Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quarta-feira, fevereiro 23, 2005

Examinador vulgaris

O examinador vulgar ou vulgaris, esa é a cuestión. O examinador de conducir -galego- é unha raza eminentemente falsa, xa sexa por vocación ou por natureza de seu, que habita na parte traseira, por tras do copiloto, máis concretamente, dos automóbiles dispostos polas autoescolas a tal efecto. O seu idioma é o español na súa variedade máis complexa, o que o obriga a incluír os tempos compostos na súa fala, mais o seu acento non difire moito do de D.Francisco Vázquez (El Paco, de LaCuruña). Cando tenta levar as súas verbas cara á lingua vernácula, faino con dificultade e serios problemas de tipo gramatical e léxico. A súa mente é máis ben básica des que deixou a oficina da delegación da DGT correspondente e cambiou o bolígrafo Bic e a Olivetti polo asento traseiro dun coche -por aquela altura, moito máis incómodos que na actualidade, sen aire acondicionado, elevalunas eléctricos e peche centralizado de serie en toda la gama. Dende hai, cando menos, vinte ou trinta anos -a maior parte dos individuos cobraron xa do estado dirixido por un personaxe de apenas un metro cincuenta de altura procedente da comarca de Ferrolterra- o seu vocabulario redúcese a "izquierda" "derecha" "cambio de sentido de la marcha" "aparque" "que venga otro" e fórmulas léxicas semellantes, o que fai que se comunique con dificultade con aqueles que non forman parte da súa propia manada. En síntese, é esta unha especie peligrosa e, como xa temos cintado anteriormente, falsa, polo que se debe ter especial precaución na interacción coa mesma.

Nota ao pé: estas características poden variar, en diferentes graos, dun xeito directamente proporcional ao tamaño dos escotes ou inversamente proporcional á lonxitude das saias, no caso de ser muller -só muller, son machos-de-toda-la-vida-