Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sábado, março 12, 2005

Un home bo

Hoxe estiven na homenaxe a unha boa persoa, a un home deses que era bo por defición, deses que pasan polo mundo sen facer ruído. Non é un tópico. Hoxe asistín á homenaxe a un home que marchou demasiado cedo, á homenaxe dun sindicalista, dun político, pero, sobre todo, dun home íntegro e bo. Cando o coñecín a miña idade somentes tiña unha cifra; ese home de barbas, amigo da miña nai, sempre tiña unha atención para min, igual que para todos os fillos de todos os seus amigos, que son moitos. "Qué tal, campeón?", dicíame co seu acento de lugués de toda a vida nado en Asturias. Foi este un acto de homenaxe por alguén que deu moito, que se deu moito. Non é esta unha cidade propicia para os revolucionarios. E el foi un deses, un deses revolucionarios que é quen de rebater ideas sen unha mala palabra, de argumentar con sentido sen descalificar aos seus contrarios. Moitos deses, dos seus contrarios ideolóxicos, estaban hoxe alí, con el, coa súa familia, coma todos nós. Cando eu comecei a ter consciencia política de meu, non concordaba cos moitos dos seus postulados e os da organización á que deu vida en Lugo, pero sempre o admirei.
Agora marchaches, deixas un baleiro moi difícil de encher. Nun mundo necesitado de persoas e ideais e de de persoas coma ideais, pero, sobre todo, de bos e xenerosos coma ti. Grazas por todo o que fixeches por todos, e ata sempre, compañeiro -permíteme esta confianza-, ata sempre, campión!.