Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

segunda-feira, março 28, 2005

O meu sentimentalismo reflexivo

Boas e Santas. Xa falei ao comezo destas festas, ou polo menos pensei en falar disto, da miña idea de que a xente só celebre algo nos días que teña algo que celebrar, véxase Nadal e Semana Santa ou cousas semellantes, así que non me estenderei sobre o tema.
Estes días estiven pola provincia de Ourense desenvolvendo actividades que poucos ou mesmo ningún dos que aínda ledes isto fixestes nunca. Os que me coñecedes sabedes máis ou menos cales son, recoméndovolas. Nunca estivera tan preto do interior desa parte da espiritualidade do país, que é tan Galiza como as aulas da Universidade ou os tugurios composteláns polos que ranceamos de cando en vez. Iso tamén é noso, e tamén somos nós.
A verdade é que estes días fixeron que reflexionase sobre certas cousas da miña vida diaria, nunca está de máis. Probabelmente non aproveitei ao cento por cento todo o que fixen dende o mércores, que marchei, ata hai unhas horas que voltei á miña casa de fin de semana -a luguesa-de-toda-la-vida-, mais agora, reflexionando un pouco, penso que o vivido foi, en xeral, positivo e digno de revisar. O malo é que en ocasións a mente está ocupada nos universos virtuais nos que vive por un tempo e, ao voltar á vida diaria e comparar hai cousas que che gustaría mover, que che gustaría que continuasen sendo ideais e ás veces non pode ser. Teño unha proposta: que os científicos da NASA, da ESA e de todas esas cousas deixen de invertir esforzos en baleiro e fagan algo útil, tal como un trebello que nos permitise facer realidade aquilo de "Que pasaría se eu fixera...". Poñamos por caso, eu quero tomar esta ou outra decisión e antes de facelo comprobo o que pasaría se tomase a que teño pensado rexeitar. A vida perdería gran parte de graza pero nalgún momento sería estupendísimo-de-la-muerte, sen dúbida ningunha.
Non me fagades moito caso, como poderedes comprobar tanta chuvia en tan poucos días filtroume cara aos miolos e faime devanar os sesos en exceso. Non me gusta cuestionarme certas cousas, pero ás veces coido que é inevitábel. Non sempre para trocar demasiado, pero si para seguir adiante cos conceptos claros. Un é o que é, e non é máis. Precisamente por iso é necesario cuestionarse todo. O meu sentimentalismo reflexivo vai rematar comigo, téñoo claro. Certo individuo profetizou o meu futuro como intelectualillo raro e medio taladrado. Sinto decir que estes días subín un chanzo máis para alcanzar esa meta, non sei se será bo de todo pero en fin, ninguén é perfecto.