Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

domingo, janeiro 02, 2005

O que pasa por estes países do Señor...

Leo nun weblog catalán pertencente a Jordi Falcés i Valls un suceso que me deixa abraiado. Resulta que Eric, un mozo catalán de 14 anos, deciciu enviar un e-mail a unha cadea de supermercados instando á empresa a etiquetar os seus produtos en catalá (a lei catalana obriga a facelo). No seu correo, o rapaz asinaba coma "Cap de l'Exèrcit del Fènix" (Xefe do Exército do Fénix), xa que el é o webmaster dunha web denominada "Exèrcit del Fènix" que fala da necesidade de catalanizar os Països Cataláns. A cousa complicouse cando as forzas de seguridade, por así dicilo, comezaron a investigar a Eric, investigación que rematou coa aparición na súa casa da Brigada Antiterrorista con rexistro, incautación do ordenador do rapaz e posterior inicio dun proceso xudicial que mesmo o levou a ter que ir declarar á Audiencia Nacional (a fiscal espetoulle cousas coma esta: "Eres muy inteligente pero esta inteligencia la tenemos que controlar, porque si has hecho esta web con 14 años no quiero ni pensar cuando tengas 18".).
Aínda que o pequeno vai de radicalillo pola vida -sobretodo no que á metodoloxía se refire-, de momento somentes é un neno e, neste caso concreto, non só reclamou algo que coido moi xusto, senón que reclamou algo que a lei obriga a facer. Terémonos que andar con ollo...