Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

sexta-feira, fevereiro 25, 2005

Máis da caverna e outros

Xa teño falado algunha vez do concepto de "Caverna española", acuñado por alguén que sen dúbida ten máis autoridade moral e intelectual ca min e indiscutibelmente acaído para definir a determinado tipo de persoeiros e personaxes. Don Manuel, esa fonte inagotábel de rexoubas e caralladas diversas -cantos de vós non cantastes aquilo de "Esta noite morre don Manuel, morre don Manuel"??- foi a Madrid, alí onde se sente máis ancho que longo, para soltar outra vez sus cositas sobre El Bipartidismo, ou o que é o mesmo, subir o chanzo que ZP e Rajoy, que son os líderes de turno na Villa y Corte -das vacas?- non foron quen de subir cando escenificaron o pacto por la sacrosanta unidad de la Patria. Gustaríalle que desaparecese o BNG. Vaia novidade.
Noutra orde de cousas, hoxe pasou polas miñas mans El Jueves desta semana e por primeira vez vin nesta revista humorística algo vencellado á política galega. Na tira cómica de "Bono, Pepe Bono", aparece Xosé Manuel Beiras "Presidente del Concello Nacional del BNG" todo indignado pola nova que a todos nos conmoveu esta semana: a celebración do desfile das Forzas Armadas españolas en LaCuruña de El Paco (que non n'A Coruña). A verdade é que non me lembro moi ben como era a coña -se podo, reproducirei a viñeta tal cal-, pero a cuestión é que se comparaba a desgraza en cuestión co afundimento e consecuencias do Prestige. Bueno... non sei que vos diga. Pero ademais do chiste en si, molestoume que se poña a Beiras á mesma altura de personajillos coma Bono e outros. A Deus grazas, non hai color.