Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, fevereiro 09, 2005

Sinto a desorde de ideas, estou estudando...

Realmente, en certas cuestións son un privilexiado -alén do evidente, de nacer onde nacín e que o propio feito conleve comer todos os días-. Pregúntome que tería sido dos meus miolos se en lugar de estudar o que estou estudando e alí onde o estou facendo me tivera deixado levar por certos cantos de serea estatal e agora estivese sendo un proxecto de comunicador españolito. Miña nai querida... O certo é que a época de exámenes é propia para a reflexión, xa volo teño comentado nalgunha ocasión. Pero igual de certo é que rara vez as reflexións xeradas diante do tocho máis ou menos voluminoso de apuntamentos ten algo que ver co que neles está escrito. Neste caso si. Se alguén -galego ou galega, principalmente- que pase pola materia que agora mesmo teño entre mans non remata o cuadrimestre coa conciencia algo removida, ou é xordo/a ou algo peor. E mira que as cuestións económicas nunca espertaron en min paixóns incontrolábeis. Pero isto dá que pensar. Este país está mal e o mesmo o podes dicir nun antro cando os radicales nos ranciamos todos que nunha aula universitaria. E o malo é que gran parte dos males deste país teñen nomes e apelidos. Unha mágoa.
Atrasos económicos, redes clientelares e finanzamentos públicos aparte. A verdade é que esta cabeciña -bueno, o de dentro- que Deus me deu non deixa de xerar cousiñas ás que se algún día lles atopo utilidade ata producirían beneficios. Teorías varias: como é que o ser humano contemporáneo, nomeadamente de raza masculina, é quen de precisar tanto de alguén: o mesmo para as súas necesidades de interrelación persoal máis, digamos... primarias como para outras máis intelectualmente elevadas. Non sei se proporvos un concurso de ideas e posíbeis respostas. Non habería premio para o gañador ou gañadora, bastante premio é ter a resposta.
Outra cousa: recibín un correo destes nos que hai un cento e pico de preguntas parvas sobre ti mesmo que tes que respostar e enviar aos demais para que saiban algo máis sobre a túa persoa. Estaba cuberto por alguén que ten un oco importante por estes lares sentimentaloides. Outrora tiña ocupaba un espazo e agora ocupa outro, pero ten praza fixa, aínda que varíe a posición. Fíxome ilusión.