Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, março 23, 2005

Os dous fíos da miña vida (pode haber máis)

Coido que levo demasiados días escribindo a xeito dun pseudoanalista máis ou menos intelectualoide ou graciosiño da actualidade, e iso non pode ser de todo bo se se fai en exclusiva. Un weblog, ou blog, é, nun principio, o diario persoal dun animal máis ou menos informatizado coma min, así que penso que os que aínda seguides a visitar este espazo merecedes algo máis... non sei, chámemoslle substancioso.

Un dos principais problemas que se nos presentan na nosa vida rutineira a aqueles que vivimos semi-emancipados, ou o que é o mesmo, a aqueles que vivimos de luns a venres e de outubro a xullo pola nosa conta -subvencionados polo estado ou no seu defecto pola familia- son as vacacións. O mal menor son os festivos, seguidos do Entroido, a Semana Santa e o Nadal, para rematar coa apoteose do verán, que está por chegar. A verdade é que este ano, cos meus máis e os meus menos, levei con bastante dignidade estes episodios de aterraxe forzosa na miña realidade cotiá de hai dous anos -que é o que vén sendo unha estancia prolongada por estes lares en gran parte das ocasións. Non digo isto da aterraxe nun ton despectivo, nin moito menos, pero é o que é. Aquí a vida, a realidade, o fío condutor de todo o cotián seguiu un desenvolvemento loxicamente liñal, desenvolvemento do que eu me abstraín o 1 de outubro do 2003 e ao que fun tecendo, con maior ou menor fortuna, outro fío paralelo co que se cruza en raras ocasións. Conclusión: o novo fío cada vez ten máis frebas que o substenten, algunhas parten dos miolos, outras do corazón, outras do acomodamento físico e vai ti saber que máis. O certo é que, non sempre, pero si en bastantes ocasións, non é doado voltar ao fío antigo. Se cadra o novo tenme que acompañar moito máis tempo, ou se cadra non, quen sabe...