e do Supermartes, resulta sorprendente que o que nos administra e goberna colla o caxato de mando e incite á algarada popular. É posíbel que os que sempre confiaron nos homes de orde de toda la vida estean escandalizados ao observaren que un dos máximos adalides da España grande y libre esqueza os “dos cañonazos y punto” e o ordeno y mando para coller a pancarta, coma un melenudo calquera. De calquera xeito, deberemos comprender a indignación do que noutrora obviaba a Galiza coma protagonista no proceso autonómico –xa non falemos de nacións- e pouco ou nada tiraba pola súa patria chica. A Don Manuel non lle queda outra que poñer o berro no ceo diante da aldraxe socialista que, apoiada polos separatistas e ateos, impide botar uns cantos camións máis de piche sobre as autoestradas galegas para dotarnos de centos de quilómetros de progreso, que nos leven a cento vinte por hora rumbo ao terceiro milenio.
Quen asina dubida sobremaneira que Don Manuel colla o megáfono e a pancarta e nos cite calquera domingo á saída da misa na Alameda compostelá para irlles berrar aos de zetapé que con Galiza non se xoga, que queremos o AVE ata o Obradoiro e que con Aznar todos os días facía bo tempo. Mais, se temos en conta que outubro está máis que preto e que é posíbel que nesa altura se dea, por primeira vez en lustros, o fenómeno –comparábel a un aliñamento planetario ou cousa semellante- de que non abonde coa propaganda a esgalla, o retoque fotográfico na pegada de carteis e un quítame allá ese voto emigrante para sustentar aos de sempre no poder xunteiro, as mentes peor pensantes do país poderemos comprender o porqué da chamada ás barricadas por parte do que hai un tempo afirmaba que os que berraban na rúa, os do non, estaban “batasunizando” Galiza. Raras veces as pancartas viaxan dobradiñas nun coche oficial.