Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

segunda-feira, janeiro 03, 2005

Proceso de desmentalización

Encántame escribir pola noite. É unha mágoa que o noso cuadriculado mundo occidental teña a manía de "vivir" polo día e "descansar" pola noite. Se non fose así eu, que pretendo adicarme a unha desas profesións nas que se traballa con palabras -vaian ou non acompañadas de imaxes- xa tería a vida medio solucionada. En fin, que lle imos facer. A verdade é que vivimos nun mundo e, máis concretamente, nun país, que dá pé a escribir continuamente e ao longo de toda a vida; e se, aínda por riba, ademais de pertencer a esta colectividade chamada Galiza (Galicia, para o caso) pretendes ter unha vida de interrelacións persoais e aínda outra máis, íntima e persoal, cunha certa autocomunicación e pensamento reflexivo, é que non paras.
Certo é que non é tendencia o de pensar para un mesmo, e se pertences ao xénero masculino e tes unha certa idade, aínda menos. Co ben que se vive lighando nas fins de semana e preparando os actos de apareamento -virtuais ou reais- o resto da semana... pois eu penso -ou polo menos tento pensar- e coido que non, que así non se vive ben. Cada vez que visito certos mercados gandeiros das noites luguesa e compostelá o teño máis claro. Polo que sexa, case todos nos aproveitamos algunha vez deses mercados, pero non por iso deberiamos velos como algo bo ou fachendear diso. Facémolo ou fixémolo porque si, e abonda.
Pensaches algunha vez en deixar de pensar? en desconectar o cable que une a realidade coas neuronas e ala, a vivir. Hai moita xente que xa o fixo, e mesmo goberna países. Poderiamos lanzar unha campaña con tal obxectivo, seguro que apañariamos unha subvención da Xunta -da Consellería esta de muller, xuventude, voluntariado, deportes, familia y otras hierbas-. Deste xeito iniciariamos un "proceso de desmentalización" no que todo sería moito mellor. Non habería radicalismos nin estremismos, ninguén se namoraría nin sufriría desamor, ningún de nós agardaría ao carón do teléfono con cara de parvo/a ata que ela/el chamase ou enviase unha mensaxe, non existirían, moito menos, posturas ideolóxicas, partidos políticos ou relixións. Todos apampariamos diante do mesmo programiña de TV e seriamos idealmente conformistas. Que perfecto! Non teriamos tempo para nos indignar cando algún destes que é galego de luns a venres e en horario de oficina aldraxa ao país. Non teriamos tempo para chorar de tristura inxustificada nin de ledicia da que non se explica. Pénsao.